Quero comezar por agradecer inmenso a vosa presenza hoxe aquí porque, para alén de manifestación de tributo á memoria do noso camarada asasinado, Moncho Reboiras, é tamén expresión do voso compromiso activo non apenas con este Partido, senón co nacionalismo e coa causa da liberdade da Galiza.

Quero comezar por agradecer inmenso a vosa presenza hoxe aquí porque, para alén de manifestación de tributo á memoria do noso camarada asasinado, Moncho Reboiras, é tamén expresión do voso compromiso activo non apenas con este Partido, senón co nacionalismo e coa causa da liberdade da Galiza. Un compromiso hoxe máis necesario do que nunca, nun momento en que o rexime aplica toda sorte de argucias e estratexias para tratar de nos desactivar e todos os recursos políticos e electorais ao seu alcance para tentar illar e debilitar o nacionalismo. Non o van conseguir, nin coas tradicionais -de teor sempre agresivo, cando non directamente coercitivo- nin tampouco coas máis 'modernas' e subtís, máis próximas da teórica sedución, palabra tan na moda política.

Sedución, si, mais tende a certeza que con fatais consecuencias se o nacionalismo non tivese -como ten- alicerces sociais, políticos e ideolóxicos ben sólidos. Como esas estratexias veñen deseñadas de terras de touros, en que gostan desa práctica bárbara que denominan mesmo 'fiesta nacional' probaron a nos colocar diante un capote morado para ver se embestiamos e seguiamos detrás, dando voltas cara a ningures até rematar na inanición e na perdición final. Mais nós, que na mellor tradición do nacionalismo de Castelao, somos convictos anti-touradas e que ademais sabemos como acaba o espectáculo, optamos por manter o rumbo e continuar o noso camiño, conscientes de que non será fácil mais tamén de que é o único que nos leva ao destino certo, o da liberdade e o da soberanía da Galiza.

O nacionalismo non cede nin renuncia ao seu labor e aos seus obxectivos

Por iso hoxe afirmamos con claridade e contundencia que este Partido nin se rende nin se despista. Mais tamén podemos dicir -e diso estamos orgullosos como militantes do BNG- que o nacionalismo non cede nin renuncia ao seu labor e aos seus obxectivos. Moi ao contrario, está pronto para dar a batalla política na sociedade galega e para asumir con decisión os retos inmediatos e futuros. E estao porque nacionalismo non é un produto de enxeñaría política ou mercadotecnia electoral. É a expresión da vontade do pobo galego de ser libre, de segurarmos coas nosas mans as rédeas do noso futuro, de exercermos como nación no mundo e de construírmos unha sociedade nova, radicalmente democrática e realmente xusta, igualitaria e libre.

Nese empeño levamos 100 anos. O nacemento das Irmandades é o resultado da convicción de que só rompendo a dependencia na acción política diaria podiamos tamén chegar a romper a dependencia política da nación. O resultado da certeza de que apenas confiando nas propias forzas seriamos capaces de camiñar cara a un horizonte de liberdade. Esa mesma convicción foi a que moveu as persoas que nos anos 60 decidiron reorganizar o nacionalismo após a deserción piñeirista e tornouse motivación principal do traballo político da UPG e de Xosé Ramón Reboiras, para quen a creación e fortalecemento de organizacións políticas e sociais propias foi premisa básica para que a causa do nacionalismo puidese avanzar socialmente.

Nestes 100 anos, é verdade, o nacionalismo pasou por momentos diferentes, mellores uns, máis difíceis outros. Mais sempre saíu adiante, aproveitando os acertos, que foron moitos, para organizar o povo e sobrepóndose aos reveses e mesmo aos abandonos daqueles aos que o camiño se lles fai longo demais e optaron -infelizmente xa desde as primeiras etapas- por se aseguraren a comodidade dun  lugar ao sol fronte ás dificultades da travesía.

