Como Reboiras, nós reclamamos a liberdade para o noso povo. Por iso estamos hoxe aquí. Para homenaxear o camarada que deu a vida pola liberdade da súa Patria, mais tamén o militante que ao logo dos anos traballou incansabelmente para concienciar e organizar o povo galego, para crear e fortalecer organizacións políticas, sindicais, sociais, culturais propias, para asentar a autoorganización do povo galego en todos os ámbitos como única garantía de termos as ferramentas que nos permitisen alcanzar o obxectivo dunha patria libre e soberana. Tamén para recoñecer, na figura de Moncho Reboiras, toda unha xeración de galegos e galegas que en anos especialmente difíceis demostraron unha enorme valentia persoal, política e intelectual que posibilitou a análise adecuada da situación de dependencia colonial que sofre o noso País e a definición das alternativas políticas e organizativas apropiadas para poder mudar o estado de cousas, dándolle corpo teórico e práctico á autoorganización e imbricando claramente o nacionalismo galego nun proxecto político popular, entendendo que  liberación nacional e social son elementos indisolúbeis na loita do povo galego por un futuro diferente. 

Como Reboiras, nós reclamamos a liberdade para o noso povo. Por iso estamos hoxe aquí. Para homenaxear o camarada que deu a vida pola liberdade da súa Patria, mais tamén o militante que ao logo dos anos traballou incansabelmente para concienciar e organizar o povo galego, para crear e fortalecer organizacións políticas, sindicais, sociais, culturais propias, para asentar a autoorganización do povo galego en todos os ámbitos como única garantía de termos as ferramentas que nos permitisen alcanzar o obxectivo dunha patria libre e soberana. Tamén para recoñecer, na figura de Moncho Reboiras, toda unha xeración de galegos e galegas que en anos especialmente difíceis demostraron unha enorme valentia persoal, política e intelectual que posibilitou a análise adecuada da situación de dependencia colonial que sofre o noso País e a definición das alternativas políticas e organizativas apropiadas para poder mudar o estado de cousas, dándolle corpo teórico e práctico á autoorganización e imbricando claramente o nacionalismo galego nun proxecto político popular, entendendo que  liberación nacional e social son elementos indisolúbeis na loita do povo galego por un futuro diferente. 

"cando o pobo galego pode considerar o que lle acontece como consecuencia dunha fatalidade que historicamente o persegue?  Non foi o de Compostela,  como non o foi antes o Prestige, o Urkiola, o Casón ou os incendios florestais".

Dicía que estamos hoxe aquí porque non deixamos -e non deixaremos nunca até que o consigamos- de reclamar a liberdade para o noso povo e, por tanto, continúa sendo absolutamente necesario ese labor de concienciación e de organización das clases populares da nosa nación. Hoxe, en que a crise global golpea con máis forza un País debilitado polas políticas de desmantelamento dos nosos sectores produtivos que o goberno español e a UE veñen practicando desde hai anos. Hoxe, que os síntomas e as consecuencias da dependencia afloran sen máscaras no noso día a día, por veces de forma dramática. 

Aí temos senón Corcoesto e os proxectos de magaminaría selvaxe por todo o País, como un magnífico exemplo das consecuencias da dependencia ao máis puro estilo do colonialismo clásico: empresas foráneas a explotar os nosos recursos naturais en canto para nós fica só o veleno e as desastrosas consecuencias ambientais da pillaxe organizada e legalizada. Ou máis recente aínda, o desgraciado accidente de Angrois, que non podemos de ningún modo considerar como se dunha catástrofe natural se tratase, porque era perfectamente evitábel. Até cando o pobo galego pode considerar o que lle acontece como consecuencia dunha fatalidade que historicamente o persegue?  Non foi o de Compostela,  como non o foi antes o Prestige, o Urkiola, o Casón ou os incendios florestais que cada verán asolan os nosos montes e o noso patrimonio natural. O accidente produciuse como consecuencia do deseño ferroviario que Madrid fai para o noso País, por certo, nunca pensado para mellorar a comunicación interior. Produciuse porque o goberno de España considerou que para a Galiza non eran precisas as características técnicas e de seguranza que se exixen noutras liñas de alta velocidade. Non é, por tanto, casualidade, é dependencia; non é fatalidade, é colonialismo. 

O accidente de Angrois, permitiu tamén que aflorasen outras realidades que teñen  a ver con responsabilidades políticas e coa nosa situación de dependencia, como moi oportunamente denunciaba un editorial de Terra e Tempo no día seguinte ao da Patria. En primeiro lugar, o comportamento inicuo do Partido popular e dos seu sicarios mediáticos. Especialmente por tentaren aproveitar politicamente, como abutres,  a catástrofe en beneficio propio sen se pararen  na magnitude da traxedia en perda de vidas humanas nin se deteren pola dor das familias das vítimas. Primeiro, espallando a hipótese do atentado, para alimentar a campaña que teñen en andamento de criminalización do nacionalismo. A seguir, utilizando impudicamente a desgraza para se procuraren un protagonismo positivo que compensase a imaxe absolutamente negativa que teñen como consecuencia das políticas antisociais que practican e dos casos de corrupción en que andan envolvidos e aínda para evitaren -ou no mínimo adiaren- ter que dar explicacións públicas, como acertadamente denunciaba a irmá dunha das vítimas -Sandra Cundines- nunha carta aberta a Mariano Rajoy publicada aínda antonte no Sermos Galiza. 

