A pregunta que encabeza este artigo non é retórica nin, créannos, alarmista. É, simplemente, a pregunta que cidadáns atentos á marcha da política municipal, facémonos cando lemos as noticias que derivan dos actos do goberno, hoxe minoritario, do PSOE encabezado por Abel Caballero. Cada noticia reforza o sentimento de preocupación e incerteza polo presente e, sobre todo, polo futuro.

A pregunta que encabeza este artigo non é retórica nin, créannos, alarmista. É, simplemente, a pregunta que cidadáns atentos á marcha da política municipal, facémonos cando lemos as noticias que derivan dos actos do goberno, hoxe minoritario, do PSOE encabezado por Abel Caballero. Cada noticia reforza o sentimento de preocupación e incerteza polo presente e, sobre todo, polo futuro.
 
En días pasados descubriamos como o goberno municipal, por medio dun convenio ad hoc, acordaba subvencionar a unha sociedade limitada, coa cantidade de 500.000 euros, ao obxecto de asegurar un programa de actividades para un Auditorio que languidece pola ausencia de iniciativa política.

"O goberno evita o debate sobre o modo de xestión, que ao noso modo de ver debera prestarse por medio de empresa pública, e prorroga un contrato vello, procede do ano 1990, envellecido e que mantén un sistema tarifario absolutamente inxusto". 

 
A famosa subvención acórdase sen concurso previo, sen selección entre distintas ofertas. O único mérito, se así se pode expresar, da “limitada sociedade” (con 3.000 euros de capital social e que naceu sendo absolutamente «unipersoal», aínda que posteriormente deixase de selo) é que resulta ter un contrato vixente coa sociedade anónima que agora mesmo é titular da concesión do Auditorio-Pazo de Congresos.
En suma, a concesionaria subcontrata a organización de espectáculos cunha sociedade limitada, e por mor desta elección, que só ten que ver co criterio da concesionaria, evítase o concurso público e xustifícase a concesión de medio millón de euros en forma de subvención.
 
Con este sistema, a administración concede sen seleccionar, concede sen comprobar antes a solvencia económica e técnica da sociedade escolleita pola concesionaria. E renuncia ao concurso, é dicer, renuncia á posibilidade de topar ofertas mellores, máis económicas, máis eficientes ou , cando menos, con maior idoneidade.
 
E así imos.
 
Hai uns meses, a Xunta de Goberno aprobou a prórroga do contrato do auga, contrato que por tanto seguirá xestionando FCC. O goberno evita o debate sobre o modo de xestión, que ao noso modo de ver debera prestarse por medio de empresa pública, e prorroga un contrato vello, procede do ano 1990, envellecido e que mantén un sistema tarifario absolutamente inxusto.

<"Un marco legal, a chamada no seu día Lei das Grandes Cidades, caracterizado polo escurantismo pola ausencia de control real sobre o goberno da cidade. Goberno que a cidadanía debe recuperar canto antes".

Agora até a propia Xunta de Goberno que, lembremos, non representa á maioría da Corporación e polo tanto á maioría do voto democraticamente expresado pola cidadanía, adxudica durante 25 anos o restaurante denominado Jonathan.

Sen dúbida, tal adxudicación vai representar un obstáculo case insuperábel para a arelada rexeneración do areal de Samil. Non importa. Do que podemos estar seguros é que o concesionario pensou facer un magnífico negocio. Segundo noticias publicadas nos xornais, o novo concesionario vai investir 1,5 millóns de euros que pretenderá recuperar xunto cos beneficios que calcule. Outro negocio para outra empresa. O portavoz do Goberno Local, no colmo da burla á cidadanía, declara que non impedirá a rexeneración do areal. Sen indemnización? Renunciará de bo grado o concesionario ao investimento e aos beneficios? Eiquí hai truco.
 
Todas estas decisións son posíbeis por un marco legal que as permite. Un marco legal que posibilita que estas, e outras decisións, sexan tomadas sen que o Pleno se pronuncie. Un marco legal, a chamada no seu día Lei das Grandes Cidades, caracterizado polo escurantismo pola ausencia de control real sobre o goberno da cidade. Goberno que a cidadanía debe recuperar canto antes.
 

-O artigo está asinado conxuntamente con Xabier Toba.
 



x