Se na anterior entrega desta série argumentamos sobre a irresponsabilidade do goberno Feijóo en política forestal e cambio climático, ao rexeitar modificacións da súa liña tradicional en materia de xestión do medio rural, nesta ocasión trataremos de soster a acusación de covardía.

Breve repaso do statu quo forestal e dos nosos montes

A situación dos nosos montes resúmese en que contamos cunha superficie total de 2.030.681 hectáreas, das que máis do 60% son monte arborizado. Do total da superficie de monte, 1.975.157 has. son de propriedade privada (o 97,3 %) e só 55.523 has. son de propriedade pública (o 2,7%). Do total de superficie de monte de propriedade privada, o 33,75% son montes comunais e o resto principalmente montes de particulares (66%). A superficie media que posúe cada persoa proprietária é de algo menos de 2,2 hectáreas, divididas nunha média de 9 parcelas, contando cada parcela cunha média de 0,24 has. A superficie media dos 3.249 montes veciñais é de 223,59 has. Segundo o 4º Inventario Forestal de España (2009), as superficies ocupadas polas diferentes espécies arbóreas en Galiza ofrecen esta distribución: 413.301 has. son frondosas autóctonas (29,3 % do total arborizado), 308.000 has. son eucaliptos (21,9 %), 346.195 has. son piñeiros (24,6 %, 217.281 delas a Pinus pinaster) e 145.932 has. están dominadas por eucaliptos misturados con coníferas ou frondosas autóctonas (10,36 %).

Entre 1998 e 2009, Galiza pasou de contar con 174.210 has. monoespecíficas de eucaliptos a 308.000 tan só en once anos, un incremento do 76,8%

 

A análise da evolución de superfícies e producións revela incrementos notábeis para eucalipto e descenso significativo para piñeiros. Entre 1998 e 2009, Galiza pasou de contar con 174.210 has. monoespecíficas de eucaliptos a 308.000 tan só en once anos, un incremento do 76,8% (posíbelmente en 2019 contemos xa con máis de 500.000 has de masas monoespecíficas de eucaliptos globulus e nitens). Mentres, o piñeiro pinaster pasou de 383.000 has. a 217.000 no mesmo período, un descenso de máis dun 43%.

As producións anuais de madeira son as seguintes (m 3 de cortas rexistradas en 2017): 3.278.762 m 3 de coníferas, 5.075.751 m 3 de eucaliptos e 243.639 m 3 de frondosas autóctonas. Desta produción a indústria galega absorbe 6.511.000 m 3 , dos que uns 3.745.000 m 3 van para a indústria de desintegración (celulosas e taboleiros de fibra) e 2.743.900 m 3 van para a de aserrado, descoñecéndose a que vai para calefacción e o destino da madeira bruta de exportación, aínda que na súa inmensa maioría será tamén para a indústria de desintegración.

A análise da evolución das capacidades produtivas da indústria revela un constante incremento da capacidade produtiva de Ence

 

A análise da evolución das capacidades produtivas da indústria revela un constante incremento da capacidade produtiva de Ence e un descenso na indústria da serra e de segunda transformación. O plan estratéxico de Ence 2019-2023 contempla para 2019 o incremento en 100.000 toneladas da capacidade produtiva conxunta das fábricas de Navia e Lourizán, e noutras 100.000 toneladas para 2022.

A conclusión desta descrición sumária á cal habería que acompañar as cifras dos outros aproveitamentos do monte, é que a produción comercial de madeira en Galiza se reduce na prática a espécies pirófilas altamente combustíbeis, algunhas delas de marcado carácter invasivo. E que na indústria da madeira, o protagonismo é para a indústria de desintegración, nomeadamente para a indústria de celulosa, con Ence á cabeza, e para a FINSA. Non esquezamos o mantra de Ence: “incrementar capacidade produtiva para abaratar custes de produción”, frase que reflicte e resume o acontecido ao longo dos últimos 30 anos de eucaliptización de porcións crecentes do noso país, coa connivéncia dos sucesivos gobernos do PP.

O eucalipto, pirófilo e invasivo

Entre a ampla bibliografía existente que descrebe a querencia polo lume e a propagación de carácter invasivo dalgunhas espécies de eucaliptos, encontramos un memorándum que ilustra maxistralmente as condicións polas que é deostada a espécie E. globulus, entre outras. Promovido polo goberno da Commonwealth en Australia e aloxado na web do departamento de Agricultura do goberno australiano (1), descrebe con rigor e detalle os mecanismos biolóxicos e ecolóxicos que permitiron a este xénero desprazar a flora forestal autóctona dos bosques costeiros australianos, coa axuda do ser humano e do seu pertinaz e recurrente uso do lume.

Nas épocas de seca, se alguén prende lume, o manto combustíbel convértese nunha vasta pira que proxecta enormes lapas ascendentes

 

Entre estes mecanismos, os autores citan a produción de enormes cantidades de combustíbel en forma non só de miles de follas que perden anualmente, senón tamén como pólas que creban en pontos determinados de rotura tras apenas dous ou tres anos de crecimento ou como longas tiras de casca seca que se desprenden do tronco por efecto do seu próprio peso. Pólas, casca e follas caídas, que apresentan elevados contidos de sustáncias inflamábeis, alfombran o chan formando un piso esponxado e aireado. Nas épocas de seca, se alguén prende lume, ese manto combustíbel convértese nunha vasta pira que proxecta enormes lapas ascendentes que lamben os troncos e quentan as cápsulas das sementes, situadas en zonas medias e altas das copas. Nalgúns casos, a calor provoca a apertura das cápsulas e a liberación de miles de sementes. Se as condicións son favorábeis para a formación de potentes correntes de convección, xunto con casca, pólas e follas o vento transportará esas sementes, que pousarán ao redor das árbores queimadas e a longas distáncias. E non só. Cando o terreo está calcinado e abonado pola mineralización da queima, novas sementes se incorporarán tras a primeira floración en época de choivas. E un exército de pequenas plantas alfombrará vastas extensións de zonas queimadas, en densidades de até 70-90 plantas por metro cadrado. Isto que acabo de descrever saben-no ben as honrosas brigadas de deseucaliptización. Se iso non é capacidade invasora, que alguén nos ilumine e argumente na súa contra.

