O pasado 25 de xullo a Unión do Povo Galego fixo 50 anos de existencia e de loita ininterrompida por unha Galiza libre e socialista. Celebrámolo da mellor maneira posíbel: mobilizándonos en Compostela, nun Día da Patria masivo en defensa da soberanía.

O pasado 25 de xullo a Unión do Povo Galego fixo 50 anos de existencia e de loita ininterrompida por unha Galiza libre e socialista. Celebrámolo da mellor maneira posíbel: mobilizándonos en Compostela, nun Día da Patria masivo en defensa da soberanía. Festexámolo, por tanto, cunha demostración da capacidade de mobilización do nacionalismo, que deriva da súa introdución social, da organización, do traballo permanente en todos os ámbitos da nosa sociedade. Demostramos ese día que o nacionalismo, a pesar das enormes dificultades en que desenvolve a súa acción política, ten moitas fortalezas e aínda moitas potencialidades que é preciso valorizar e desenvolver. Ficou tamén en evidencia que, para alén das vicisitudes electorais en que moitos factores entran en xogo, o nacionalismo é unha realidade sólida e con capacidade, asentada no povo ao que serve, e con base para avanzar. E iso a pesar de ter todo en contra. Aquí non estamos a falar de produtos electorais inflados mediaticamente conforme ao intereses conxunturais do poder. Estamos a falar dun proxecto firme, que foi construído precisamente contra o poder e, por tanto, tamén contra o permanente acoso mediático do sistema. Creado e construído por e para a Galiza.

"Ficou tamén en evidencia que, para alén das vicisitudes electorais en que moitos factores entran en xogo, o nacionalismo é unha realidade sólida e con capacidade, asentada no povo ao que serve, e con base para avanzar". 

Cando en 1964 é fundada a UPG, rexorde o nacionalismo organizado e actuante politicamente. A UPG aparece porque era unha necesidade do povo galego contar con forzas políticas propias que, desde a independencia política e organizativa actuasen en función dos intereses da nación. Era moi fácil na altura deixarse engaiolar polos apelos da esquerda españolista á unidade contra a ditadura que exixía actuar sometidos ás dinámicas políticas xerais, quer dicir, ás dinámicas políticas españolas. As persoas que fundaron a UPG non o viron así. Tratábase de loitar contra a ditadura, é verdade, mais non só. Desde unha perspectiva de País, o que en realidade era preciso era loitar contra a dependencia colonial, contra a opresión da nosa nación e pola soberanía da Galiza. E para iso non servía a esquerda española. Moi ao contrario. Someterse a esa dinámica tería sido renunciar á posibilidade de a Galiza exercer como suxeito político e á necesidade de se organizar para avanzar no proceso de autodeterminación.

Os intereses da Galiza exixían outra cousa. Exixían non só organización política propia mais tamén vertebrar a sociedade galega de maneira independente en todos os ámbitos. E, cando apenas 5 anos após a fundación Moncho Reboiras se integra no Partido, a ese labor de auto-organización dedica todos os esforzos, quer no campo sindical, organizando os primeiros núcleos do sindicalismo nacionalista, que no cultural ou estudantil. Tiña claro o compañeiro Reboiras algo que agora, 40 anos despois, moitos que se postulan nacionalistas esquecen ou fan por esquecer: para podermos alcanzar a independencia temos que comezar por pensar con independencia e por actuar con independencia., Quer dicir, romper a colonización mental e garantir organizacións propias, non dependentes, para a Galiza poder actuar tamén en función dos propios intereses.

Nestes tempos de confusión e de mistificacións, convén ter ben presente o exemplo militante de Reboiras e con el o das persoas que ao longo dos anos mantiveron e desenvolveron as liñas axiais do nacionalismo. Porque o proxecto nacionalista é unha construción colectiva, mais hai tamén sen dúbida, persoas que co seu excepcional labor político e militante contribuíron de maneira singular para que hoxe sexa a realidade firme que é. De entre todas esas persoas, quero destacar a de Bautista Álvarez, exemplo de dedicación militante e de coherencia política e persoal que é de xustiza recoñecer. Dicía Bautista no acto de conmemoración do 50 aniversario do Partido que era un feito excepcional no País que unha forza política como a UPG desenvolvese un labor continuado ao longo de 5 décadas, baixo as mesmas siglas e tamén baixo os mesmos postulados. Pois ben, temos que dicir que non é menos excepcional unha traxectoria de militante e dirixente político de 50 anos, desenvolvida con coherencia, con confianza na Nación e con fidelidade á causa e aos principios o nacionalismo. Por iso, como a de Reboiras, a traxectoria política de Bautista é para nós exemplo e fonte de auga fresca en que inspirar o noso labor político e militante. Vaia, por tanto, o noso sincero tributo ao camarada Bautista Álvarez.

