As liberdades de todas, unha loita republicana

Millán Fernández - Militante de Anova-IN



 

“A división verdadeira non é a que separa a conservadores de revolucionarios, é a que distingue entre autoritarios e libertarios”,

Eric Arthur Blake “George Orwell”. Autor, entre outros, de Homenaxe a Catalunya.

No remate destas liñas resoa aínda o 1 de Abril do 2018, a un ano do 80 aniversario do primeiro“Día de la Victoria”. Son xa oito décadas facendo valer, de maneira máis ou menos sutil, aquel parte final de guerra que certificaba a destrución definitiva da República e o enterramento do máis ambicioso intento de levar a cabo progreso, liberdade e democracia para as maiorías sociais dos pobos peninsulares, asinado por Franco en Burgos: “Cautivo y desarmado el ejército rojo, han alcanzando las tropas nacionales sus últimos objetivos militares. La guerra ha terminado”.

Son días nos que o Goberno español resgata con 800 millóns de euros de diñeiro público dúas novas autoestradas xestionadas por poderosas mans privadas, para lucro infinito de Florentino Pérez et alii. Grandes homes de negocios que adoitan ir todos os domingos á misa e levan unha patriótica pulseiriña no pulso, sempre preocupados pola “integridad territorial de España”. Que presiden clubes de fútbol de proxección universal para intentar lavar a súa imaxe, e seguir facendo negocios, mentres arrasan media selva en Guatemala ou furan a foxa continental no mar Mediterráneo poñendo en risco a vida de milleiros de persoas ao tempo que levan a cabo a maior fraude da historia do sector enerxético español, sendo esta un factura que aboamos relixiosamente os cidadáns no recibo da luz e que, no caso galego, súmase ao espolio colonial permanente. Dos que agora dubidan se repartir os ovos no cesto do PP ou seguirlle inflando o papo ao “neofascismo Armani” (que diría o finado Saramago) e laranxa de C´s, porque para o PSOE sempre queda tamén. Pelotazo tras pelotazo, e cultura do pelotazo, que engraxa perfectamente a maquinaria do Réxime da Corrupción, patria común e indivisible de todos eles.

Florentino Pérez, e seus amigos da oligarquía empresarial, son donos e señores de media península e todo aquilo que vaia, no máis mínimo, contra os seus intereses atopará coa implacabilidade dunha Xustiza impartida no nome do Rei e cun aparato propagandístico policromático, pero monocorde e debidamente subvencionado (“se non estades preparados contra os medios de comunicación faránvos amar ao opresor e odiar ao oprimido”, Malcolm X) que calificará coma terrorista, insurxente ou rebelde calquera acción de protesta ou de desobediencia pacífica. Co que isto significa: tratamento de “inimigo do Estado”. Que cunda o exemplo.

Florentino Pérez, e seus amigos da oligarquía empresarial, son donos e señores de media península

 

É o que vén de acontecer na Catalunya irredenta e persistente, en plena batalla por defender as súas liberdades nacionais (e as de todas nós, sen recibir moita solidariedade a cambio) fronte a un estado demofóbico e irracional que nega algúns dos seus dereitos máis elementais, como poder escoller a súa propia forma de goberno e gobernantes, ou poder decidir sobre os seus propios asuntos en liberdade. Elementos imprescindibles para poder falar de soberanía e democracia, no continente que pariu e pervertiu ámbolos dous conceptos esenciais para entender o devir da Europa posterior á Segunda Guerra Mundial. A regresión é de ampla magnitude, e está desatada. Só equiparable na contorna á razzia ideolóxica de Tayyip Erdogan contra a disidencia turca. Desde logo, sen comparación posible nos países da Unión Europea, algúns dos cales veñen de deixar á Xustiza española á altura do que lle é propio: un estado vingativo e autoritario cunha feble separación de poderes que promove altas doses de odio e fascismo institucionalizado, e retén presos políticos nas súas cárceres contra todo principio dun estado de dereito garantista. Estamos ante un poder con tentacións despóticas, que retorce normas feitas á medida, e que se sente totalmente impune para agredir sistemáticamente non só ás clases populares e especificamente á traballadora, senón ao conxunto da cidadanía libre.

