Eu créote, compañeira. 

A sentenza da Manada retrasouse durante meses. Retrasouse porque os xuíces non o tiñan claro. Porque había señores da repulsiva xustiza que dubidaban entre absolvelos ou non. Entre considerar se unha rapaza de 18 anos metida nun portal e á que lle roubaron o móbil despois de gravala sendo agredida, sentiu ou non pracer. 

O xuíz Ricardo González di que non percibe ningún indicio de oposición por parte dunha rapaza que é penetrada por varios homes descoñecidos nun portal. Por parte dos mesmos homes que tempo atrás tocaron sen o seu consentimento a outra rapaza semi-inconsciente á que botaron do coche despois de gravala deixándoa en medio da rúa coma se fose lixo. Por parte dos homes que facían bromas –ou non tan bromas- sobre conseguir burundanga para as violacións. 

Ricardo González afirma que “no es descartable que durante una relación sexual no consentida pueda llegar a sentirse y expresarse una excitación sexual meramente física”. Non son eu quen de discutir esta afirmación. É máis, estou dacordo con ela. Creo que Ricardo González está pedindo a berros que cinco maromos teñan con el unha relación sexual non consentida para experimentar esa excitación sexual. Se alguén se anima (e non estou incitando a que ninguén viole a Ricardo González, xa que isto non sería unha violación), por favor, que o grave para o deleite de todas e que despois lle roube o móbil. Total, só son 9 anos de cárcere dos cales se van cumprir menos, e facerlle un favorciño a Ricardo González ben o merece. 

Din os xuíces que a nosa reacción foi esaxerada, que non limos a sentenza. Que non entendemos nada. Parece que non podemos protestar porque non nos licenciamos en Dereito, pero eles si poden fallar sen entender unha merda de igualdade de xénero. 

Lin, e son capaz de comprender –iso si: esforzándome moito moito co meu cerebro de chica- que non se considera violación porque non se aprecia violencia, intimidación. Pois quizais deberiamos revisar o que se considera violación, violencia e intimidación, señores. Que algo estea definido dun xeito na lei non significa que sexa o correcto. Imaxino que vostedes non sacarían o título de dereito na Universidad Rey Juan Carlos e que aprobarían a materia de Historia do Dereito. Non hai que ser moi listx para imaxinar que as leis teñen que cambiar co avance da sociedade, e que unha sociedade non avanza se as leis non van acompasadas coas súas transformacións. 

Imaxino que vostedes non sacarían o título de dereito na Universidad Rey Juan Carlos e que aprobarían a materia de Historia do Dereito

 

Non só iso. Esforzándome tamén moito moito co meu cerebro de chica, vin unha imaxe que circulaba nas redes e fun correndo a comprobala. Efectivamente, a Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal, di no seu artigo 179: Cuando la agresión sexual consista en acceso carnal por vía vaginal, anal o bucal, o introducción de miembros corporales u objetos por alguna de las dos primeras vías, el responsable será castigado como reo de violación con la pena de prisión de seis a 12 años.

Engade o artigo 180: 

1. Las anteriores conductas serán castigadas con las penas de prisión de cinco a diez años para las agresiones del artículo 178, y de doce a quince años para las del artículo 179, cuando concurra alguna de las siguientes circunstancias:

1.ª- Cuando la violencia o intimidación ejercidas revistan un carácter particularmente  degradante o vejatorio.

2.ª- Cuando los hechos se cometan por la actuación conjunta de dos o más personas.

3.ª- Cuando la víctima sea especialmente vulnerable, por razón de su edad, enfermedad, discapacidad o situación, salvo lo dispuesto en el artículo 183.

4.ª- Cuando, para la ejecución del delito, el responsable se haya prevalido de una relación de superioridad o parentesco, por ser ascendiente, descendiente o hermano, por naturaleza o adopción, o afines, con la víctima.

Ou sexa, que isto non é unha violación. É abuso. Porque non hai ningunha violencia nin intimidación en que cinco descoñecidos te metan nun portal e te penetren bucal, vaxinal e analmente. 