"O goberno de España considerou que para a Galiza non eran precisas as características técnicas e de seguranza que se exixen noutras liñas de alta velocidade. Non é, por tanto, casualidade, é dependencia; non é fatalidade, é colonialismo". 

Mais tamén permitiu comprobar, máis unha vez, a existencia permanente por España adiante de actitudes de incomprensión e desprezo cara ao povo galego. E non, non podemos nin debemos consideralo como algo anecdótico ou  isolado porque -sen pretendermos tampouco xeneralizar este comportamento ao conxunto dos españois- é evidente que non o é. En troca, é unha actitude  tan vella como o propio proceso de doma, castración e colonización da Galiza. Desde o século XVI que  voces, anónimas unhas, outras coñecidas, aldraxaron o noso País e foron asentando no imaxinario colectivo español unha visión negativa da Galiza e das súas xentes.  Desde vultos da literatura española como Luis de Góngora, até os tuiteiros que nos momentos de auténtico shock social na Galiza polo que viña de acontecer desprezaban a vida dos galegos e galegas ou se mofaban do noso acento, pasando polo dicionario da Real Academia Española, portavoces parlamentares, xornalistas, comentaristas mediáticos e un longo etcétera.

Tamén non é casualidade, nin fatalidade histórica, nin sequera que os españois sexan pérfidos por natureza. É simplemente o retrato que o colonizador ten do colonizado, como un ser submiso ao que é fácil humillar. Ou aínda -e reparemos na parte que isto ten de positivo- a expresión da incomprensión dunha identidade nacional evidente que non casa co paradigma de identidade española e non é posíbel asimilar, que en quiñentos anos non conseguiron asimilar. Termos isto claro é tamén necesario para recoñecermos que non temos vontade de ser un pobo submiso, como ben  demostrou Reboiras e antes ca el Bóveda, Rosalía, Faraldo e tantos outros. Como demostrou desde sempre o nacionalismo, como está a demostrar o BNG. Mais tamén para asumirmos que  a única forma de que realmente  nos respecten é que nós mesmos nos fagamos respectar;  é que, como deixou dito Castelao, nos consideren capaces de tronzar os vínculos que nos xonguen a España e nós mesmos aprendamos a vivir con absoluta independencia dos españois. É, en definitiva, emprendermos con decisión o camiño da soberanía. Mais non apenas por unha cuestión de respecto, tamén de necesidade, de supervivencia como povo. 

"A única forma de que realmente  nos respecten é que nós mesmos nos fagamos respectar;  é que, como deixou dito Castelao, nos consideren capaces de tronzar os vínculos que nos xonguen a España" 

Porque sabemos que a crise económica na Galiza non comezou en 2007. Comezou moito antes, e ten que ver coas políticas económicas que outros deseñaron para nós, mais non ao noso servizo. España e a UE desmantelaron o noso sector lácteo e reduciron á mínima expresión o noso potencial agro-gandeiro. Atacaron e reduciron o noso sector pesqueiro e deciden onde, cando, como e canto podemos pescar. Cercaron e paralizaron o naval, o corazón do noso escaso sector industrial. Ataron de pés e mans o noso sector financeiro, para roubar o noso aforro e para llo ofrecer en bandexa de prata á grande banca española. E aínda por cima queren facernos crer que somos un País pobre que vivimos da magnanimidade dos españois. A realidade  é que non lle debemos nada a España nin tampouco podemos esperar nada dela. Non somos un País subsidiado. Somos un País empobrecido polo espolio dos nosos recursos naturais, económicos e financeiros. 

Non, non lle debemos nada a España, como non sexan as perto de 300.000 persoas que na Galiza están sen emprego. Ou o peche de empresas, os desafiuzamentos para entregar as vivendas á voracidade dos bancos, os cortes de dereitos laborais e sociais, a agresión aos dereitos das mulleres, os salarios baixos ou as pensións de miseria. E claro, esa sangría humana, social e económica que historicamente representou para nós a emigración  e que de novo é unha triste realidade, con máis de 80.000 mozas e mozos que nos últimos tempo tiveron que abandonar o noso País en busca de emprego.

