En 1974, apenas cinco anos despois da descuberta do campo petrolífero de Montrose, a 135 millas ao leste de Aberdeen, o profesor Gavin McCrone redactou un informe para o goberno británico no que lle advertía sobre as inmellorábeis condicións económicas que os ingresos pola explotación do petróleo do Mar do Norte suporían na viabilidade dunha Escócia independente. Alertaba este home de que esta incidencia económica acabaría por xerar un medre da percepción popular da necesidade de dotarse dun goberno independente, capaz de lograr a integración económica e industrial que permitiría a masiva criación de emprego e, portanto, a mellora das condicións de vida, todo grazas á xestión escocesa dos ingresos do petróleo. E avisaba sobre a necesidade de “levar o vento lonxe das velas do Scottish National Party (SNP)”. 

O certo é que o Informe McCrone, desclasificado en 2005, acertou de cheo e cumpríronse todos os seus prognósticos políticos. O medre da conciencia nacional escocesa non foi un proceso vertixinoso, máis ben adoptou o patrón do crecimento exponencial, tomando varios anos a fase inicial de acumulación para desde esta acometer a rápida e pronunciada escalada característica das curvas ascendentes que non encontran teito. Mesmo en 1993, cando Irvine Welsh publica Trainspotting, libro de relatos que retrata unha Escócia sórdida e desencantada, xa o proceso era imparábel, desembocando no cambio de milénio nunha sucesión de esmagadoras vitórias do nacionalismo escocés sobre o tradicional laborismo unionista, até a maioría absoluta conquistada en 2011. E sempre, en todo o argumentário independentista, houbo un lugar preferente para a reclamación da xestión desde Escócia dos recursos naturais próprios.

O medre da conciencia nacional escocesa non foi un proceso vertixinoso, máis ben adoptou o patrón do crecimento exponencial

A reivindicación de unha nación sen estado xerir os recursos próprios é, en si mesma, ruturista, pois non recoñece a legalidade vixente do estado colonialista. A súa materialización é inviábel no marco xurídico legal imperante e procura inxectar na poboación a crenza nun mundo mellor, ao alcance das próprias mans, desafiando a realidade existente que abafa, afoga e imposibilita o progreso social e económico. Pola contra, a reclamación dunha cota, imposto ou tarifa próprios como resultado dunha cesión do estado opresor non cuestiona o espólio nen a aldraxe e mantén a nación espoliada baixo os designios do estado colonial, abrigada nas supostas bondades dunha mellora relativa das condicións de vida, mais lonxe das inmensas posibilidades de desenvolvimento que abren as análises que consideran a xestión própria dos recursos através dos instrumentos de que disporía un Estado independente.

A reivindicación de unha nación sen estado xerir os recursos próprios é, en si mesma, ruturista, pois non recoñece a legalidade vixente do estado colonialista

 

E iso McCrone sabíao ben. A súa principal recomendación foi:  “I think the conclusion is that the most convincing way of taking the wind out of the SNP’s sails is by demonstrating that we now have policies which can make major in-roads into these problems”.  Algo así como que a mellor forma de afastar o vento das velas do SNP é demostrando que existen políticas que poden supór importantes avances na resolución dos problemas económicos de Escócia, sen necesidade de ir cara á independencia. Unha cortina de fume, vaia. Xustamente, o que propuña McCrone é o que propoñen agora, imaxinamos que guiadas por análises eleitoralistas de curto alcance e dubidosa rendibilidade, organizacións como BNG e CIG sobre o noso particular ouro negro, a electricidade. Dar máis relevancia, por exemplo, ao resgate das concesións hidroeléctricas e ao deseño e afortalamento dun sector eléctrico público galego, obviamente dentro dun estado próprio, no canto de reclamar insistentemente unha tarifa galega, sería máis xusto e, políticamente, máis intelixente á hora de contribuir ao medre da conciencia nacional. Unha variante do Espanya ens roba: Madrid lévanos os quilowatts… Porque mañán, cando PP e PSOE acepten esa tarifa galega, qué discurso lle resta ao nacionalismo? Dar outro portazo no parlamentiño?
 



x