O corpo de Iria, as normas de Iria.

 

Estes días saíu á luz a noticia. Iria Pinheiro, actriz e cantante en Os Modernos, denunciou a José Luis Viñas Ortas, director de “Con amor e compañía” e traballador de Ficción Producciones, por acoso sexual. 

 

Podedes ver as notas que saíron na prensa. En resumo, tivo que soportar durante meses tocamentos inadecuados, ordes sobre ensinar máis chicha e comentarios como “8 de cada 10 espectadores querrán acostarse contigo cuanto te vean”
 

Eu non coñezo moito a Iria. Coincidimos na Feira Modernista de Sada o pasado ano. Eu ía facer co piano un espectáculo que teño de cinema e música e ela estaba con Os Modernos. Como coñezo a varios deles, botamos uns contos e saqueilles unha foto xunto un coche antigo. Creo que Iria é lindísima. E non me refiro á evidente beleza física que ten, senón á luz que desprende. Dóeme, moito, saber que un impresentable que non debería saír da súa cova até estar preparado para o século XXI pensou que por ser ela unha muller tiña dereito a tratala así. Señor José Luís Viñas, obxectivizar o corpo dunha muller (que inclúe dicirlle que ensine máis chicha en televisión) é un delito, viola a Lei Integral Contra a Violencia de Xénero. Mire vostede se lle compensou. Mire tamén vostede se cre que debería volver traballar achegándose a mulleres. Por raro que lle pareza, señor José Luís Viñas, penso que ningunha de nós nos prestariamos voluntarias para vivir con vostede unha marabillosa sesión de discriminación e acoso sexual. 

 

Dóeme, moito, saber que un impresentable que non debería saír da súa cova até estar preparado para o século XXI pensou que por ser ela unha muller tiña dereito a tratala así

 

Iria non pode perder oportunidades de traballo sendo ela a vítima e facendo o que debía e que tantas outras non fan por medo: denunciar. Non é xusto. 

 

Quero pedirvos, lectoras guerrilleiras e lectores aliados, un favor. Se compartides este artigo, independentemente de se o ides publicar escribindo texto voso ou non, engadide o hashtag #SetocasaIriatócasnosatodas. Tanto por facebook como por Twitter. 

 

Iria merece todo o noso apoio e máis. 

 

Non estás soa, compañeira. Loitamos contigo. 

 



x