"Tiña claro o compañeiro Reboiras algo que agora, 40 anos despois, moitos que se postulan nacionalistas esquecen ou fan por esquecer: para podermos alcanzar a independencia temos que comezar por pensar con independencia e por actuar con independencia".

Nós temos confianza no noso povo e estamos dispostos a petar e petar, todo o que for necesario, até alcanzarmos un estado de opinión revolucionario. Porque sabemos que as condicións obxectivas están dadas para que o povo galego camiñe con decisión para a soberanía. Falta apenas -e non é pouco.- que, contra todo o poder mediático do sistema e frente á submisión consciente e colonizada do goberno galego, frente ao servilismo do PPSOE como bos xestores do réxime, frente ao comportamento de bos asimilados desa dita esquerda anti-sistema upada electoralmente desde os medios e platós televisivos do propio sistema e tamén frente ao entreguismo daqueles que dicíndose nacionalistas confesan impudicamente non confiar no povo galego, sexamos capaces de facer chegar ao noso povo as razóns polas que a Galiza precisa de soberanía.

Son moitas e cada vez máis evidentes. Andan agora coa cantilena os nosos detractores de que se engana o BNG por falar de soberanía cando á xente o que preocupa é o emprego. Pois ben, de que pensan que estamos tamén a falar cando falamos de soberanía? Non é apenas por razóns ideolóxicas e identitarias -como gostan dicir-, aínda que para calquera patriota serían máis que suficientes. A reivindicación da autodeterminación é un dereito democrático colectivo básico ao que a Galiza non pode nin debe renunciar e que constitúe a columna vertebral da reivindicación nacionalista ao longo da nosa historia recente. Lembremos apenas a formulación empregada por Castelao no Sempre en Galiza hai xa máis de 70 anos: “Galiza é unha nacionalidade e por tanto ningún antifascista pode recusarlle o dereito de autodeterminación, quer dicir, o dereito a gobernar a súa vida” E lembremos aínda que, cunha formulación parecida mais inequívoca, o primeiro dos 10 puntos fundacionais das UPG estabelecía que “Galiza é unha nación e como tal ten dereito á súa autodeterminación”. É, pois, razón suficiente para nós, como o é para calquera povo do mundo. No entanto, para a Galiza a soberanía é moito máis que a consecuencia lóxica dun dereito que lle debe ser recoñecido e que debe exercer. É unha verdadeira necesidade se quixermos sobrevivir como povo. Do punto de vista lingüístico e cultural, máis tamén do punto de vista económico.

E non temos que ir moi lonxe no tempo para mostrar como soberanía e desenvolvemento económico, soberanía e benestar, están intimamente ligados, porque todos os días temos bos exemplos. Estes últimas semanas coñecemos informacións económicas relevantes para o noso País que poñen claramente en evidencia a relación directa entre falta de soberanía e desemprego: vén de se facer público o novo rexeitamento de Bruxelas á construción do dique flotante, que se suma ao reiterado veto para a construción civil en Navantia, o que leva condenado a comarca de Ferrolterra á perda de millares de postos de traballo nestes anos. Podemos, como acontece co tratamento dos medios sistémicos, consideralo como algo inevitábel, ou podemos, como fai o nacionalismo, evidenciar que é consecuencia directa de seren outros, Madrid e Bruxelas, os que deciden por nós. E aínda hai que diga que a soberanía non ten a ver co emprego!

"Andan agora coa cantilena os nosos detractores de que se engana o BNG por falar de soberanía cando á xente o que preocupa é o emprego. Pois ben, de que pensan que estamos tamén a falar cando falamos de soberanía?"

Tamén Madrid e Bruxelas, e non a Galiza, deciden cando, onde, como e canto podemos pescar, limitando as nosas posibilidades e condenando unha frota de pesca punteira no mundo a ir esmorecendo, e con ela as posibilidades de emprego no sector. Recentemente o Ministerio de Pesca español negociou a inclusión doutras frotas do estado na revisión do Protocolo de pesca Unión Europea-Mauritania mais deixou fóra a frota galega. E antes foi a cota da xarda, ou os acordos con Senegal ou con Marrocos. E aínda hai quen diga que a soberanía non ten a ver co emprego!

