Ferroatlántica pertence á multinacional con sede en Inglaterra coñecida como Ferroglobe, que é o principal produtor mundial de silicio metálico e un dos maiores produtores de aliaxes ferrosas e metálicas baseadas no silicio e no manganeso. Participa tamén en empresas relacionadas coas súas actividades principais como son a produción hidroeléctrica e a minería do seixo. Ferroglobe ten 26 centros e 69 fornos de produción electrometalúrxica nos catro continentes e hai tempo xa que é o principal produtor de ferroaliaxes da Unión Europea en parte grazas a produción galega.

 

Galicia ten tres centros de produción de Ferroglobe (Dumbría, Cee e Sabón) e a empresa conta con catro minas de seixo importantes por alta calidade e pureza e por cantidade (Mina Conchitina no municipio de O Vicedo, Mina Sonia en Mañón, Mina Esmeralda en Trazo e Mina Serrabal na Serra do Pico Sacro entre Vedra e Boqueixón). Por se fose pouco, ademais ten no Río Xallas e no Río Grande tres grandes hidroeléctricas que suman unha potencia de 125,8 MW (Sta Uxía IeII e Castrelo), e sete centrais clasificadas como minihidraúlicas (Novo Castrelo, Fervenza IeII, Ponte Olveira IeII, Pindo, e Carantoña), tres delas de recente construción, xuntas engaden outros 38 MW de potencia.

 

Onde está a crise de Ferroatlántica, se fabrica un produto codiciado no mundo e de alto valor engadido, conta cunha importante produción hidroeléctrica para autoabastecerse e vender, e aproveita as nosas minas de seixo?

 

Pero onde está a crise de Ferroatlántica, se fabrica un produto codiciado no mundo e de alto valor engadido, conta cunha importante produción hidroeléctrica para autoabastecerse e vender, e aproveita as nosas minas de seixo non so para as fabricas galegas senón tamén para exportar?

 

1. Grandes inversións, endebedamento e altos costos para anular a competidores.

En febreiro do 2018 Ferroglobe anunciou a adquisición de dúas fabricas, unha en Francia (Glencore en Dunkirk) e outra en Noruega (Mo I Rana), conseguindo así eliminar competidores e duplicar a capacidade global de aliaxes de manganeso, ferromanganeso e silicomanganeso (mais de medio millón de t), produtos que se están fabricando en Galicia.

En setembro do 2018 a débeda de Ferroglobe ascendía a 510,9 millóns de euros, o director de finanzas de Ferroglobe afirmaba “o deterioro das condicións no terceiro trimestre deixounos con inventarios elevados, un factor clave para reducir a produción”, “Non cumprimos ..”. Os costos de persoal e outros gastos operativos no 3º trimestre do ano 2018 foron de 153.2 millóns cando no 2017 eran 133.9 millóns. A empresa xustifica os aumentos en base aos costos de mao de obra para as plantas de aliaxe de Noruega e Francia recentemente adquiridas.

 

2. Venta de activos -hidroeléctricas- para diminuír a débeda.

En decembro do 2018 Ferroglobe anunciou desde Londres a venda de activos non esenciais. En realidade xa levaba tempo nesta idea, a filial Hidro Nitro Española S.A. (HNE) que operaba centrais hidroeléctricas con 18,9 MW de capacidade, obtivo unha ganancia neta de 18 millóns de euros pola venta realizada a un fondo de enerxías renovables, co obxectivo de amortizar parte da débeda da Compañía e Ferroatlántica en Francia facía o mesmo con dúas hidroeléctricas que eran codiciadas polo fondo canadense Brookfiel. Anteriormente intentara -intento falido- segregar en Galicia a produción hidroeléctricas de Ferroatlántica das empresas de Cee e Dumbría, esperaba transferir ou vender as hidroeléctricas, en febreiro do 2017 a operación dábase por feito ate o extremo que os medios de comunicación facíanse eco de que J.M. Villar Mir pactara a venta de 3 hidroeléctricas en Aragón e 9 en Galicia ao fondo Brookfield por 153 millóns de euros, tratábase de facer caixa e pagar as que ian ser novas adquisicións de Francia e Noruega.

 

 3. Aparición de novos competidores.

 A masiva entrada de silicio procedente de mercados estranxeiros en Canadá e Estados Unidos non so provocou a suspensión de produción nunha fábrica de Ferroglobe de Estados Unidos (Niágara Falls con 27.000 t de silicio metálico) senón que xa antes se iniciara unha ofensiva proteccionista con denuncia. Globe Specialty Metals, una subsidiaria de Ferroglobe, presentou en Estados Unidos e Canadá accións comerciais dirixidas a dous tipos diferentes de prácticas desleais: casos antidumping contra as importacións de Australia, Brasil e Noruega (con prezos de importación baixos, por debaixo dos de mercado), e casos de dereito compensatorio contra as importacións de Australia, Brasil e Kazajstán (países que fabrican con subvencións gobernamentais). As denuncias de Ferroglobe foron desestimadas en marzo do 2018 pola Comisión de Comercio Internacional de Estados Unidos (ITC) ao confirmar que as “importacións non causan danos relevantes a industria de silicio metálico en Estados Unidos”, o que provocaría un gran malestar e inquietude na empresa.

