Denomínanse  industrias electrointensivas as empresas que son grandes consumidoras de electricidade e moi dependentes dela para o seu proceso produtivo. A  “Asociación de Empresas  con Gran Consumo de Enerxía” (AEGE) creada pola industria electrointensiva española no ano 1980  está formada por setenta e oito plantas industriais do Estado, delas  nove fábricas están ubicadas en Galicia o que representa a nada desprezable porcentaxe do 11,5% do total.  Aquí figuran coñecidas multinacionais como Alcoa (Alumina-Aluminio, Alcoa Inespal), Ferroatlántica (Cee, Dumbría, Sabón), Celsa Group (Celsa Atlantic de Laracha), Megasa de Narón, Air Liquide (Air L. Ibérica de gases), pertencen aos sectores da metalurxia non férrica (5 fábricas), siderurxia (2), gases industriais (1) e  química básica (2).

O fin da AEGE  é moi claro e interesado -manifestado na súa páxina web- “trátase de  impulsar políticas enerxéticas que favorezan a competitiva dos seus asociados”, polo que non é raro que persigan unha electricidade subvencionada e un Mwh o máis barato posible. O Goberno sempre respondeu a sua demanda axudándoas de diferentes formas: anos atrás con tarifas eléctricas especiais, logo coa interrumpibilidade eléctrica, no 2018 coa suspensión temporal do imposto de xeración e nos últimos anos convocando paquetes eléctricos específicos en poxas sumamente beneficiosas. Agora o proxecto do Goberno co novo “Estatuto da industria electrointensiva”  pretende unha exención de pagos por capacidade especialmente para as empresas que participan na poxa de interrumpibilidade e a supresión da taxa por esta última o que parece representaría da orde de 64 millóns de euros. Por si fora pouco a Xunta de Galicia convocou por varias veces  a unha reunión as empresas arriba citadas  e a outras  notables consumidoras eléctricas como Finsa ou Showa Denco Carbón (antiga SGL carbón)... para  abandeirar unha proposta ante o Goberno Central coa intención de que se den deducións fiscais nos peaxes de acceso vinculados ao transporte eléctrico e tamén nos mecanismos de compensación para paliar o custo das poxas de dióxido de carbono en alza nos últimos tempos (grandes emisións contaminantes  que  as empresas  nunca  lle importaron).

 Ate agora a boa resposta do goberno serviu para que as propias empresas  non tivesen interese nunha maior eficiencia eléctrica e sostenibilidade e mesmo serviu para que non buscasen alternativas propias – salvo excepcións-  para autoabastecerse de electricidade ou aminorar a súa demanda externa. Pero para que realizar inversións e diminuír o gasto eléctrico si tiñan garantido electricidade abundante e barata grazas a sua presión (e a dos traballadores ao servizo das empresas) para conseguir axudas e “subvencións” do Goberno. Os feitos así o demostran: Cales foron os gastos en eficiencia e melloras tecnolóxicas para reducións de consumo dende a súa posta en funcionamento? ¿Onde están os parques eólicos propios e os paneis fotovoltaicos que si teñen outras empresas –pequenas e medianas- preocupadas ?.  Onde están os acordos de compra eléctrica de enerxía limpa a parques eólicos ou en renovables en xeral?.

 Alcoa presume de que as fábricas de Noruega e Islandia están alimentadas con enerxía  hidroeléctrica e xeotérmica, mesmo  en Suecia e Noruega  firmou acordos de compra de enerxía e contratos a longo prazo – a prezo fixo e tarifas ecolóxicas-  de enerxía limpa, mentres aquí non lle importa demandar electricidade  “sucia” procedente do carbón,  pois a central térmica de Endesa que queimou lignito e hoxe hulla de importación  - causando unha notable contaminación ambiental- é a principal subministradora eléctrica da multinacional.

Xa hai tempo que descubrimos que á industria electrointensiva, que parece estar de paso, pouco lle importa o aforro enerxético, a eficiencia, o menor consumo eléctrico,  a sostenibilidade, a contaminación... o país . 

Electrointensivas e situación do consumo en Galicia 

No 2017 o consumo galego (segundo o Inega) repártese da seguinte maneira:  52,4% é consumo industrial , 22,6% domestico e  19,7 servizos, 2,1% pesca, agricultura e minas, 1,4% transporte, 0,8% construción e  1% bombeo.