O nacionalismo é a única forza que traballa para construír unha Galiza soberana e unha sociedade diferente e é a mellor ferramenta para defender os intereses do pobo galego

Mais as dificultades -recollo aquí unha idea que a Portavoz Nacional do BNG expresou perfectamente no pasado día da Patria na Quintana- non tiran razóns e por iso non nos impiden constatar que o nacionalismo non só é a única forza que traballa para construír unha Galiza soberana e unha sociedade diferente senón que ademais é, no presente, a mellor ferramenta para defender sempre, sen vacilacións nin interferencias, os intereses do pobo galego, dos traballadores e traballadoras do noso País. Esa é a forza que nos impele a continuar camiñando e avanzando.

Entre eses retos inmediatos aos que antes facía referencia están as próximas eleccións galegas en que, a ollos de boa parte do electorado, Feijoo se apresenta como o inimigo a bater. O BNG, aliás a única forza que ten actuado con coherencia á hora de impedir gobernos do Partido Popular, é o primeiro a querer varrer de diante definitivamente esa banda de podres que están a arrasar o noso País a lume e ferro e por iso asume como prioritario o obxectivo de derrotar os actuais xestores do sistema na Galiza. Mais non só. A derrota de Feijoo debe ir necesariamente acompañada de políticas diferentes, que abran perspectivas reais de mudanza no País. E fica claro que só o BNG está a colocar sobre a mesa medidas nesa liña e, por tanto tamén, apenas o  nacionalismo é garantía de que esas mudanzas se podan producir.

O noso inimigo é o rexime político español que nos nega como nación e nos mantén na dependencia, estea xestionado por quen estiver

Aliás, nós témolo claro. Se no plano electoral inmediato o PP é o obxectivo a bater, o noso inimigo é máis importante e máis sólido. O noso inimigo é o rexime político español que nos nega como nación e nos mantén na dependencia, estea xestionado por quen estiver. Esa é a ruptura que nós precisamos como pobo. Por iso non nos valen as palabras ocas que, ao final, van dar no mesmo. Xa sabemos do entusiasmo pro Constitución do vello sucursalismo PP/PSOE, formalmente autonomista. Ao que parece tamén o novo se apunta á defensa da Constitución española, elevándoa á categoría de 'imperio da lei', e do marco autonómico, reducindo os nosos problemas sociais e económicos como pobo a unha cuestión de má xestión por parte de Feijoo e o Partido Popular. O colofón é que a soberanía da Galiza non é necesaria. Se alguén dubidada aínda sobre cales eran as diferenzas co proxecto do nacionalismo, acaban de trazalas eles propios con absoluta claridade.

Cabe lembrar que o nacionalismo galego rexeitou no seu día a Constitución española porque consagraba un rexime inxusto que ademais mantiña a nosa nación na submisión e na dependencia, en canto a totalidade do españolismo -da dereita posfranquista á esquerda carrillista- apoiaba unha norma que consagraba, para alén do capitalismo e da monarquía, un sistema autonómico que xa Castelao cualificara de inadecuado e inxusto para a Galiza. Hoxe o nacionalismo continúa cuestionando esa Constitución que é o principal sostén normativo dun sistema cruel e corrupto que nos nega a capacidade de decidir como povo e nos empobrece como persoas.

O sistema autonómico maniféstase como absolutamente esgotado e inútil fronte á evidencia de que as decisións importantes

Aliás, se algo se constatou nestes anos foi que o nacionalismo acertou cando rexeitou o modelo autonómico por valoralo como inadecuado para dar solución aos principais problemas do País, moito menos ás nosas aspiracións como nación. Hoxe o sistema autonómico maniféstase como absolutamente esgotado e inútil fronte á evidencia de que as decisións importantes, as que máis nos afectan, son adoptadas en Madrid e Bruxelas e o goberno galego limítase -é verdade que con un Feijoo que actúa como entusiasta delegado de Génova- a aplicalas de maneira submisa. Por iso, reducir os nosos problemas a que estamos en mans de maos xestores é a mellor coartada para que nada real nin esencial mude no noso País.

Ninguén máis que o nacionalismo coloca no debate electoral a soberanía como horizonte estratéxico, a necesidade imperiosa de podermos decidir sobre o noso. Ao contrario, faise evidente -como dicía- a coincidencia de todas as forzas na defensa do marco autonómico e da Constitución española. O máis significativo, en todo o caso, é que esta coincidencia na defensa dos piares básicos do actual réxime político, non vai sequera acompañada de propostas tácticas que busquen, no mínimo, forzar as costuras do sistema. Ao final, todo fica en retórica baleira. No entanto, nós integramos unha forza política que é capaz a un tempo de manter a perspectiva no horizonte estratéxico sen descoidar nunca a atención aos problemas cotiáns nin ás propostas para resolvelos.