Estas son as razóns polas queremos ter a capacidade de decidir, polas que precisamos de soberanía. Alén do máis, este Estado que nos presentan como o noso benfeitor e a nosa única posibilidade está en franca descomposición. Corroído pola corrupción de arriba a abaixo. Deslexitimado pola desafección e o descontetamento social.  Incapaz de asumir a existencia de nacións con vontade de exercer como tais. E que precisamente por iso reacciona coa máis descarada exaltación do españolismo simbólico, coa negación dos diferentes  e coa acentuación do proceso de re-centralización política. Nada bon pode esperar o povo galego deste Estado que apodrece nin deste sistema cruel e corrupto. E tamén é evidente que o actual Estado español non é reformábel. Sen desprezarmos calquera avance democratizador e de recoñecemento nacional que se puider producir, como nunca fixemos,  temos claro que á Galiza non lle serviría un proceso de reformulación do estado que supuxese mudar a forma para manter o esencial. Por iso resulta difícil de entender que haxa aínda quen, afirmándose nacionalista, defenda que o obxectivo debe ser un novo proceso constituínte no Estado baixo a fórmula republicana. Enténdese, ademais, que liderado polos mesmos que, en aras da chamada 'reconciliación nacional', renunciaron á ruptura democrática tras a morte de Franco e pactaron o transición para o actual sistema constitucional español, incluída a monarquía. 

"Resulta difícil de entender que haxa aínda quen, afirmándose nacionalista, defenda que o obxectivo debe ser un novo proceso constituínte no Estado baixo a fórmula republicana"

Como resulta incomprensíbel que diante de tanta evidencia, e proclamándose partidarios da soberanía, se defenda que non é o momento de reclamala porque a situación de emerxencia social estabelece outras prioridades que, para alén do máis, pasarían politicamente por unha ampla frente coa esquerda española contra o Partido Popular. De certeza, nós estaremos sempre por unir o máximo de forzas sociais para combater as medidas políticas antisociais, involucionistas e centralizadoras que actualmente o PP está a desenvolver. Diferente é compartir o proxecto político. Para iso é preciso partillar principios, práctica e obxectivos. Porque o noso proxecto político non é  contra o PP, embora sexa radicalmente antagónico do que representa o Partido Popular neste momento: dese estado unitario ao servizo do capitalismo máis atroz e da negación de Galiza como nación. Antagónico, por tanto, do que representa o españolismo, quer de dereitas, quer de esquerdas. 

O noso proxecto político é para a liberdade da Galiza, para a soberanía, para a independencia da nosa nación, para a construción dun Estado propio que garanta a capacidade plena de decidirmos sobre o noso futuro. Mais non abonda con desexala e con proclamala. A soberanía hai que a ir construíndo día a día, con constancia, con perseverancia, con combate social e ideolóxico, con conciencia e con organización. Hai que debater e hai que convencer. Temos que levar os nosos argumentos ao conxunto da sociedade, a todo o povo galego. Por iso manifestamos a satisfacción polo nacemento de Galiza pola Soberanía, chamada a ser o cerne dun amplo movemento social a prol da capacidade de decidir e apostamos, sen hesitar, por contribuírmos como partido para o seu desenvolvemento e o suceso dos seus obxectivos, que son tamén os nosos.

"O noso proxecto político é para a liberdade da Galiza, para a soberanía, para a independencia da nosa nación, para a construción dun Estado propio" 

Dicía que a soberanía se constrúe día a día, paso a paso. O 25 de xullo millares de galegos e galegas estabamos convocados en Compostela para manifestar alto e forte a nosa vontade de nos tornarmos unha nación libre no mundo. Non puido ser. Mais o mesmo motivo que non permitiu que celebrásemos do Día da patria deunos máis razóns para persistir. E aí estaremos o 17 de agosto en Pontevedra para, coa memoria de Bóveda, de Reboiras e de todos os mártires da nosa liberdade, proclamar que estamos dispostos a continuar o camiño que eles emprenderon. E continuaremos a traballar, con intervención social, con permanente presenza activa nos conflitos sociais que o noso povo ten de enfrentar cada día. Proximamente teremos de atender, se outras non viñeren antes,  unhas eleccións europeas. Farémolo con dedicación e con entusiasmo, como sempre, conscientes de estarmos dando máis un paso na dirección certa. Conscientes tamén de que en todo o caso, a prioridade é sempre  o traballo que permanentemente hai que desenvolver para crear conciencia, organizar máis persoas, fortalecer o BNG. 

Temos moi presente que pasamos por momentos difíceis, mais tamén de que estamos a viver tempos decisivos. Por iso, apelamos ao exemplo de Reboiras para redobrarmos o esforzo, o compromiso militante, o activismo social, o proselitismo para crear conciencia nacional e para organizar o noso povo. Após un amplo, demorado e profundo proceso de reflexión, decidimos colectivamente no Bloque Nacionalista Galego como afrontar esta nova etapa que se abre nun tempo político diferente. Non escollemos o camiño fácil da conivencia institucional e da compracencia social, porque o noso deber e o noso empeño é estar ao lado do povo.  Escollemos continuar no camiño do combate, da confrontación social e da soberanía nacional. Porque este  é o camiño que nos vai levar aos nosos obxectivos, á Patria libre que soñamos, á República da Galiza. 

Texto do discurso pronunciado na Homenaxe da Unión do Povo Galego a Moncho Reboiras (Ferrol, 12 de agosto de 2013)