Namorei del a primeira vez que escoitei a súa voz cantando Suzanne. Grave, rouca e gastada polo tabaco.  Pode soar raro mais foi no filme Salvador Puig Antich sobre o mozo catalán asasinado polo fascismo en 1974. Unha cinta de 2006 na que a música do cantautor e poeta quebecquiano facía parte da banda sonora nunha escena tan insinuante, apaixoante e sensual como a súa voz. Souben daquela que me acompañaría sempre e, até o momento, así foi. 

Causualidades da vida tiñamos máis cousas en común do que eu cría. Leonard Cohen e máis eu naceramos o mesmo día con algunhas décadas de diferenza. No equinocio de outono. Virgo, nos dous casos, el mesmo definía un dos trazos que –di a astroloxía-- caracterizan as nosas personalidades na súa derradeira entrevista. 'Son un home ordenado. Gosto de atar os cabos, se podo. Se non podo tamén está ben. Porén, o meu impulso natural é rematar as cousas que comezo'. 

A música do cantautor e poeta quebecquiano facía parte da banda sonora nunha escena tan insinuante, apaixoante e sensual como a súa voz

E rematounas, de facto, deixándonos un último traballo como agasallo antes de nos deixar. Un disco que presaxiaba a súa morte e que agora se torna en requiem cun primeiro avanzo, You want it darker, que lanzou –como de costume-- o 21 de setembro. Tomeino como un presente de aniversario embora el non saber da miña existencia. 

Non sei vós mais para min algunha das súas cancións fan parte xa da banda sonora da miña vida. É coma se o tivese susurrándome ao ouvido, mesmo agora que sei que xa non está fisicamente. Entre elas coido que Chelsea Hotel debería pasar á historia ou ao top ten das súas mellores pezas. Un título co que quixo homenaxear o seu encontro sexual, si sexual, con outra das grandes voces do panorama musical internacional, Janis Joplin. Resulta absolutamente explosivo só con pensalo. 

Hoxe é un día triste. Moito. Ficamos sen un home brillante. Un gentleman. Mais sobre todo quedamos sen a súa voz aínda que gardemos un bocadiño del en cada disco. Como homenaxe bailemos, bailemos até o fin do amor, deseguro que gostaría. 



x