A combustibilidade dos piñeiros

O caso das coníferas non é menos preocupante. As características da súa madeira, con altos contidos en matérias voláteis nas resinas, como terpenos, alcois e ésteres, fan-na un excelente combustíbel con grande poder de propagación do lume. En condicións de seca ambiental, altas temperaturas e fortes ventos, un lume que afecte a coníferas como piñeiros pinaster ou radiata pode ser devastador, entre outras razóns pola súa veloz propagación, xuntando lume de copas con lume en estratos inferiores, e spot fires emitindo cascas, piñas e outro material incendiário a grande altura para pousa-lo formando novos focos a vários quilómetros de distáncia. Así o coñecemos nos lumes de 2017 en Galiza e así foi o que aconteceu precisamente en Califórnia, onde hai rexións nas que as coníferas son as espécies dominantes nos bosques.

A falta de ordenación, o factor co que ninguén se atreve

E así estamos. Cun panorama onde a parte máis poboada do país habita e coexiste en íntima proximidade con faixas de monte desatendidas pero cubertas por extensas masas de árbores pirófilas. Con boa parte do interior rural experimentando unha perda sostida de habitantes, cunha vertixinosa transformación da base territorial das explotacións agrárias cara plantíos forestais intensivos, abrumadoramente monopolizados por espécies pirófilas. Cun país que leva gastado miles de millóns de euros en políticas de extinción de incéndios, precisamente debido a unha política forestal e de medio rural que fomentou e permitiu a forestación masiva, invadindo terreos de vocación agrária e ignorando a posibilidade da diversificación produtiva.

Cando estas premisas se acompañan das previsións científicas de cómo van afectar as mudanzas climáticas ás condicións ecolóxicas do espazo rural e periurbano, un decátase da necesidade urxente que temos de avanzar no deseño de instrumentos que contribúan a pór orde nese escenário anárquico no que levamos convertido os nosos montes.

Cando as administracións públicas renuncian á xestión e fomento de accións compensatórias, o resultado é o que xa coñecemos

 

Falamos de ordenación. Pero non dese conceito de ordenación silvícola que se reduce ao cálculo de superfície produtiva, estima da fracción de cabida cuberta, planificación de labores como rareos e podas ou trazado de cortalumes e vías de saca e construción de pontos de agua. Non. Iso non é a ordenación que precisa este país. Hai un dereito que algunhas persoas consideran sagrado, de maneira que non conceben que se lles poida negar o seu exercício. É aquel que se resume no dito de que “na miña leira planto o que me da a gaña”. E así, sen a existéncia de mecanismos reguladores que actúen a modo de muro de contención de inércias produtivistas impulsadas polo poder do mercado, cando as administracións públicas renuncian á xestión e fomento de accións compensatórias, o resultado é o que xa coñecemos. E ninguén parece querer meterlle man a ese precepto arcaico que confunde dereito privado, tradición e renúncia á planificación colectiva e que ten funcionado para o forestalismo depredador como un auténtico arcano do tarot.

Pois precisamente, se queremos acabar coa lacra do lume, se queremos un medio rural vivo, se aspiramos á diversificación das nosas producións e a non ser os lacaios e tontos úteis das multinacionais da celulosa e o taboleiro MDF, o primeiro paso é aceitar que a ordenación tamén é restrición de usos e espécies, tamén é limitación superficial das masas forestais contínuas e tamén é integración e non segregación de usos, porta de entrada esta última ao expólio e degradación do espazo forestal e de monte. Estas posibilidades son as que sistemáticamente se negan a promover os gobernos títere do PP, que seguen o ditado dos intereses de Ence ou Finsa.

Políticas valentes

Esa realidade, na que Galiza se move ao ditado dos intereses económicos do oligopólio da celulosa e da indústria da desintegración da madeira, coa responsabilidade por pasiva e activa de gobernos amigos e proprietários de montes, é incompatíbel cun monte e un espazo rural dinámicos e libres da lacra do lume, máxime nas actuais circunstáncias de alteración climática, que poden ocasionar en Galiza lumes como os de Portugal ou Califórnia. Escrevía recentemente Francisco Díaz-Fierros nun coñecido xornal galego, a respeito da posibilidade de adaptar a economía e as políticas ambientais á realidade do cambio climático:

“Posiblemente non chegaremos a ser a derradeira xeración que teña nas súas mans a solución do problema, como afirmaba o secretario xeral da Organización Meteorolóxica Mundial, pero seguro que somos a última que o pode facer cuns custos sociais asumibles. Todo o que sexa atrasar unhas medidas que, queiramos ou non, han de vir, vai supór transferirlles o problema ás xeracións vindeiras, que xa o terán que aturar nunhas condicións cada vez máis duras e traumáticas.”

Pois iso, menos covardía e máis traballar.

(1) http://www.agriculture.gov.au/SiteCollectionDocuments/forestry/publications/nat_cra_whs.pdf