 

Poden existir outros factores ademais dos enumerados, pero o que si parece seguro é que a crise de Ferroatlántica non ten que ver coa alta contaminación que xera en Galicia, sendo de destacar o alto número de contaminantes que emiten estas industrias a atmosfera e a auga.

 

- Ferroatlántica de Cee emite 25 contaminantes, deles 18 son a atmosfera e 7 a auga.

- Ferroatlántica de Sabón deixa saír 23 contaminantes, deles 12 son a atmosfera e 11 son a auga.

- Ferrotlántica de Dumbría emite 21 contaminantes , deles 17 a atmosfera e 4 a auga.

 

Á atmosfera emiten gases de efecto invernadoiro (dióxido de carbono, metano...); gases acidificantes ( óxidos de nitróxeno, dióxido de xofre, amoníaco...); gases que forman o prexudicial ozono troposférico (a partir da emisión de dióxido de nitróxeno, hidrocarburos...) ademais emiten outros produtos perigosos para a saúde como partículas e metais pesados que son coñecidos pola súa relación con problemas de saúde: cancro, danos cardiovasculares, ictus... e danan os ecosistemas.

 

Ferroatlántica nas tres fábricas que ten en Galicia (Sabón, Cee e Dumbría) emitiu un 15% máis de dióxido de carbono que o que tiña asignado para o ano 2017

 

Ferroatlántica nas tres fábricas que ten en Galicia (Sabón, Cee e Dumbría) emitiu un 15% máis de dióxido de carbono que o que tiña asignado para o ano 2017. Recibía dereitos gratuítos de emisión de gases invernadoiro (BOE nº 44 do 2014) por un total de 449.303 toneladas no ano 2017 e emitiu 518.000 t segundo a súa propia declaración ao Rexistro PRTR . A fábrica de Sabón é a de maiores emisións en CO2 alcanzando 194.000 t cando tiña asignado 149.752 t.

 

Ferroatlántica ademais de superar o medio millón de toneladas de dióxido de carbono emitiu 608,5 t de óxidos de nitróxeno, 492,5 t de dióxido de xofre, 34,9 t de partículas, 1.043 t de monóxido de carbono, 42,4 t de compostos orgánicos volátiles sen metano, 359,6 kg de metais pesados (Hg, Zn), aparte dunha cantidade importante de contaminantes a auga e residuos perigosos e non perigosos.

 

Até o tema da segregación eléctrica todo foron facilidades por parte da Xunta, facilidades que pagamos todos.

 

No 2009 a empresa daquela de Villar Mir levaba varios anos reclamando melloras no porto de Brens-Cee e melloras de comunicación por estrada coa Coruña, polo que nese ano e como resposta a Xunta de Galicia comezou a obra do porto comprometida antes polo presidente Fraga, obra que implicaba dragado, ampliar a liña de atraque e aumentar a explanada de carga, para o cal a Xunta dedicou nun primeiro momento 14,5 millóns de euros e a empresa 2 millóns. Nese tempo tamén se construía a estrada Berdoias-Carballo e logo Cee-Berdoias que permitía comunicar o porto de Brens e as factorías de Cee e Dumbría con Coruña por medio de autovía, obras que supuxeron máis de 340 millóns do erario público.

 

Tampouco parece que teña que ver coa interrumpibilidade eléctrica e con outros problemas demandados e non atendidos como a necesidade de inversións nas factorías galegas para modernización das instalacións, nin cos salarios dos traballadores, nin coa administración permisiva, nin co territorio (utilizan os nosos recursos naturais como o seixo, a auga, a electricidade, o porto...), nin sequera coas importantes emisións contaminantes nin coa alteración nos ecosistemas fluviais e a paisaxe...

 

En definitiva, temos que mirar ao lonxe e apuntar as grandes decisións empresariais tomadas dende fóra do país en Madrid, Londres ou Nova York, para ver a orixe da crise de Ferroatlántica, parece que agora só queda esperar a que os negocios da multinacional inglesa volvan remontar, especialmente na bolsa xa que cotiza no americano NASDAQ e as accións están hoxe a 2,29 dólares cando cotizaban por riba de 10 dólares hai só uns meses e a principios de 2018 superaban os 16 dólares. Mellor ser optimistas porque non esquezamos que Ferroatlántica é garantía de pago do 100% do capital que Ferroglobe obtivo nunha liña de creto de 215 millóns en xullo do 2018.

 

As multinacionais en Galicia planifican e obran como en terreo conquistado, alleas a realidade e estannos acostumando a bailar ao mal son que nos tocan, claro que nunca tocaban ben e nunca tocaban para nós.



x