E podemos falar doutros sectores. O proceso de reestruturación bancaria deseñado por Madrid e Bruxelas, para alén de eliminar o sistema financeiro galego, supuxo o encerramento de máis de 700 oficinas e a perda de máis de 4.000 postos de traballo. Galiza non puido decidir e saímos claramente prexudicados. Como saímos prexudicados dun sistema de financiamento que nos venden como solidario e a salvación de Galiza e que na realidade, drena os nosos impostos para beneficio da oligarquía española. Ou prexudicados tamén do espolio do noso aforro ou da nosa capacidade de produción enerxética. Onte mesmo coñecíamos o dato de que o emprego no noso país se sitúa, como mínimo, no nivel do ano 2000, retrocedendo por tanto 14 anos. E aínda hai quen considera que non é o momento de falar de soberanía!

Nós, en troca, temos claro que si. Porque sabemos que no noso País non haberá posibilidade de resolver definitivamente os principais problemas sociais -desemprego, abuso dos bancos, desafiuzamentos, roubo do aforro, impedimentos para o desenvolvemento da economía produtiva, perda de dereitos- se non tivermos capacidade de decidir. Aliás, a pretensa dicotomía entre soberanía e emprego, para alén de ser falsa parte de premisas absolutamente enganosas. Ou alguén é capaz de soster seriamente, neste país, que o BNG fica indiferente diante dos problemas sociais a esperar que a soberanía caia como maná do ceo? O Bloque é sen dúbida, a organización política que, de forma constante nos máis de 30 anos de historia, estivo presente en canto conflito social existiu no noso país, nas rúa, nas mobilizacións, levándoos ás institucións e, ademais, propondo sempre alternativas. Fagamos valer, por tanto, o noso traballo e defendamos con firmeza o noso discurso.

"Sabemos que no noso País non haberá posibilidade de resolver definitivamente os principais problemas sociais se non tivermos capacidade de decidir".

Amigas e amigos: o curso político que está a piques de se iniciar coloca por diante novos e importantes retos. A comezar polo proceso 'Construíndo futuro' que ten lanzado o BNG. Trátase de, frente ás dinámicas políticas españolas, fortalecer as dinámicas políticas propias a partir dun proceso de acumulación de forzas arredor do proxecto nacionalista que o BNG representa e da liña política definida nas dúas últimas asembleas nacionais. Temos claro que este é un proceso absolutamente necesario para lograrmos que o nacionalismo avance e, por tanto, é preciso asumírmolo como unha prioridade política, non de forma rutineira, mais de modo creativo e tratando de desenvolvelo de maneira que sirva aos obxectivos fixados e saiamos del con un BNG máis forte e con máis capacidade.

O noso partido que sempre se esforzou por contribuír con todo o seu potencial para a causa do nacionalismo e nese camiño non dubidou en introducir as adaptacións precisas para podermos avanzar. Tamén agora enfrentamos este proceso con esa mesma disposición, mais ao tempo, como sempre, desde a coherencia política e ideolóxica e o respecto polo que colectivamente temos acordado. Estamos para reforzar o nacionalismo, desde o principio e a práctica da auto-organización, e para iso temos a enteira disposición para definir colectivamente as mellores fórmulas para conseguilo. Non estamos para baixar os escudos e deixar a nave inerme e indefensa. Para esa viaxe non eran precisas alforxas. Sería máis que renunciar a 50 anos de coherencia, de sacrificios, de loita. Sería tanto como renunciar na práctica ao nacionalismo e por iso mesmo ao obxectivo da soberanía.

Sabemos que para moitas persoas, mesmo nacionalistas de boa fe, pode resultar tentador ese discurso da 'unidade da esquerda', 'todos contra o PP'. Mais é enganoso e, para estar prevenidos, só hai que reparar no enorme espazo mediático que está a recibir. Con certeza que tamén á altura de 1964 o máis fácil parecería deixarse arrastrar polo discurso de 'unidade frente ao inimigo común', un inimigo que, aliás, era moi poderoso e encarnizado. E, con todo, o nacionalismo reorganizouse e lanzou a súa propia batalla contra o réxime ditatorial. Mais, do mesmo modo que daquela non era unha loita só contra a ditadura senón contra a dependencia colonial, tamén agora a nosa loita non é apenas contra a ditadura dos mercados ou contra o PP que lle toca por turno xestionar o sistema. É contra a nosa dependencia, é contra esa España que nos rouba e nos oprime, é pola soberanía da Galiza. E nese camiño non hai atallos, hai apenas pretextos. Non é posíbel avanzar para a soberanía integrándose -ou mellor, entregándose- con aqueles que traballan contra o noso dereito a decidir. Non se avanza para a independencia, contribuíndo para reforzar -en aras da chamada unidade da esquerda- as dinámicas políticas españolas. Un proxecto político non pode servir a dous obxectivos diferentes e o noso estivo, está e estará sempre, sempre, sempre para servir a Galiza.

