Eu era o xornalista que en xuño de 2014 moderaba o debate televisivo -para internet- sobre o ámbito coruñés no que o escritor Manuel Rivas pediu unha gran "marea atlántica" que cambiase radicalmente a política municipal. Pulaba así o tamén periodista por unha expasión, en forma de unidade, que fose capaz de transformar as arelas dun grande sector da cidadanía en alternativa nas urnas. Gobernaba o PP en todas as administracións. Naquel debate estaban presentes movementos sociais pero tamén Esquerda Unida, Anova e mesmo o BNG. Con todos se contaba -ou se intentaría- cara ao obxectivo que xa levaba semanas cociñándose, mesmo antes daquela emisión dixital: alcanzar Maria Pita. Con todas as mans e sen siglas. Só facía falta un nome aglutinador e aquela intervención do autor d'En Salvaxe Compaña nolo agasallou. Sería Marea Atlántica.

 

Era Marea porque a palabra tiña regusto xeográfico e sentimental para A Coruña pero tamén polo seu poder evocador. Unha Marea humana, como as de Nunca Máis ou o 15-M ou mesmo as de defensores dos servizos públicos que así se facían chamar polo Estado adiante. Unha Marea que unía e empurraba sen pararse en detalles -como os terreos de cada partido- e que soaba a multitude, nunca ao engorro precario das coalicións e as cotas de parte, tan mal vistas nese intre, con ou sen razón (que iso daría para outro artigo).

 

E as siglas quedaron a un lado fronte a un proceso que garantía idénticas oportunidades a todos e que mesmo esaxeraba na integración mediante un metodo de primarias que premiaba a pluralidade. "Únete á rebelión democrática!" dicía o slogan naqueles felices días que remataron coa vitoria de 2015. "Limítate a apoiar a quen nós digamos!" podería ser a súa continuación agora, catro anos e un feixe de decepcións despois.

 

A onda múltiple e popular que representou a Marea Atlántica en 2015 é xa só un agridoce recordo

 

A onda múltiple e popular que representou a Marea Atlántica en 2015 é xa só un agridoce recordo. A recente presentación da candidatura da MA para os vindeiros comicios de maio re-confirmouno. Lista pechada e plancha. As caras novas a postos imposibles ou moi complicados. Pensando sobre todo en intereses sectoriais do día seguinte ás eleccións (sinal de debilidade) o anunciado por Xulio Ferreiro só deixa espazo nos postos de saída reais para a garda pretoriana do minúsculo grupo que se apropiou do nome da confluencia para conformarse en partido tradicional (e cantonalista), mesmo a pesar de que que isto faga incluír a persoas imputadas (en contra do propio Código Ético), ausentes en duras crisis ou reprobadas polo Pleno (tamén cos votos da esquerda). Tanto ten. A Marea agora é Búnker. O importante semella culpar de todo aos demais -tamén a posibles aliados-, botar balóns fóra, vitimizarse. O de menos é pararse a pensar por que será que os mellores concelleiros, os movementos sociais da cidade, gran parte das bases coruñesas de Esquerda Unida, Podemos e En Marea (os villaristas) non se atopan ao seu carón. Porque non os queren. Estamos ante a primeira "unidade popular" que se erixe sobre a deconstrución.

 

O persoal é político. E na deriva que levou á Marea a re-bautizarse como Búnker Atlántico entra o carácter dalgunhas persoas, por suposto, pero tamén as políticas. Moitos e moitas avisamos desde dentro e logo desde fóra sobre o mal camiño tomado, sobre a decepción cidadá co traballo feito en María Pita. Non se escoitou, como adoitan facer os dos ámbitos pechados, onde o relevante reside no volume dos aplausos, o demais estorba.

 

Na Coruña seguimos sendo milleiros, moitos máis que os desas dereitas que, como dixo tamén Manuel Rivas, "só queren liberdade para santificar a riqueza e culpabilizar a pobreza"

 

Finaliza o mandato e vemos que, agás unhas cantas medidas, algunhas de importancia, o gran cambio que merecía A Coruña ficou lonxe. Nas formas e nos froitos. Sen a revolución esperada no transporte municipal, cun escándalo inmobiliario, sen case investimento público nos barrios, con alarmantes datos de desemprego e grande subida do risco de pobreza, sen novas instalacións deportivas, con paus na Insumisa, sen novos centros cívicos, con moito auto-bombo pero limitada participación popular, con cero vivenda pública ou municipalizacións, sen os coidados urbanos necesarios, sen case ilusións de cidade.

 

Por iso moitos militantes, aliados, simpatizantes e votantes de 2015 xa non acreditan nesa especie de banda-tributo con algúns membros orixinais, nese búnker con dereito a manter o copyright -e pouco máis- do que se chamou Marea Atlántica. Polo tanto, en mans do traballo que fagan ou sigan a desenvolver outras forzas de esquerda (PSOE e BNG, fundamentalmente) queda a opción de volver a engancharnos a tantos e tantas e levarnos ante as urnas. Porque desmobilizarse non é unha opción. Repetir erros tampouco. Na Coruña seguimos sendo milleiros, moitos máis que os desas dereitas que, como dixo tamén Manuel Rivas, "só queren liberdade para santificar a riqueza e culpabilizar a pobreza".



x