Un covarde crime fascista perpetrado por un grupo neo-nazi contra un seareiro deportivista. Iso foi o que pasou en Madrid por moito que se intente negar intentando repartir culpas entre uns e outros. 

Un grupo de seareiros do Dépor acoden a ver ao seu equipo a Madrid, ao Calderón, sabendo que se xogan o tipo posto que pertencen aos Riazor Blues e teñen malas relacións cos ultras locais do Frente Atlético, do que lles separa basicamente a ideoloxía, posto que non hai rivalidade entre ambos os equipos. En resumo, que non, malia ter que ver, o fútbol non provocou por si mesmo a traxedia deste domingo, senón que esta foi derivada dun longo enfrontamento entre fascistas e anti-fascistas (o que non converte a estes últimos en exemplo total de conduta, certo, de feito son moi contraditorios; pero a cuestión central que separa a Blues e Frente é esa, política. Non se pode analizar o ocorrido excluíndoa). 

Eses seareiros chegan a Madrid e baixan dos buses, diríxense a bares. Non están armados, aínda que  contan con algún material pirotécnico, totalmente legal -hai festas municipais baseadas no mesmo- malia que, obviamente, pode ser perigoso. De súpeto son atacados por 150 ultras, armados até os dentes. En vez de deixarse pegar ou limitarse a fuxir, a maioría dos seareiros do Dépor deciden facerlle fronte á horda fascista. Levan as de perder. Son superados. Pero non é unha batalla de iguais como foros interesados tratan de dicir, non, é unha agresión que atopou resposta.  

Bravatas polas redes hai todos os días. Pero os Blues insisten en que non quedaran para pegarse con ninguén. A lóxica indica que de telo feito, elixirían un lugar máis discreto que o aparcamento pegado ao estadio. E ademais resulta que quen filtra a posible existencia dunha cita previa é a policía, que tardou moito en actuar (hai quen denuncia que deixou facer aos que tiñan as de gañar) e que, en caso de que coñecese esa suposta cita: como é que non preparou un dispositivo para evitar o choque violento? Estrañamente, os mesmos xornalistas que avalan esa versión policial non se fan tal relevante pregunta. Nin falan de como é posible que as forzas da orde non detectaran a decenas de neo-nazis armados por Manzanares desde as oito da mañá cando mesmo a veciñanza estaba asustada pola súa presenza. (Por certo, non só Blues se viron involucrados no suceso, afectou a máis deportivistas). 

Os que son máis numerosos e teñen armas -malia que os coruñeses se defenden co que poden- abusan durante os incidentes. Mallan nun deportivista ao que, semella que inconsciente, lanzan ao río (pode verse nalgunhas imaxes). Chámase Jimmy. Falece pouco despois. (Hai serias sospeitas de que se adiou o anuncio da súa morte para que se xogase o encontro -show must go on- que o Dépor aceptou disputar nun desafortunado insulto á súa afección). Loxicamente, quen lanza ao Manzanares a finais de novembro a unha persoa inerte que acaba de recibir unha malleira o que intenta é matar. Ou sexa, o que sucedeu foi un asasinato. Importante que así se lle chame. 

Polo tanto, temos nazis que atacan e consuman un crime. A mestura é doada: asasinato fascista. Porén, segue a falarse de “pelexa” ou “reyerta”, sempre intentando situar no mesmo nivel a verdugos e vítimas. (Hai quen tira da teoría da cita previa para soster esa equivalencia. É ben dicir que mesmo se así fose, nos grupos hooligans existen unha especie de normas de honra para esas -delirantes e condenables- batallas pactadas. Por exemplo, que ao que está no chan se lle deixa en paz e que non se poden usar armas brancas). E non, non son comparables os neo-nazis cos que non o son, como tampouco os que portan coitelos cos que non. E aquí, esvásticas e navallas só había dun bando, do madrileño. 

Así que Jimmy non é o mesmo que os que o mataron. E soster -como entre outros fixo Javier Tebas, presidente da LFP e ex-militante de Fuerza Nueva- que non merece condolencia por ser “un radical” é basicamente o mesmo discurso dos que xustificaban os atentados do GAL porque eran contra membros de ETA. Ou sexa, máis fascismo. Demasiado. Porque foi o fascismo o que asasinou ao seareiro coruñés. Esa é a dramática verdade. Que non a manipulen. Nin se esqueza.