Chámome Olga Brañas e son integrante do grupo musical Timparrantela. Falarei no meu propio nome, mais este escrito ten o visto e prace das miñas irmás musicais.

O venres tiñamos previsto tocar na Praza do Correxidor. Actuabamos a regueifeira Alba María, o grupo Xestreu, Timparrantela e Brocken Peach. Foi un concerto proposto polas Xestreu (as mesmas que levan anos coa campaña “non me toques a saia”) e organizado e pagado pola Concellaría de Cultura. Cando chegamos, había un piquete composto por, máis ou menos, unhas cen persoas, no medio das que querían ver os concertos. Chegado un momento, Ana Lirón como representante de Xestreu e eu como representante de Timparrantela, saímos ao escenario. Ana quería explicar que foran elas quen fixeran a proposta á Concellaría de Cultura. Eu quería dicir que penso que teñen dereito a manifestarse pero propúñalles comezar ás 00:00h, en 9 de marzo, e non ás 22:30h, como estaba previsto. Déusenos unha negativa e non se nos deixou falar máis. Eu incluso baixei para tentar falar con Ximena González, pero ela non quixo falar e cando volvín subir explicoume, a golpe de megáfono, todas as políticas de Igualdade do Partido Popular en Ourense.

Escoitáronse consignas como “máis casas de acollida e menos concertos”

 

Dixeron que non tiñan nada en contra de nós, pero cando decidimos entre todos os grupos e [email protected] do concello que recolleriamos e non fariamos os concertos, dúas das miñas compañeiras foron coller os instrumentos e houbo quen lles pediu o bis, evidentemente en ton sarcástico. Persoalmente, a min caeríaseme a cara de vergoña se pertencese a un piquete que faltou ao respecto dese xeito a dúas músicas. Digo e manteño que tiñan todo o dereito a manifestarse, mais nunca arremetendo contra nós.

Escoitáronse consignas como “máis casas de acollida e menos concertos”. Ninguén nega a necesidade das casas de acollida, pero cuspir dese xeito sobre o traballo cultural paréceme canto menos que unha maxadería. Cantos e cantos grupos visibilizan, normalizan e axudan a construír un mundo máis xusto! A cultura importa. Claro que importa, e isto non é unha competición.

Tamén puidemos comprobar que non había un discurso claro. Mentres unhas nos contaron que o problema era que non fixemos folga, outras contábannos que o problema era que o organizaba a Concellaría de Igualdade do Partido Popular, e outras explicaban que o 8M non é un día de festa, senón de loita.

Os grupos alí presentes decidimos poñer nunha balanza a necesidade de facer folga ou a de visibilizar o traballo da muller na música e seguir rompendo teitos de cristal

 

Sobre o primeiro, os grupos alí presentes decidimos poñer nunha balanza a necesidade de facer folga ou a de visibilizar o traballo da muller na música e seguir rompendo teitos de cristal. En Timparrantela tivémolo moi claro. Dicía a pedagoga e musicóloga Lucy Green que na música hai papeis mellor e peor vistos para a muller: [afirmación] cando a muller canta (non tan mal visto porque o patriarcado o asocia como “feminino”, aínda que teñen discriminación abondo), [interrupción] cando a muller toca un instrumento (se xa hai homes que o fan, para que o imos facer nós? E dentro diso hai instrumentos mellor e peor vistos, nos peores están percusión, tuba ou baixo) e [ameaza] cando a muller compón. Nós temos voz, violín, clarinete, saxo, piano, tuba, baixo e percusión. Tamén son nosas as composicións, e a maioría das letras que empregamos. E as que son de homes, son de bos aliados.

Sobre a organización do evento, como comentei, foi unha proposta das compañeiras de Xestreu. Non o organizou a Concellaría de Igualdade e ademais nós tocaremos encantadas para calquera concello que nos reclame. E, por suposto, sen mudar un ápice ningunha parte do noso discurso. Non temos que explicar o compromiso co feminismo de ningunha das integrantes, o pensamento é libre e contra o que cadaquén interprete, nada podemos facer.

Xurariamos que na manifestación, na que por suposto estivemos, escoitamos palmas, cánticos e incluso batukadas

 

O 8M, escoitamos, non é un día de festa. Xurariamos que na manifestación, na que por suposto estivemos, escoitamos palmas, cánticos e incluso batukadas. Tamén xurariamos que noutros focos de Galicia se fixeron concertos de, entre outras, Las Antonias, MJ Pérez, Susana Seivane, Sheila Patricia ou Rosa Cedrón (cuxa prima, por certo, Lucía Cedrón, estivo boicoteándonos a nós).

Con todo isto vin unha absoluta falta de sororidade. A nosa postura vai ser a mesma: o 8M é un día de loita, e tamén de unión e de celebración, e tocaremos sempre que nos chamen para calquera concello.

Porque a revolución tamén se fai bailando. 



x