Castelao, Feijóo e o efecto Streisand

Olalla Rodil - Deputada do BNG no Parlamento da Galiza


En comunicación acostúmase falar dun fenómeno –cada vez máis habitual, que se produce cando alguén intenta ocultar algo e consegue o efecto contrario. Denomínase efecto Streisand. O nome soaralles porque, si, ten a ver coa cantante e actriz estadounidense Barbara Streisand.


A pobre Barbara, cando soubo que unha publicación online estaba a usar imaxes da súa nada humilde morada na costa californiana, tivo a ocorrencia –ou o mal asesoramento, de denunciar o fotógrafo, Kennet Adelman, e a publicación, e exixir a retirada da web nas que estaban penduradas as fotografías.


Defendía a señora Streisand o seu dereito á privacidade, porén, se apenas unhas poucas ducias de persoas  repararan até aquel momento na publicación, a idea da propia Barbara conseguiu pór o foco social e mediático no seu luxoso chalé. Procuraba ocultar o seu enderezo e todo EUA acabou por saber onde vivía. Bravo Barbara!
Aquel día naceu o efecto Streisand que tantas veces se ten manifestado. Lembran a capa coa que a revista El Jueves retrataba o rei Felipe VI e a raíña Letizia mantendo relacións sexuais? Foi un dos exemplos de censura por orde xudicial de maior sona, aínda que non o único. Tentaron ocultala e a portada acabou empapelando rúas e cidades. Despois chegaría Alfredo Bea Gondar da man da xustiza para conseguir que todo o mundo soubese que Nacho Carretero citaba o seu nome nun parágrafo de Fariña, pero iso alén de efecto Streisand acabou por se converter en publicidade non pagada.


Volvamos ao rego.


Coa chegada a Galiza do cadro de Castelao, A derradeira leición do mestre, o presidente da Xunta de Galiza quixo facer de Barbara.


Feijoo tentou ocultar no seu discurso que Castelao retratou na súa obra o terror fascista, a represión despois do golpe de estado de 1936 e que aquel home fusilado que xace no chan diante de dous cativos é Alexandre Bóveda.  


Por ignorancia, por desprezo, por fanatismo ideolóxico... só el sabe por que o fixo.


Porén, Feijóo conseguiu o efecto contrario, e tivo que recuar rectificando o seu discurso.


O seu negacionismo durou exactamente 48 horas. A presión política e social, a reivindicación do significado real e orixinal do cadro, a denuncia da súa manipulación intencionada e a defensa do pensamento e acción de Castelao e Bóveda, sen censuras, abrollaron por clamor popular obrigando o presidente da Xunta a refacer o seu discurso.


De ser unha homenaxe aos docentes, A derradeira leición do mestre pasou en dous días a refletir o asasinato dun galeguista a mans do totalitarismo. De ocultar o terror fascista a o recoñecer. De silenciar a Bóveda a asumir que se ostenta a día de hoxe a presidencia dunha nación histórica é grazas ao traballo e as ideas polas que o mataron a el.



x