Fai máis ou menos un ano que non me volvín depilar as axilas: o cliché feminista cúmprese en min, e a moita honra.

Hai moitos anos, cando unha amiga me explicou en que consistía o feminismo, comecei a investigar. E lin, e lin máis, e lin moito máis, e sigo lendo. Comprendín que aquelas mulleres vían cousas que eu non vía, porque leran e reflexionaran moito máis.

Aínda me avergoño cando penso en frases que a Olga estúpida e inconsciente do pasado dixo, como “bah, o dos xoguetes non é tan grave, eu xoguei con bonecas e non me pasou nada”. A de “nin machismo nin feminismo” non cheguei a dicila, pero podería, eu nunca subestimo os niveis da miña propia imbecilidade.

Cando comecei a comprender, cando tonteaba coas lentes violetas, tiña a sensación de que o de non depilarse nada tiña que ver coa igualdade. Pensaba “cadaquén que faga o que queira”, mais nunca o exterioricei. Preferín, antes de debater con mulleres que sabían máis cá min, asegurarme de non facer o absoluto ridículo e investigar. E efectivamente, non tiña nin idea dos motivos polos que existe a tremenda campaña publicitaria que hai coa depilación feminina. Menos mal que non abrín a boca, ou tería un motivo máis do que avergoñarme da Olga do pasado. Estúpida son, pero cun límite.

 

Olga Brañas

Cada vez que falo con alguén non feminista da depilación, os argumentos que dan son varios:

 

—Que se hai cousas máis importantes das que preocuparse. O feminismo ataca en tódolos frontes, e os que parecen menos importantes tamén fan moito dano e escravízanos

 

—Que se os homes tamén se depilan. Non se trata diso, senón de que non está igual de ben visto que non se depile unha muller comparado cun home que non se depila (que son a maioría).

 

—Que se non é hixiénico. Ben, eu teño menos pelo cá un home común… Debo deducir que a maioría de homes dan noxo?

 

—Que non é estético. Víñavos ben un cursiño rápido en Historia da Arte para comprender iso ao que chamades estética.

 

Ao principio simplemente descoidei a depilación. Toda, tamén a das pernas. Pero seguía facéndoo de cando en cando. Se unha semana non tiña tempo, non pasaba nada por ir con algúns peliños. Despois quixen ver que pasaba e como me sentía eu, como un autoexperimento, se decidía non depilarme. Coas axilas perfecto, sentinme ben. Coas pernas non tanto, é una parte que me gusta que estea suave, porque a toco, aínda que cheguei a saír da casa con minisaia, pelos de dous centímetros alomenos e a cabeza ben erguida. En Santiago ademais sentíame mellor, sobre todo porque alí co meu círculo de amizades –a maioría xente da cultura- non ía ser xulgada, son persoas moi abertas… pero o día que me atrevín a ir a zumba con todo o pijerío ourensán e erguín os brazos, fun a miña propia ídola. E xa non din marcha atrás. A partir dese día dinme conta de que estaba preparada, que quería seguir gustándome a min mesma, ser consecuente, que non me era agradable pasarme a coitela semanalmente e que incluso me encantaba o aspecto. Eu sempre tiven uns gustos moi extravagantes, e si: as miñas axilas femininas sen depilar parécenme do máis sexy. É a parte do meu corpo que máis me gusta, porque é a parte que fai política. Os meus ollos verdes non fan nin a metade diso.

 

O día que me atrevín a ir á zumba con todo o pijerío ourensán e erguín os brazos, fun a miña propia ídola

 

Vinme a min mesma escollendo roupa para saír e descartando todo o que tivese un chisco de manga: se non ensino a parte preferida do meu corpo xa non me vexo guapa, sabedes? E vinme a min mesma erguendo os brazos sen medo, con orgullo, como amosa a foto que me sacou o grande Ramón Yoshimura a semana pasada.

 

Dende que deixei de depilarme, sería rica se me pagasen pola cantidade de completos descoñecidos de facebook que me preguntaron como teño o coño. E coñecidos tamén. Vaia asociación de ideas. Ou cada vez que algún home (e sempre son homes) me pregunta como levo así isto, co monísima que vou. Sería rica tamén cada vez que a miña nai me dixo – e ao meu irmao nunca lle comentou tal cousa- que “non me quedan ben eses pelos”. Como que non! Se eu os deixo como puro elemento decorativo, para que che gusten a ti, mamá.

 

Sería rica se me pagasen pola cantidade de completos descoñecidos de facebook que me preguntaron como teño o 'coño'

 

Supoño que é unha cuestión de actitude. Eu non xulgo, nin xulgarei xamais, ás mulleres que se depilan relixiosamente: que é unha construción cultural xa o sabemos, pero non todas estamos preparadas para enfrontarnos ao mesmo, o único ao que si estamos obrigadas é a ser persoas e a apoiarnos.

 

E así remata a historia de como dende fai un ano son un pouco máis libre e de como é vivir sen medo, porque a única persoa que ten que dicir de min son eu mesma, non vos parece?