Alá polo 1880 rivalizaban na vila de Noia dous periódicos: El Tambre (1879-1881) e El Zumbido (1880). Nas súas páxinas aireábanse as oposicións políticas locais, como un leve veleno envolto entre as típicas seccións dedicadas aos editoriais, aos sucesos, aos anuncios e outras cuestións consideradas de interese xeral para os lectores máis próximos. Tamén ofrecían algo de literatura, sobre todo poemas. De feito, a segunda escolma da poesía de Francisco Añón apareceu como folletín de El Tambre. E El Zumbido solidarizouse, a través dun artigo anónimo, con Curros Enríquez, condenado en Ourense como autor de Aires d’a miña terra. Unha vez rematado o calvario eclesiástico-xudicial, a triunfante reedición do poemario de Curros sería anunciada en ambos periódicos noieses.

Salvo estas pequenas concesións á nosa cultura, entre as que destaca o conto en galego de Faustino Romero Blanco publicado en El Zumbido, esta prensa local era lingüisticamente allea á realidade galega, mais a alteridade idiomática non podía ocultar o afán por transmitirlles os aconteceres consuetudinarios aos lectores (e oíntes) máis próximos. A necesidade de ofrecer unha información que se precisa, aínda que non fose todo o precisa que debería.

Eran empresas útiles para o seu fin, difíciles de manter, como demostran as súas curtas vidas. Sucedéronas outros proxectos, tamén derrotados polo tempo (e pola carestía económica e por unha audiencia insuficiente). Entre 1903 e 1905 saíu, tamén en Noia, La Emancipación, dirixida por Francisco Vázquez Enríquez, galeguista das Irmandades da Fala. Talvez fose esta unha remota semente do máis exitoso Barbanza, o quincenal no que se implicaron a fondo Avilés de Taramancos e Pepe Agrelo, dous noieses que tanto e tan ben potenciaron a cultura propia. Esa vontade de reflectir a actualidade local, máis alá da comarca natural de Noia, foi reciclada en ilusionantes proxectos nacidos xa na era dixital, como foi o caso de Certo (“o xornal virtual de Barbanza e Noia”) ou o Xornal Dixital Muros-Noia, que xa deixaron de editarse. Por sorte veu collerlles o relevo o Xornal da Estrela. Oxalá poidamos ler por moitos anos as noticias de noso nesta canle virtual. Haberá quen diga que xa cumpría esta función a edición de Barbanza de La Voz de Galicia, e máis cando o formato papel segue a ser preferido fronte ao dixital. Porén, o Xornal da Estrela non vén para competir senón para sumar. É unha proposta voluntaria, en proceso de asentamento, ao que lle desexamos longa vida; oxalá vexamos por moitos anos as nosas noticias na nosa lingua, pois este é, para min, o rasgo que mellor define este xornal, incluso por riba do ámbito local do que se ocupa: prensa feita en lingua galega. Faría falta ter un xornal así en cada comarca, desa maneira artellariamos a optimización do noso tecido cultural.

Obviamente hai outro camiño máis directo para conseguir a normalización da prensa en galego: precisabamos un xornal no noso idioma que chegase a todo o país. Un xornal que contase os intereses xerais dos galegos, que non dependese tanto dos subsidios (pexa da maioría dos dixitais) e que puidese ter unha monetización que o fixese viábel. Hai anos tentouse co Xornal de Galicia; aínda sendo bilingüe xa era moito. Lembro cando por volta do ano 2002, nun acto que organizara o Colectivo Sacou na Casa da Cultura de Noia, o filólogo Francisco Fernández Rei nos anunciaba en pequeno grupo que lle chegara a noticia de que un grupo de xente estaba a argallar un diario en galego. Mentres compartía con nós esta información, coa discreción dun segredo que hai que manter oculto, as nosas caras oscilaban entre o optimismo e a incredulidade.


 
Hai unhas semanas, na mesma Casa da Cultura, na mesma vila onde noutrora había periódicos que creaban debate, participei no acto de presentación do Diario Galego, impulsado por Sermos Galiza, S.A. (quen edita o semanario homónimo, que anda cerca dos 350 números). Este diario en papel (ademais de na versión dixital) sairá á luz en 2019 sempre que se chegue a un mínimo de 3.000 asinantes que se subscriban ao medio antes do 31 de decembro. Xa non falta nada. É a segunda tentativa, pois o primeiro prazo marcado (hai xa medio ano) fora insuficiente: acadárase daquela pouco máis da metade dos asinantes necesarios. É agora ou (agardemos que non) nunca. Seguimos a precisar un diario en papel porque este formato é o que aínda ten máis peso, e ten futuro se se trata de novos xeitos. Ese é traballo dos promotores do Diario Galego. A nós, asinantes ou lectores, correspóndenos outra responsabilidade que non é menor. De nós depende que teñamos unha prensa propia ou que, en troca, lle achandemos o camiño a un poder que actúa contra nós grazas á ignorancia.