Escoitabamos máis heavy metal do recomendable

 

Escoitabamos máis heavy metal do recomendable, aínda nos faltaban tres ou catro anos para alcanzar a maioría de idade e viviamos obsesionados con transgredir calquera norma; así que o feito de que algunhas noites saltaramos o valado para facer botellóns dentro do cemiterio tiña bastante lóxica, enfermiza, pero lóxica. Lembreino este sábado, namentres os informativos televisivos cuspían de novo sobre calquera convite á orixinalidade e dedicaban minutos e minutos a narrar con respecto impostado que moita xente acudía aos camposantos a levarlle flores aos seus mortos, porque a data así o ordena.

Descoñezo se aínda existen grupos de adolescentes embrutecidos replicando aquelas prácticas etílicas de dubidoso gusto. Si sei que os cemiterios cotizan á baixa, a xente cada día está menos interesada na posteridade, nun mundo onde é complicado atopar teito para vivir non semella razoable andar preocupado polos teitos para morrer. Así que agora prendemos lume aos restos e as cinzas van a algún sitio con significado -os acantilados gustan moito- ou quedan na casa nunha urna, entre o cadro con ambición hipster e as revistas de motor.

Curiosamente, xusto cando os cemiterios perden esplendor resulta que é cando máis desaparecemos. Os galegos seremos 200.000 menos dentro de quince anos. Ou sexa, perderemos o equivalente a case toda a poboación da Coruña. Vai haber cinza a lotes. E ademais os que quedemos seremos aínda máis vellos do que somos agora. Trátase do o que os expertos chaman “inverno demográfico”, que soa así moi ben, como a novela distópica chula, pero que en realidade é un putadón. Galiza con galegos xa resulta complicada de existir como tal. Galiza sen galegos quedará definitivamente convertida nunha equivocación.

Xa non vou aos cemiterios a beber. Cada vez os piso máis como usuario, obviamente indirecto. Nesas visitas, ou ante notas xornalísticas sen graza do Día de Defuntos, sempre acabo dándolle voltas á miña propia morte, todo moi divertido como imaxinarán. Pero non só penso en min, no de deixar de fumar, facer deporte, andar máis relaxado, comer mellor e todas esas normas ben intencionadas, senón en como será a sociedade última que eu viva, se segue a cousa por onde vai agora e isto non pega un xiro radical. Con esta depresiva estratexia, xa conseguín ter algunhas cousas case asumidas.

Se duro 25/30 anos máis -por aí sería ben que andara a cousa- no mundo onde morrerei o galego sobrevivirá como lingua residual, falada apenas polo 5 por cento da poboación deste país, que será pouca e anciá. As nosas escravitudes dixitais medrarán tanto que dificilmente se poderá xa falar dunha humanidade como tal senón dunha especie de post-humanidade, con todo tipo de trebellos mesmo instalados no corpo para estar sempre conectados, apostando forte polo desacougo. As diferencias sociais irán a máis. O ámbito laboral a peor. Gobernarán Inditex e Burguer King, sen máscaras. Soará música de merda. A lexislación prohibirá que se difunda a imaxe da xente fea. Aínda existirán os curas e o Real Madrid. A infanta Leonor daralle ao sado con cargo aos fondos públicos. As peaxes da AP-9 serán máis custosas que coller un avión a Camberra. Inaugurarán nos Peares unha estatua holográfica en homenaxe a Feijóo. Unha construtora gañara un pastón acristalando o centro da Coruña, Compostela e Vigo para que a chuvia nunca moleste ás súas maxestades os turistas.

Será un pracer largarse.