Pode semellar pouco orixinal, mesmo repetitivo e manido por veces, o concepto de abrirse á sociedade. Non obstante, convén lembralo, porque retrospectivamente foi tamén utilizado en contextos de confronto -mesmamente menos amigables- de posicións políticas hai non tantos anos. Algúns utilizámolo nese preciso momento de encrucillada, mais tamén o facemos agora sen ningún tipo de reparo (a realidade semella cíclica) cando indicamos que as organizacións políticas son patrimonio da afiliación, pero tamén da cidadanía. Ao fin e ao cabo, os partidos medran na medida en que son útiles, e non na medida en que se converten nun fin en si mesmos ou ao servizo do mantemento do posto orgánico (e aquí si os verdadeiros postiños) para unhas direccións que teiman en dar as costas á sociedade. Diciamos daquela (os e as aperturistas, chamábannos de xeito despectivo) que moito mellor unha organización máis grande e con vocación de gobernar, que unha pequena e controlada; que non hai proxecto político, e moito menos con vocación transformadora, que poida triunfar se nos conformamos co 1% dos votos; e incidimos agora que non estamos ante unha Convención de “clarificación”, porque se a enfocamos así estaremos perdidos. Irremediablemente perdidos. Aquí -e falo en xeral, non se me malinterprete- vénseme á cabeza Michels, a burocracia partidaria, a non permeabilidade aos argumentos e a inexistencia da escoita activa, a incapacidade de interpretación da realidade manifestada elección tras elección, a ausencia de diálogo interno, e moitas eivas innatas á maioría das estruturas partidarias. O que algúns cualificaron -moi acertadamente-, como vella política.

Os partidos medran na medida en que son útiles, e non na medida en que se converten nun fin en si mesmos ou ao servizo do mantemento do posto orgánico

Este domingo 17 de abril Compromiso ten que realizar un profundo –e sincero- debate de análise da sociedade na que vivimos, a do ano 2016, a que verdadeiramente é e non a que queremos que sexa, coa conseguinte conclusión do deber de abrirse á sociedade. Recuperar a vocación de goberno que sempre caracterizou ao conxunto da súa afiliación, simpatizantes e votantes ao longo da súa traxectoria vital; conectar cos sectores máis dinámicos dunha Galicia que a día de hoxe están a confiar en En Marea, a xente moza, profesionais liberais ou electorado urbano, achegando a nosa modesta (pero importante!) capacidade de introdución en vilas medias e concellos do rural que a organización ten consolidado, para que o cambio político sexa o máis simétrico e simbiótico posible. Abrirse á sociedade sabendo que o cambio e a derrota do Partido Popular está moi preto e que dependerá de poucos miles de votos; e sabendo que facer política é facela aquí e no momento actual, para aplicar un programa sustentado nas nosas bases fundacionais: socialdemócratas, galeguistas e progresistas. Non outras. Isto é: autogoberno, Estado de Benestar e democracia radical. O que dixemos aló por 2012 e que estamos a reafirmar coa nosa acción de goberno nos concellos. O que fan María Xosé Alfonso en Muros; Rafael Cuíña en Lalín ou Xan Jardón en Vilar de Santos; mais tamén o que fan Xulio Ferreiro na Coruña, Xosé Lois Piñeiro na Pobra ou Martiño Noriega en Compostela.

Á hora de tomar decisións (na vida ou na política, tanto ten) temos que saber analizar o contexto no que unha persoa – ou un partido político- se incardina. Compromiso por Galicia ten algo moi positivo (aquela emenda fundacional do bo compañeiro da Coruña, Rafael Calvo), que é que as decisións na política de alianzas para os procesos electorais tómaas a afiliación e non unha Executiva ou un Consello Político Nacional. En Compromiso sempre empoderamos á nosa xente, e isto conleva unha enorme responsabilidade. Eu só lles pido aos homes e mulleres de Compromiso que escoiten á cidadanía que nas anteriores eleccións municipais depositou a súa confianza en nós e nos deu representación municipal en Outes, Betanzos, A Baña, As Pontes, Maceda, Muros, Barbadás, Sarria, ou Taboadela, ao igual que noutros lugares, e lle pregunten que é o que debemos facer. Por nós, sen dúbida, ¡claro que si! Pero sobre todo (e fóra retórica) polo País. Presentarnos ás eleccións en solitario para pode que, quizais, quen sabe... Ou asumir a responsabilidade do aquí e do agora, que non é outra cousa, nada máis e nada menos, que achegar o noso grao de area para liderar o goberno do País.

Así, o vindeiro día 17 de abril a nosa organización ten que apostar por abrirse á sociedade, por medrar e por reforzar a súa identidade partidaria sumando a En Marea para gobernar Galicia. Un espazo imperfecto pero en construción que de seguro que terá unha mellor base cos e coas galeguistas de Compromiso.

A nosa organización ten que apostar por abrirse á sociedade, por medrar e por reforzar a súa identidade partidaria sumando a En Marea para gobernar Galicia

Nota 1: Non se me ocorre mellor candidato e referente de Compromiso por Galicia en En Marea que Xoán Bascuas.

Nota 2: Urxe un cambio político no País, porque ante o pode que, quizais, quen sabe, temos varias xeracións de galegos e galegas que estamos emigrando para poder seguir a medrar persoal e profesionalmente, expulsados polas políticas de Feijóo. Compromiso ten que estar á altura.

Nota 3: O espazo político de Compromiso, o marcado polos estatutos, o declarado na noso Congreso Fundacional, repetido e recollido en varios textos que remarcan a nosa vocación cooperativa e transformadora, é o que a día de hoxe significa En Marea. Non nos enganemos.