Hogar Social Madrid: non quero a tua axuda infame

Ramiro Vidal - Escritor


Entereime onte de que Hogar Social Madrid comezou unha campaña de recollida de fundos para “axudar a Galiza”...circula por aí un anuncio cunha conta bancaria (e direi o nome da entidade; Banco Sabadell) na que os doantes ingresarian os cartos a aportar, que irian destinados a “axuda humanitaria”. Como non hai unha entidade canalizadora (ou non se fixo público o seu nome) da axuda, que tampouco se explica se chegará en forma de diñeiro ou en calquer outra forma, temos que crer, se somos ben pensados, que os cartos irán destinados a “axuda humanitaria”. A verdade é que imaxino que o persoal disposto a doar cartos a unha conta de Hogar Social Madrid, tampouco será moi esixente en cuestións de transparencia e non preguntará en que vai consistir esa axuda humanitaria que pretenden facer chegar.

Pero para contextualizar mellor o despropósito, compriria recordar que é Hogar Social Madrid. Hogar Social Madrid é un centro social ocupado cunha particularidade que o diferencia dos moitos centros sociais ocupados que hai por Europa adiante, a maioria de orientación ideolóxica autónoma ou libertaria, nalgún caso con participación de colectivos ou individuos doutras ideoloxias, pero en todo caso espazos de esquerdas. A ideoloxia de quen xestiona ese espazo é nacionalsocialista (ou sexa, nazi) e unha das suas actividades mais sonadas é o reparto de comida entre xente que vive en condicións precarias na cidade de Madrid, pero (ollo!) só se lles proporciona esa axuda a persoas de nacionalidade española... e a isto habería que engadir, de raza branca (non é só unha cuestión de pasaporte) É pois unha organización racista e supremacista sen ningún matiz. Por certo que estiveron implicados na trifulca entre grupos nazis rivais orixinada despois da manifestación de Societat Civil Catalana.

Imaxino que o persoal disposto a doar cartos a unha conta de Hogar Social Madrid, tampouco será moi esixente en cuestións de transparencia

 

Feito o perfil de Hogar Social Madrid, teño que dicir que eu pola miña parte non desexo que este grupo fascista faga ningunha entrega de axuda humanitaria no meu país. A miña negativa é por dignidade, por decencia e por memoria histórica. A extrema dereita española non só é supremacista racial e étnica, tamén é supremacista no aspecto lingüístico e cultural. Fomentan o odio aos povos que non casan coa sua visión irreal da España imperial e uniforme que soñan. Acudiron a Barcelona a manifestarse contra o dereito de autodeterminación do povo catalán e de paso ameazar a povoación catalana. Por suposto ese desprezo tamén o profesan contra o povo galego, ao que consideran inferior en todos os aspectos, só que neste caso a agresión non se perpetra en forma de desfile ameazante sobre as nosas ruas (non quere dicir que nun futuro non vaiamos ver algo similar na Galiza) senon que neste caso o que fan é mandar axuda humanitaria na forma que eles estimen conveniente, que despois se utilizará de maneira propagandística. Hogar Social en realidade, tal como están demostrando, é o embrión dun proxecto político que se pretende expandir por todo o estado.

Eu non poido mais que ver como unha agresión este intento de instrumentalizar unha catástrofe ecolóxica (que terá consecuencias no económico e no social) para facer propaganda do ideario nazi de HSM, utilizando ademais a xente do meu povo como figurantes da sua pantomima. Os primos irmáns destes nazis perpetraron hai oitenta anos un xenocidio no meu país, e agora non vou aceptar as suas esmolas nin vou permitir que enganen ninguén con elas. Por certo que estaría ben recordar de parte de quen estaban os fascistas do tardofranquismo cando, por exemplo, tiveron lugar as marchas contra a central de Meirama (durante aquel conflicto non só a Guardia Civil repartiu paus) ou tampouco estaría de mais lembrar que foi a dictadura fascista do Xeneral Franco quen instalou a fábrica de celulosa en Pontevedra. Estes que esmagarian aos meus compañeiros e compañeiras ambientalistas e os executarian se tivesen ocasión, non poden agora branquear a sua imaxe a costa de axudar aos afectados polos incendios forestais.

Hogar Social en realidade, tal como están demostrando, é o embrión dun proxecto político que se pretende expandir por todo o estado

 

Señores e señoras de Hogar Social Madrid, non van ser benvidos ao meu país, hai xente disposta a impedir que logren o seu propósito de facer chegar esa axuda humanitaria. Fiquen en Madrid, ainda que sei que alí tamén unha boa parte dos madrileños e madrileñas non están precisamente felices coa sua presenza. Fiquen no seu reducto a ensoñar a sua imposible patria imperial, uniforme e racialmente pura, deixennos a nós autoorganizar a recuperación do monte e a subsanación dos danos materiais e persoais; somos un povo que coas suas contradiccións tamén dá leccións de dignidade de cando en vez e sabemos sair de situacións extremas sen certas axudas envelenadas.

Por certo que este povo ten a emigración como unha parte moi importante da sua historia e tamén é receptor de inmigrantes, en boa medida procedente de países que no seu dia foron de acollida para moitos galegos... portanto ainda que este sexa o Fogar de Breogán, aquel mítico guerreiro celta ten moitos fillos putativos de cores moi diversas, a moita honra. E o que non imos permitir é que decidan vostedes quen é galego e quen non é tal.