Non chegando coa represión nos barrios e pobos do día 1 de outubro, o encarceramento de líderes civís e políticos, a intervención da autonomía e toda unha batería de medidas anticonstitucionais e ilegais por parte do Goberno español, acaba de darse o perigoso salto da criminalización e ataque dos espazos asociativos e do tecido da sociedade civil autoorganizada: os Comités de Defensa da República. O estado de excepción e as ameazas esténdense xa a todos os sectores da sociedade ou, cando menos, de máis de media sociedade catalá. Trátase dunha clase dirixente absolutamente corrompida que se propuxo empregar ilexitimamente o monopolio da violencia contra o pobo que a sostén, impartindo terror contra todo o que se mova. Clase dirixente esta que, como vemos a cotío, non só esquilma recursos públicos de maneira voraz e insaciable, senón que corrompe toda canta institución toca, mesmo a Universidade. Na entolecida fuxida cara a diante, e con morna e ineficaz oposición real, pretenden reinstaurar unha sorte de ditadura, novamente nacional-católica e amiga dos “novios de la muerte”, mentres grandes masas de poboación penduran bandeiras rojigualdas nos seus balcóns e tellados, aceptándoa de bo grao. Nos plans de estudo, outra vez, “Formación del Espíritu Nacional”: militarismo e adoutrinamento contra a Paz, vernizado de “patriotismo”. O politizado e anticonstitucional Tribunal Constitucional vén de avalar, tamén, o financiamento público de escolas segregadoras por sexos4. Falta un “Caudillo por la Gracia de Dios” para poñerlle a guinda ao cheirento e nauseabundo pastel nesta viaxe acelerada e distópica ao pasado. Bandeiras a media hasta en edificios oficiais pola morte de Cristo, que tamén debía ser español.

O estado de excepción e as ameazas esténdense xa a todos os sectores da sociedade ou, cando menos, de máis de media sociedade catalá

 

Nas semanas anteriores os medios de propaganda, mailos partidos que respaldan as medidas de excepción aproveitando que o Ebro pasa por onde pasa, levaron a cabo a impúdica criminalización con reiteradas informacións e declaracións terxiversadas e falsas. Primeiro abóase o terreo. Logo actúan as forzas policiais e xudiciais, en sintonía, pechando filas coa mensaxe do monarca autoritario Felipe VI do día 3 de outubro de 2017: “a por ellos, oé!”. Ao remate destas liñas van 8 persoas detidas sobre as cales pesaron firmes acusacións, totalmente desproporcionadas e fóra de lugar por: desordes públicos, sedición, rebelión e ata ¡terrorismo! [finalmente, o xuíz da Audiencia Nacional retirou este último cargo]. A indefensión e a mentira como experiencia e práctica total, nunha inversión da realidade cotiá que lembra o peor dos estados totalitarios do século XX.

Fronte a isto, a verdade é sempre revolucionaria: os CDR, herdeiros dos “Comités de Defensa del Referéndum”, son espazos asamblearios e plurais no ideolóxico e na súa composición social que levan a cabo accións reivindicativas de protesta e de resistencia pacífica. Traballan en rede e están decididos a preservar o mandato popular con accións que van na liña histórica dos mellores episodios de avance e liberación da historia humana: a desobediencia civil como práctica para a conquista dos dereitos fronte ao poder opresor que preserva situacións de inxustiza ou discriminación. Nada que non fixeran antes Martin Luther King, Mahatma Gandhi, Rosa Parks ou Nelson Mandela noutras latitudes e con obxectivos e resultados dispares. Provócanlle pánico ao Estado, que precisa destruílos ao custe que sexa, ou tornalos realmente violentos, porque son axentes de acción colectiva “descolonizados”, totalmente autónomos doutros actores políticos e sociais e, ademáis, poden recabar simpatías entre amplas capas populares; tanto polos obxectivos coma polos métodos. Aconteceu o mesmo co movemento 15-M no seu día, ou coas diversificacións sectoriais coma a PAH na súa loita contra o medio millón de desafiuzamentos produto do estourido da burbulla inmobiliaria. Aconteceu o mesmo contra o movemento feminista, ou o movemento dos pensionistas. A estes últimos aínda non lograron relacionalos co terrorismo, pero todo se andará.

