A oito meses das municipais

Rodri Suárez - Xornalista


 

Feijóo tiña un soño para o próximo 26 de maio de 2019. E non estaba relacionado con ningunha das alcaldías galegas senón co lugar onde el pasaría a noite electoral. Porque, a pesar da pantomima de xuño, o seu obxectivo seguía estando na madrileña rúa Xénova. Contaba con culminalo en pouco tempo, xa con Soraya e os seus espías fóra de xogo, grazas á imputación de Pablo Casado por mor dos seus másteres pantasma. Os principais analistas politícos da dereita xa avanzaban esa posibilidade, que chegaría por aclamación, como era o desexo do presidente da Xunta. Pero nisto que a fiscalía afirmou non ver posible delito nos escuros estudos do afillado político de Aznar, e de novo Feijóo á suplencia. A entrevista dominicial en El Mundo coa que esperaba reengancharse á pugna quedou eclipsada, mesmo pasou desapercibida nos foros da Corte. Regreso a Galicia. 

 

Así que, unha vez máis ao seu pesar, Feijóo terá que centrarse no PP galego e na cita crucial que todas as forzas politicas pasarán dentro de oito meses: as eleccións municipais, que tamén serán europeas. Os populares queren a revancha da desfeita de 2015, o peor momento do feijoato e tamén un momento histórico cuxo percorrido está en xogo. Ocorre algo semellante cun PSOE que neste período pasou do perigo de pasokización a ser un dos principais favoritos grazas ao Efecto Sánchez, que xa tamén se mide a si mesmo entre constantes escándalos ministeriais. 

 

De Ciudadanos en Galicia segue sen esperarse moito namentres que forzas pequenas na liña de Terra Galega ou Compromiso contan con manter feudos municipais como Narón ou Lalín, respectivamente. Tamén é esa -con moito máis alcance- a intención do BNG, necesitado de que o impulso que supuxo o liderado de Ana Pontón confirme o final da curva descendente e avale o seu modelo de goberno en vilas como Carballo ou a clásica Allariz. Por último, o espazo das Mareas e as confluencias de Anova, EU e Podemos afrontan o desafío de reeditar o seu éxito maior, se ben fano entre terribles discusións internas e coa dúbida de como se presentará En Marea ás europeas. Sería curioso que aqueles que se separaron do beirismo en 2014 para non formar parte da mesma candidatura que Izquierda Unida agora avalasen esa fórmula con aínda máis partidos estatais, pero dependerá das súas bases e do proceso de renovación do Consello. Tamén o Bloque ten que decidir a súa fórmula europea, que podería ter outra vez a Ana Miranda como estandarte. 

 

Sería curioso que aqueles que se separaron do beirismo en 2014 para non formar parte da mesma candidatura que Izquierda Unida agora avalaran esa fórmula con aínda máis partidos estatais

 

Con todo, as municipais de dentro de oito meses sempre usan de termómetro as sete cidades de Galicia, cuestión discutible pero que segue a ser a dominante. Deixando a un lado as Deputacións, que merecerían unha análise á parte, nas urbes comparten espazo certezas a moitos enigmas. Entre as primeiras -ante a perplexidade de amplos sectores do resto do país- sitúase Vigo. 

 

Non hai indicios de que estea en perigo a maioría absoluta do desatado Abel Caballero. Emblema do máis vello populismo localista, o ex-ministro mantén un grande apoio popular que nin sequera o desgaste do accidente d'O Marisquiño parece en condicións de tombar. Non se descarta unha lixeira baixada do alcalde pero nada serio para o seu réxime, onde PP e Marea apostan polo continuismo -que apunta a reflexarse nas urnas- e o BNG afronta a urxencia de volver ao concello, algo imprescindible e que serviría para pechar un dos últimos traumas dos nacionalistas: o de non contar con representación na cidade máis poboada de Galicia e na que no seu tempo tiveron a alcaldía. Xabier Pérez Igrexas é a aposta para conseguilo.

