Pedro Sánchez foi, sen ningunha dúbida, o presidente que máis desprezou a Galicia en menos tempo de mandato. A súa primeira decisión como líder do Executivo -alén do ridículo do colchón da Moncloa- sobre a nosa Comunidade foi amagar cun novo retraso das obras para a chegada do AVE. A presión política e social provocou que dese marcha atrás ao día seguinte.

Isto, que ben podería ter sido unha anécdota, igual que o feito de que entre voo e voo no Falcon non tivese sacado un minuto para vir a Galicia como presidente, resultou unha constante do seu tempo á fronte do Goberno central. A mellor mostra foi o borrador de Orzamentos Xerais do Estado, nos que propuxo un recorte de máis do 25% dos investimentos para a nosa Comunidade, mentres os doutras coma Cataluña medraban por riba do 60%.

Se nalgunha materia ten resultado Pedro Sánchez un auténtico desastre para Galicia é no eido económico e industrial

Mais se nalgunha materia ten resultado Pedro Sánchez un auténtico desastre para Galicia é no eido económico e industrial. Co seu dieselazo e os globos sonda irresponsables sobre os motores de combustión, os socialistas puxeron en perigo a nosa industria da automoción, con efectos nocivos que xa foron perceptibles nas nosas factorías. Coa súa errática política enerxética, Alcoa xa anunciou o seu peche na Coruña e ve comprometida a súa continuidade en San Cibrao; ao tempo que as incertezas se apoderan de Ferroatlántica e as centrais térmicas de Cerceda e As Pontes xa teñen data de clausura, o que implicaría que Galicia pasase de ser unha Comunidade excedentaria a deficitaria en produción eléctrica, algo que provocaría un novo encarecemento do prezo da luz para pequenos e grandes consumidores.

Pero o despropósito segue. Sen ningún motivo máis que o de aproveitar a sinatura como un acto máis de propaganda electoral, os socialistas adiaron a orde de execución das Fragatas F-110 máis de oito meses e puxeron en dúbida un investimento clave coma o da construción do Estaleiro 4.0. Isto, unido á desviación de carga de traballo de Fene a Cádiz, provocará que se destrúa emprego durante un tempo na comarca de Ferrolterra, tan dependente do naval.

O último episodio deste comportamento neglixente foi a modificación do regulamento da Lei de Costas que realizou supostamente ad hoc contra Ence. Con ela, non só están risco os 5.000 empregos do sector forestal e os ingresos de 80.000 familias que venden madeira, senón tamén a actividade dun cento de conserveiras, depuradoras ou cocedoiros de marisco que se atopan nunha situación similar á da pasteira pontevedresa. Dun mesmo golpe, o PSOE dana de gravidade varios dos motores económicos das nosas comarcas.

Ningún galego ou galega, onde queira que se sitúe no arco ideolóxico, debera ser cómplice do desprezo que mostrou Sánchez coa nosa terra en todas as súas decisións. O PSdeG acadou un grao de sucursalismo con Ferraz inasumible por ningunha persoa que defenda os intereses da autonomía coa que hoxe contamos.

Se queremos que Galicia teña unha voz forte en Madrid, que as nosas reivindicacións sexan escoitadas e que a nosa economía teña un novo impulso, precisamos apostar por un partido que coñeza as necesidades reais do territorio, porque chega a cada recuncho del, e teña capacidade de propoñer solucións reais aos seus problemas cotiáns. Ningún partido se parece tanto a Galicia coma o Partido Popular, porque ningún a coñece tan ben coma el.