Cal foi a acción principal de protesta e desobediencia pola que foron recoñecidos publicamente, logo criminalizados e agora represaliados? O corte de autoestradas e a apertura de peaxes para os usuarios das mesmas na AP-7, xestionada por capital de Florentino Pérez, entre outros. Saen as contas. Se isto é “terrorismo”, que é o que foron as folgas obreiras noutros episodios históricos coma o Vigo e o Ferrol que defendían os estaleiros na Galiza de hai 3 décadas?

Cos CDR teñen unha vantaxa, pois poden “territorializalos” e establecer unha nova Zona Especial Norte, coma na Euskadi dos anos 80 do século pasado. Macro-sumarios, e un “todo es ETA” (sen violencia!) contemporáneo que garanta a complicidade da masa lobotomizada e xustifique calquera exceso que sobrepase as lindes do “Estado Democrático y de Derecho”. O mellor antídoto: estender os CDR a todos os puntos do estado español.

Tanto ten que a única violencia de entidade ata o de agora viñera por parte de manifestantes unionistas e de extrema dereita, ou da propia Policía e da Garda Civil. Ademáis, xa crearon os GDR [Grupos de Defensa e Resistencia], bandas fascistas encargadas de "limpiar Cataluña de lazos amarillos", a parte de agredir e intimidar, normalmente con nocturnidade e encarapuchados, a independentistas ou inmigrantes. Contan, obviamente, coa simpatía do sector que se identifica con esa creación grotesta (medio en serio, medio en chanza) dun Ulster hispano, en territorio catalán: Tabarnia. Un espazo territorial e simbólico de supremacismo nacionalista español que contou, ata o momento, coa complicidade e tratamento esquisito de grandes "medios de comunicación" de masas, probablemente alentado e favorecido como reacción desde altas instancias do Estado e da súa Intelixencia, na defensa da súa Razón de Ser, para envelenar a convivencia. Algo que non acontecera endexamáis, salvo casos illados, na década que levamos de percorrido dun "procés" mundialmente recoñecido coma pacífico, multitudinario, civil e democrático. Con mobilizacións de masas tan só equiparables en Europa Occidental ás producidas durante a queda do Muro de Berlín. 

Tanto ten que a única violencia de entidade ata o de agora viñera por parte de manifestantes unionistas e de extrema dereita

 

A quen interesa? Quen, e por qué, está disposto a redobrar a perigosa aposta de alto risco de desencadenamento de procesos de violencia política no estado español? De verdade que importa máis a "sagrada unidad de la patria" que a paz, as liberdades públicas e a democracia? Cando vai haber un Goberno responsable que faga o que ten que facer, que é dialogar e facer política?

Son cuestións que só o tempo irá esclarecendo.

Cronoloxicamente e na Historia non, mais no calendario gregoriano, logo do 1 de abril vén o 14 de abril. E non hai ditadura que cen anos dure. A día de hoxe hai poucas cousas máis prioritarias na axenda social e política que a batalla na defensa das máis elementais liberdades civís, severamente ameazadas. Todas as demais, inda que extraordinariamente importantes, están subordinadas a ela. É imposible pelexar por mellores codicións sociais, laborais ou de igualdade sen as anteriores.

Viva/n a/s República/s !

#LlibertatPresosPolitics
#LiberdadePresasPolíticas