"Sabemos que para moitas persoas, mesmo nacionalistas de boa fe, pode resultar tentador ese discurso da 'unidade da esquerda', 'todos contra o PP'. Mais é enganoso e, para estar prevenidos, só hai que reparar no enorme espazo mediático que está a recibir". 

No ano 2015 temos que afrontar dous procesos electorais esencias para o noso País: as eleccións municipais e as xerais. Farémolo, como sempre, coa máxima dedicación e o máximo esforzo, sabendo que do resultado deses procesos van derivar situacións chave para o nacionalismo. Singularmente porque as eleccións municipais representan a oportunidade de asentar e estender a organización e a influencia política do BNG no ámbito local, sen dúbida unha das nosas fortalezas. Mais tamén temos o reto fundamental de garantir a representación do nacionalismo no Congreso dos Deputados, vital para defender a posición da Galiza nos posíbeis procesos que se puideren abrir no estado español nos próximos tempos.

O momento polo que pasa o nacionalismo non é fácil, mais tamén é verdade que se abren dinámicas esperanzadoras que necesariamente teñen de vir a reforzar as nosas posicións. Primeiro porque a crise económica, contra o que pregoan os entusiastas xestores do sistema, está lonxe de chegar á súa fin e a crise política aínda non fará máis que aprofundar. Mais tamén polo avance dos procesos de soberanía abertos en Europa e no estado. Nese sentido, queremos aproveitar este acto para proclamar publicamente o noso apoio á independencia de Escocia, a referendo o próximo día 18 de setembro e ao proceso para a independencia de Cataluña, con consulta marcada para o 9 de novembro. Temos a certeza de que, aconteza o que acontecer nesas datas, o avanzo desas nacións para a independencia é xa imparábel e abrirá -xa está a abrir- unha vía de auga na até o de agora incuestionábel unidade dos estados da Europa occidental, particularmente do Estado Español. Con ese mesmo espírito solidario e internacionalista alzamos a nosa voz, máis unha vez, para condenar o masacre, o auténtico xenocidio que Israel está a perpetrar co povo palestino en Gaza e reclamamos paz, liberdade e independencia para Palestina.Nós temos que percorrer o noso propio camiño e farémolo, sen dúbida, coa mesma ilusión, coa mesma convicción e co mesmo compromiso con que chegamos até aquí. Mais tamén coa certeza de que a vitoria está cada vez máis próxima. 

"O momento polo que pasa o nacionalismo non é fácil, mais tamén é verdade que se abren dinámicas esperanzadoras que necesariamente teñen de vir a reforzar as nosas posicións". 

O ano que vén, cando se fan 40 do asasinato do noso camarada, será para nós, para todas as persoas nacionalistas, o ano de Moncho Reboiras, o momento de lle dar unha nova dimensión á súa figura e de estender por toda a parte, na teoría e a práctica o seu exemplo militante. Porque a mellor maneira de homenaxear  Reboiras é continuar o seu labor e o de todas as persoas que ao longo destes 50 anos traballaron incansabelmente para construír un movemento patriótico forte e con determinación de vencer.
Amigas e amigos, camaradas: neste noso País, en que até o nome que lle damos ou as primeiras palabras con que saudamos alguén teñen dimensión política, non hai treguas na loita por unha Galiza ceibe e non pode haber tampouco parénteses políticas. Porque a auto-organización constrúese día a día. Porque a ponte para a nosa liberdade tamén se constrúe dia a dia, na rúa, nas mobilizacións populares, nas institucións e en todos os procesos electorais, foren eles galegos ou municipais. Porque sabemos que o máis grande tributo que podemos render a Reboiras é a vitoria, proclamamos hoxe, máis unha vez, a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida. E temos a certeza de que, máis cedo que tarde, veremos a semente que deixou florecer vizosa nunha Galiza liberada.

Viva a Unión do Povo Galego!
Viva o Bloque Nacionalista Galego!
Viva Galiza ceibe e socialista!

* Discurso pronunciado no acto de homenaxe da UPG a Moncho Reboiras. Ferrol, 12 de agosto de 2014