Gabriel Rufián (ERC) Laura Borràs (Junts) Mertxe Aizpurua (EH Bildu) Mireia Vehí (CUP) Néstor Rego (BNG) Vicenç Vidal (Més per Mallorca)*En nome dos 29 deputados e deputadas e 21 senadores e senadoras das forzas asinantes da Declaración da Llotja de Mar.

 

O Estado español áchase desde hai anos encallado no camiño cara á conquista plena das liberdades, tras a morte do ditador Francisco Franco e a sucesión monárquica. É máis, iniciou un preocupante retroceso que comeza a afectar as poucas bases da democracia española, ante o silencio maioritario dos partidos políticos do sistema. En definitiva, o réxime de 1978 padece un déficit democrático estrutural que o fai incapaz de asumir os desafíos dunha sociedade complexa, chea de desafíos globais e locais, unha sociedade cada día máis exixente coa súa democracia.

Os resultados das últimas eleccións lexislativas españolas son un reflexo de todo isto. Que abandonen toda esperanza aqueles que pensan que se trata dun fenómeno circunstancial e pasaxeiro: hai un malestar que percorre os pobos do Estado español. Non é ningún accidente, senón a confirmación deste déficit estrutural, que se tivesen que realizar catro eleccións en catro anos, e continúe habendo serias dificultades para articular novas maiorías.

Neste contexto, a incapacidade da política española de dialogar coa disidencia, xa sexa ideolóxica ou territorial levou o sistema ao colapso. E só poderá saír del, e con iso axudar os cidadáns para progresar, se se afronta o problema de cara e se comeza a avanzar con solucións, que só -e subliñamos o só- poden vir do recoñecemento e respecto das nosas nacións e de todos os interlocutores e propostas que buscan garantir o exercicio de dereitos fundamentais, democráticos, económicos e sociais.

No pasado 25 de outubro, en Barcelona, as forzas soberanistas e independentistas de todo o Estado que concorriamos ás eleccións españolas do 10N, asinamos a Declaración da Llotja. Unha Declaración que nos parecía imprescindíbel tras a sentenza que condenou a 100 anos de cárcere os líderes das dúas principais organizacións sociais e os lexítimos representantes do pobo de Cataluña que fixeron posíbel o referendo de 1 de outubro de 2017 e ante a grave restrición de dereitos que a propia sentenza marca á acción política. Unha declaración que constataba, en primeiro lugar, a imposíbel estandarización do Estado español como democracia homologábel. En segundo lugar, afirmaba o fracaso da autodenominada "Transición española", que non só non se produciu senón que deixou espazo a unha dinámica represiva, autoritaria e contraria aos principios democráticos esenciais, á cabeza da que se sitúa a monarquía. En terceiro lugar, afirmábamos que o Estado dá as costas aos principais acordos e tratados internacionais a favor dos dereitos humanos -en especial ao Pacto Internacional polos Dereitos Civís e políticos-, cando é incapaz de coñecer, recoñecer e promover o exercicio do dereito á autodeterminación.

Os partidos asinantes da Declaración conscientes de que nos corresponde actuar políticamente e formular propostas, puxémonos de acordo nun marco común de mínimos, a partir do que habemos ser capaces de encontrar solucións satisfactorias. Un marco baseado no recoñecemento e respecto de dereitos fundamentais e democráticos como o da autodeterminación; no cesamento de toda forma de represión; na articulación dunha solución política e democrática do conflito que os nosos pobos manteñen no seo do Estado español, e na liberdade das presas e presos políticos e a volta á casa dos exiliados e exiliadas.

Todos nós, que representamos unha forza de 29 parlamentarios no Congreso e 21 senadores no Senado, estamos dispostos a contribuír para desatascar a situación de colapso

Todos nós, que representamos unha forza de 29 parlamentarios no Congreso e 21 senadores no Senado, estamos dispostos a contribuír para desatascar a situación de colapso e regresión democrática en que entrou o Estado español. Propomos sentarse e falar. Que todos os actores políticos se poidan sentar, falar e negociar, sen condicións, e que se fale do recoñecemento nacional e, por tanto, do dereito á autodeterminación das diferentes nacións que forman parte do Estado español actualmente. Que se deteña a represión feroz que suplantou o diálogo e as solucións políticas e democráticas durante demasiado tempo e que tivo o seu corolario na sentenza que condenou políticos e líderes sociais pacíficos e cun compromiso e comportamento democráticos inequívocos e que expulsou ao exilio outros líderes que atoparon, en Europa, as garantías xurídicas que tristemente non foi capaz de dar o Estado.

A maioría que se quer articular entre PSOE e UP terá de liderar un cambio de era, terá de certificar a defunción do réxime do 78 e asumir a súa responsabilidade en construír un verdadeiro estado democrático, de xustiza social, de igualdade e respecto, o que só será posíbel se cesa a represión, rompe cos vínculos do pasado aínda existentes e recoñece tanto o seu carácter plurinacional como o dereito de autodeterminación dos pobos.

Se o fan, nós estaremos. Se aceptan sentarse e falar connosco de como os nosos países deciden o seu futuro de maneira libre e acordada, atoparemos solucións, estabilidade e progreso para os nosos respectivos pobos.