Non pasa un día sen que calquera vigués observador da realidade que o rodea, consciente dos seus deberes e vixiante dos seus dereitos, preocupado polo futuro dos seus e, solidariamente, polo de todos; poida retirarse  a descansar sen a sensación de ter sido estafado unha vez máis.

Non pasa un día sen que calquera vigués observador da realidade que o rodea, consciente dos seus deberes e vixiante dos seus dereitos, preocupado polo futuro dos seus e, solidariamente, polo de todos; poida retirarse  a descansar sen a sensación de ter sido estafado unha vez máis.

Os últimos anos están resultando inquietantes. A política de recortes sociais, económicos e mesmo o progresivo menoscabo de dereitos e liberdades públicas que os gobernos de PP e PSOE inflixen dende as distintas administracións nas que gobernan, vense acompañadas continuamente polos sucesivos escándalos de corrupción.

"Os acordos anticorrupción de última hora, propugnados no bordo do debate do estado da «nación» nin son críbeis nin van acompañados das iniciativas lexislativas necesarias para facelos realidade".

Entendemos que os dous fenómenos van unidos. Entrementres descubrimos a cotío que un veciño ou veciña acaba de engrosar as listas do paro, ese andazo que percorre o país derivado dunha política económica ao servizo dos poderosos ou asistimos ao desafiuzamento de persoas condenadas a deixar a vivenda que sempre foi de seu, ou simplemente ao empobrecemento da poboación, descubrimos en cada cidadán a un novo estafado.

Pobreza, paro, recortes e corrupción. Indisolubelmente unidos e descaradamente presentes. Sen disimulos e, desgraciadamente as máis das veces, con aparente impunidade.

Os acordos anticorrupción de última hora, propugnados no bordo do debate do estado da «nación» nin son críbeis nin van acompañados das iniciativas lexislativas necesarias para facelos realidade.

Se certamente hai interese en poñer en marcha medidas para, xa non evitar, senón simplemente e cando menos limitar a corrupción, estas medidas deberían ir dirixidas á consecución dun marco legal que transparentara a acción política, que permitise o control da oposición e da cidadanía sobre as accións de goberno. En todos os ámbitos e particularmente no local, a existencia de sistemas legais escurantistas, que afastan as decisións políticas dos foros de debate nados do sufraxio universal, para favorecer un sistema de toma de decisións que se desentende mesmo da lexitimidade democrática.

No noso Concello, tivemos un exemplo recente, de como funciona na administración local, un sistema lexislado para evitar o control cidadán, para furtar o sinxelo debate das propostas e evitar a reflexión sobre as consecuencias. E para, ao cabo, tomar as decisións que realmente importan, as que van hipotecar o futuro, en órganos que non están sometidos ao control directo da cidadanía ou mesmo da maioría da Corporación.

·Estamos diante dun dos maiores negocios da nosa cidade, negocio a costa dun recurso que é de todos, negocio do que se lucra Aqualia"

O pasado día 11 de novembro do ano 2011, a Xunta de Goberno do Concello de Vigo, encabezada polo o seu Presidente, aprobaba unha prórroga da concesión administrativa que, sobre a nosa auga, goza a empresa Aqualia-FCC desde o ano 1990 e, polo tanto, o contrato extenderá a súa vixencia até o ano 2019, cando debera rematar no ano 2014, que ben lle chegaba.

A lectura da documentación que acompaña o acordo, pretende xustificar devandita prorroga na consecución dunha serie de investimentos e de correccións do funcionamento da concesión para a consecución de novos fins.

Tentados estamos de entrar no fondo do acordo, mais non o faremos nesta ocasión. Outros que teñen agora a responsabilidade da representación do pobo de Vigo, deberan telo feito no seu día, estudando o expediente con calma e atención, e comprobando as cantidades que nel figuran, así como os obxectivos pretendidos polo acordo. Cumpran eles coa súa responsabilidade, mesmo que sexa con máis de 1 ano de atraso.

Non evitaremos dicer que, por convicción, entendemos que a xestión dun recurso como a auga, debera estar en mans públicas, pola súa determinante importancia estratéxica. Este era precisamente o ano, o 2014, precisamente para dar ese debate na Corporación e defender un modelo de xestión público e por fin liberado da interesada e ineficaz xestión empresarial do servizo.

Cómpre  dicer, que estamos diante dun dos maiores negocios da nosa cidade, negocio a costa dun recurso que é de todos, negocio do que se lucra Aqualia, negocio que se apoia nun sistema tarifario onerosamente inxusto ao que a Corporación debera dar finalización canto antes, e que polo tanto non debera prorrogar até o 2019.

Porque de nada vale pronunciarse en sucesivos acordos plenarios contra un sistema tarifario rotundamente inxusto, e ao cabo darlle cinco anos máis de vixencia cunha prorroga. Neste senso, a actitude dunha parte da Corporación de Vigo é, de todo punto, farisaica e fraudulenta.

Por suposto, as supostas vantaxes “para a sociedade”, aquelas que supostamente xustifican a prorroga, serán pagadas por todos e todas por medio da tarifa que supostamente os nosos gobernantes rexeitan. Qué descaro!

"Nada vale pronunciarse en sucesivos acordos plenarios contra un sistema tarifario rotundamente inxusto, e ao cabo darlle cinco anos máis de vixencia cunha prorroga"

Pero é que ademais,  indígnanos  que este acordo tómao unha Xunta de Goberno que non representa nin á maioría da Corporación. Unha Xunta de Goberno que só representa a 11 concelleiros e concelleiras, dun total de 27 que non conta con maioría no Pleno e, polo tanto, non conta co respaldo suficiente da cidadanía.

Non se trata de discutir si é ou non legal. Para asegurar dita apariencia de legalidade, xa observamos no expediente que o Goberno Municipal encargou un informe externo que pretende dar  cobertura xurídica ao acordo e aos técnicos. Para iso serven os “informes encargados”.

Mais non se trata agora dese informe. Trátase de que unha Xunta de Goberno, que non representa á maioría da Corporación, que polo tanto non ten a suficiente lexitimidade democrática nin respaldo popular suficiente, toma unha decisión particular que permite a unha empresa privada seguirse lucrando a costa dun recurso de todos e todas, e seguir aplicando un réxime tarifario descaradamente abusivo, que serve exclusivamente ao enriquecemento dunha empresa.

De verdade cren vostedes que si queremos saír da situación que padecemos, podemos facelo con este marco legal? Cren vostedes que debemos manter por máis tempo a gobernantes así?

 

-O artigo está asinado conxuntamente con Xabier Toba.



x