Por iso o diferencial do nacionalismo non está só na alternativa estratéxica. Sabemos que a conquista e o exercicio da soberanía non é para mañá e como o proxecto nacionalista de que nós participamos nunca foi ideoloxista presenta propostas tácticas, perfectamente veríficábeis, mais que, se se executasen, representarían unha mudanza importante e abrirían novas vías para o futuro. No mínimo, porían en evidencia diante do pobo galego tres cuestións esenciais para podermos avanzar en consciencia e en organización.

Ninguén máis que o BNG vai colocar no debate propostas que poñan en cuestión o corsé autonómico

Unha: que non somos un País subsidiado que vivamos da caridade dun Estado protector, senón que vivimos do noso propio traballo e esforzo. Dúas: que, moi ao contrario, somo un País espoliado, ao que España rouba o froito do seu traballo, os seus aforros, os seus recursos e os seus dereitos colectivos. E tres: somos un País con enormes potencialidades que só precisan das condicións adecuadas para seren desenvolvidas, condicións que parten da capacidade soberana do pobo galego de decidir sobre si propio.

Ninguén máis que o BNG vai colocar no debate propostas que poñan en cuestión o corsé autonómico e representen realmente políticas novas que dean ao noso País capacidade real de actuar. E quero pór apenas algúns exemplos. Só o nacionalismo está a falar dun novo sistema de financiamento, baseado no concerto económico, o que significa tanto como asumir que nos debemos autorresponsabilizar do noso futuro. Só o BNG defende unha Facenda galega, unha Axencia galega antifraude e a plena capacidade normativa para podermos aplicar políticas impositivas progresivas e xustas, gravando, por exemplo cun tipo de 35%  as grandes fortunas.

Ninguén máis que o nacionalismo propón, poñamos por caso, un marco galego de relacións laborais ou a redución progresiva das subvencións até a eliminación total do ensino concertado para podermos mellorar realmente o público. Ninguén, excepto o BNG defende a necesidade de que a Galiza teña unha política exterior propia, entre outras cousas para negociar directamente acordos económicos con terceiros países ou para podermos aproveitar o inmenso potencial neste ámbito do mundo lusófono.

As eleccións son máis un medio e unha oportunidade para levar as propostas do nacionalismo á sociedade, para dar o debate político e para fortalecer o proxecto nacionalista

O noso propósito como nacionalistas é crear consciencia nacional e organizar o povo para podermos avanzar socialmente. Nese traballo debemos utilizar todos os medios ao noso alcance.  E as eleccións son máis un medio e unha oportunidade para levar as propostas do nacionalismo á sociedade, para dar o debate político e para fortalecer o proxecto nacionalista. Sabemos que o reto é complexo, mais temos a fortaleza ideolóxica e a vontade política suficiente para o superar con vantaxe. Temos, ademais, organización, programa e un equipo humano excepcional encabezado pola nosa Portavoz Nacional, Ana Pontón, e conformado polo conxunto da militancia e da base social do BNG. Eses son os nosos grandes valores á hora de encarar un proceso electoral en que o traballo persoal de [email protected] e cada un/ha de nós é chave para o éxito.

Estamos prontos, como Partido e como militantes nacionalistas, para enfrontar ese reto e todos os que viñeren por diante, por moi difíceis que foren. O noso único compromiso é coa Galiza e co povo traballador galego. Reafirmámolo hoxe aquí, neste acto de tributo ao camarada Reboiras en que, máis unha vez, recollemos o seu exemplo de traballo incansábel na autoorganización do povo galego e proclamamos a fidelidade á causa do povo, da soberanía e da independencia nacional á que o noso camarada entregou a súa vida. Por iso proclamamos tamén, máis unha vez, que a loita continúa e continuará até a vitória final.

Texto do discurso pronunciado no acto de tributo da UPG a Moncho Reboiras (Ferrol, 12-VIII-2016)