 

Pontevedra supón outro dos escenarios previsibles, con Fernández Lores moi forte á cabeza do BNG e disposto a sumar o seu quinto bastón de mando na cidade de Rajoy, xa invisible como corrente política. Por último, tampouco se esperan cambios na alcaldía en Santiago de Compostela, onde Martiño Noriega fixo valer a súa experiencia e conta co aval de decisións ambiciosas como a remunicipalización da ORA, namentres o PP segue desnortado.

 

No territorio das incógnitas xorde Ourense. A terceira cidade máis populosa de Galicia é tamén a única en mans de Feijóo. O PP non se pode permitir perdela, o que unirá de novo os partidarios do presidente autonómico cos do baltarismo. Jesús Vázquez goberna por ser a lista máis votada e a esa baza xoga de novo, dado que non está disposto a pactar co disparatado M5E cantonalista que vén sendo a Democracia Ourensana de Pérez Jácome, que amosa xa signos de esgotamento. Así que só unha coalición de esquerdas ofrece pistas de alternativa, mais os numeros van xustos. 

 

No territorio das incógnitas xorde Ourense. A terceira cidade máis populosa de Galicia é tamén a única en mans de Feijóo. O PP non se pode permitir perdela

 

No caso de Lugo non coincide a visión que hai alí coa que ten o resto de Galicia cando se lembra de mirar á cidade da Muralla, ou sexa, case nunca. Para nada é tan favorita a socialista Lara Méndez como pode parecer. Ten moitas opcións pero existe optimismo no arco contrario, ante o prestixio que entre os seus se lle asigna a Ramón Carballo, candidato do PP, ou mesmo ante a sensación de que Lugo é dos poucos lugares onde Ciudadanos foxe do bochorno, da man da concelleira Olga Louzao. Todo moi aberto, ao igual que en Ferrol, onde a norma é que o rexedor nunca pase dos catro anos. Contra ese feito loita Jorge Suárez, que terá no seu predecesor -o aínda conselleiro da Xunta José Manuel Rey- un complicado rival. 

 

Pero sen dúbida a gran batalla está na Coruña. A cidade na que agora reside Feijóo e onde convive e contacta coas súas elites -dato importante- supón o premio maior, xa que Xulio Ferreiro non ten tan clara como quixera a súa reelección. O líder do PP galego designou como candidata a unha das súas persoas de confianza, Bea Mato, conselleira con el desde 2009 e persoa con habilidades sociais nas distancias cortas -fundamentais na política local- das que Feijóo carece por completo. Unha figura con lagoas pola súa xestión autonómica e á que só lle vale a maioría absoluta -a non ser que Ciudadanos mova ficha con xeito, algo non moi probable-, uns catorce concelleiros que semella difícil acadar, non imposible. Así, a competición tamén vai por outro lado. Malia un evidente baixón e que xa non conta con volver gobernar en solitario, a Marea Atlántica segue sendo, talvez por pouco, a primeira forza da esquerda, polo que está en condicións de alcanzar de novo a alcaldía. Pero o PSOE, aínda sen candidato ou candidata, sópralle na caluga, pola resurrección da man de Pedro Sánchez, moi relevante para unha cidade que desde a fin do vazquismo sempre acompasou a súa vida municipal ao ritmo estatal. As lebres sobre o prestixioso nome de Fernando González Laxe como aposta socialista seguramente non pasen de aí, pero ilustran as grandes opcións que podería ter o PSOE, algo imposible de prever hai só un ano. Pola súa conta, o BNG recupera a Francisco Jorquera co obxectivo de gañar máis representación en tándem con Avia Veira, buscando o voto da decepción pola esquerda con Ferreiro, que ten na súa aposta de catro anos pola recuperación pública dos terreos do porto o eixe forte de campaña, algo que aspira a cambiar o PSOE grazas a Puertos del Estado, ou sexa, ao Efecto Sánchez. Porque as municipais de 2019 pasan por Moncloa e Monte Pío ademais de polos 313 concellos de Galicia. Moito en xogo.