Galicia no 2017 tiña unha xeración neta de 26,42 Terawatiosh(Twh)  e un consumo que so alcanzaba 18,57 Twh – ver Táboa I- situación  similar a anos anteriores que obriga sempre a exportar electricidade. Dentro de Galicia o maior consumidor de electricidade é a industria  co 52,4% do total de electricidade, porcentaxe moi superior ao que demanda a industria no Estado que non chega ao 35%. Dous sectores con menos de 10 empresas, o da industria electrointensiva da  metalúrxica non férrea (aluminio, ferroaliaxes) e a siderurxia-fundición  consumen o 34% da electricidade total galega  cando no Estado estes dous sectores non representan nin o 11% do total. Os restantes sectores industriais non chegan a consumir o 19% do total galego  cando no Estado se aproxima ao 24%.

En Lugo a metalurxia non férrea (Alumina- Aluminio ) consumía - ano 2016-  3,5 millóns de Mwh/ano de electricidade, mentres o consumo doméstico conxuntamente cos servizos, construción e  transporte  so significan un millón de Mwh/ano. O complexo industrial da multinacional norteamericana Alcoa  con dúas empresas consumía o 86,3% de todo o que consumía a industria da provincia e o 68% da electricidade que se  consumía na provincia era para a metalurxia non férrea..

Na Coruña a industria electrointensiva é moi importante, dos case 8 millóns de Mwh que consume a provincia, máis de 2,5 millóns consúmena dous sectores industriais a metalurxia do aluminio e a siderurxia, estes dous sectores industriais consumen o 63,7% do total que necesita a industrial da provincia estando entre as principais demandantes de electricidade Alcoa Inespal, Megasa, Celsa...

 A situación non é nova, xa no ano 2001 a industria electrointensiva  consumía practicamente a mesma cantidade de electricidade que na actualidade, máis de 6 millóns de Mwh- ver Táboa I- .

 O prezo da electricidade como desculpa

Segundo Eurostat no segundo semestre do 2018 España estaba no grupo de cabeza da Unión Europea  pola tarifa eléctrica domestica máis cara -incluídas taxas e gravames-. Ocupaba a quinta posición detrás de Alemaña, Bélxica, Irlanda e Dinamarca, e anteriormente no primeiro semestre ocupabamos o cuarto posto o prezo oscilou entre 0,229 euros/kwh con taxas no ano 2017 a  0,248 euros/kwh no segundo semestre do 2018.

No sector non doméstico a media do prezo da electricidade na  UE-28  (2º semestre 2017)  era de 0,14 euro/kwh incluídas taxas e en España 0,12 euros/Kwh mentres Portugal e Inglaterra tiñan un prezo superior, Franza tíñao inferior. A gran industria e grandes consumidores  no primeiro semestre do ano pasado tiñan un prezo medio na UE-28 de 0,0941 euros/Kwh, en España pagaban 0,0880 euros/kwh eso si máis barata a electricidade que en Dinamarca, Inglaterra, Chipre, Alemaña, Irlanda ou Portugal. Resultaba curioso que mentres o “gran consumidor” industrial en España pagaba 0,088 euros/Kwh o consumidor na industria mediana pagaba  0,101 euros/kwh (media 2017) superando a Alemaña, Franza, Italia, Portugal ou Inglaterra é dicir máis cara a electricidade na pequena e mediana industria que na gran industria.

Algúns medios publicaron, sin que fose desmentido, que dende o 2008 a interrumpibilidade deixou nas industria electrointensivas 5.000 millóns de euros e a multinacional americana Alcoa recibiu de media 100 millóns de euros/ano.  Diñeiro que seguro agradecerían, si chegase a elas por outros medios,  a pequena e mediana empresa galega e os case 170.000  traballadores que nela traballan. A industria electrointensiva  das multinacionais ten so da orde do 2% dos traballadores industriais, é unha gran contaminante e a maioría das súas empresas non cotizan aquí ao ter a sede alonxada de Galicia. 

¿Non sería mellor potenciar e axudar a pequena e mediana empresa, diversificada e creadora de emprego, asentada con moito esforzo e dedicación e  con raíces e permanencia galega?. As multinacionais sempre buscaron o máximo beneficio, aproveitándose das materias primas baratas – electricidade, auga...–, beneficiándose das facilidades para instalarse e das axudas e subvencións a fondo perdido recibidas durante anos dos Gobernos, mantendo mao de obra con salarios baixos e contaminando en exceso sin preocupación.

Si a electricidade para a industria é cara como nos fan crer (depende onde miremos e con quen nos comparemos) sen dúbida necesitase que a situación se corrixa, pero non  esquezamos que tamén o sector doméstico e a pequena e mediana empresa que non fan ou non poden facer tanto ruído e tanta presión teñen a mesma ou maior necesidade pois a situación aínda é peor. Non temos porque pagar  todos a un pequeno grupo privilexiado  de multinacionais con altos beneficios que queren ganar máis e que sempre traballaron como en “terreo conquistado”  e co favor e a mao aberta duns Gobernos que as apoiaron sempre e xenerosamente. 

taboa