Deixade que vaia polas pombiñas de millo e contádeme máis.

Señores xuíces: as feministas saben máis de feminismo que vostedes. Escóitenas, porque teñen dereito a manifestarse, a protestar e a reclamar os seus dereitos, eses dereitos que ninguén palpa e que só se len redactados nas leis porque queda moi bonito dicir que todxs somos iguais. A mesma Constitución é a mentira máis grande da historia de España. Eu quero ver esa igualdade coa que se lles enche a boca, señores maxistrados. E se o Poder Lexislativo ten que cambiar a definición de violación que o faga, e se vostedes teñen que aprender a interpretar o que significa intimidación, fágano tamén, pero para iso sería bo non ser unha panda de homes machistas cisxénero brancos e rancios. A min esta xustiza que vostedes profesan non me representa. É máis, faime vomitar bastante. 


 

“Permanente Revisable para violadores e asasinos!”, berraba a sociedade fai uns meses.

Se teñen que cambiar a definición de violación fágano, pero para iso sería bo non ser unha panda de homes machistas cisxénero, brancos e rancios

 

Pois vouvos dar a miña opinión sobre a ditosa Prisión Permanente Revisable, que parece que gusta máis cando a asasina é unha muller negra que cando o violador é un Garda Civil branco: a Permanente Revisable é unha cortina de fume. Non me malinterpretedes: non quero que ningún violador saia do cárcere nunca. Nin un asasino, por suposto que non. Pero que a gustiño quedan as conciencias, e dígovolo a todas as persoas que firmastes semellante paiasada, sen ter que preocuparse por ver mais alá. Sen pensar na educación en valores, na educación en igualdade, en facer que un home en vez de ser encarcerado de por vida simplemente non sinta desexos de violar. E non me refiro ao desexo sexual, senón ao desexo de dominación, tendo esa falsa idea de que as mulleres estamos neste mundo para o seu uso e disfrute, porque un violador non é un enfermo, un violador é un fillo perfectamente san do patriarcado. En EEUU, todxs o sabemos, sempre houbo estados nos que houbo cadea perpetua e até pena de morte. E os cárceres aí estiveron sempre, a sobordar de violadores e asasinos. Segurísimo que un violador en España despois da Permanente Revisable di “ui, espera, non podo violar que agora me vai caer un aniño máis de cárcere”. Non, señores, non. Isto non funciona así. Até que comecemos a limpar os nosos valores, o único que imos conseguir é quitar a capa de mofo máis visible. Canto mal fai a ausencia de espírito crítico na sociedade. Así logo nos queremos cargar a filosofía do ensino, non vaia ser que as feministas protesten esaxeradamente, non é? 

Ademais, de que serve ter a Permanente Revisable para os violadores se despois a xustiza os considera non violadores? Saíde do voso mundo de piruleta e espertade dunha puta vez!

Podería ter sido unha sentenza que fixese historia, que dese os primeiros pasos para abolir a cultura da violación. Pero o único que nos demostrou foi que estamos desprotexidas, que imos cara atrás. Que o paso das mulleres no mundo é meramente decorativo.  

E así estamos. 

Pero xa non vos temos medo. 

E xa estamos fartas de calar. De que non nos creades. De  ser as culpables, as putas, as provocadoras. 

Porque somos LI-BRES. 

E porque a vosa liberdade remata cando pisades a nosa. 

Porque se queredes vernos mortas quizais o consigades, pero para iso moitas guerras nos ides ter que aguantar, machiruliños, que non nos imos render. 

Porque “non vos gusta o feminismo”. Tampouco somos feministas para que vos guste, oístes? 

Porque “non vos gustamos as feministas”. E pensades que queremos gustarvos? 

Porque xa non imos dar marcha atrás. Porque somos moitas. Porque xuntas somos indestrutibles. Porque a fortaleza é nosa. Porque pensamos “esaxerar” isto e moito máis até que nos tratedes como persoas. Porque se tocades a unha tocádesnos a todas. 

Estamos rabiosas. 

E xa podedes correr.