Hai un turista na Xunta

Rodri Suárez - Xornalista


Unha txalaparta vasca, un presidente autonómico e un regreso desastroso do cronista. Festival humillante contra quen visita sen mirar. 

Tiña vinte anos; pasaron outros tantos. Daquela lucía pelo longo, agora calvas negras. A tendencia ao calzado sucio non a din quitado. A fascinación por aquel lugar, tampouco. Chámase Pasaia, en Euskal Herria. Andei por alí esta semana que remata; non volvera desde 1994, cando nas súas festas había un concerto de Dut, Os Diplomáticos e Banda Bassotti. Pero antes de todos eles saíron ao escenario uns rapaces, con aspecto claramente borroka. Comezaron zoupar nunhas madeiras. Quedei tan alucinado que xa derramei trinta centilitros de kalimotxo pola camiseta branca e frouxa que levaba, horrores estéticos daquela década. Contáronme que o instrumento en cuestión dicíase txalaparta, tradición vasca feita son telúrico. Impresionante, mesmo para min, habitualmente escéptico co folclore cando se volve solemne. Non era o caso. 

A primeira vez que escoitei esa percusión telúrica derramei 'kalimotxo' por unha horrible camiseta frouxa dos 90

Hai tres días que volvín de Euskadi. Sen quitalo da cabeza, como sempre. Alí falei con bastante xente, teño a verborrea enfermiza tan arraigada como as manchas nos tenis. E un dos temas estelares nesas conversas foi o turismo. Como MAL. Donostia estaba tomada por hordas fotográficas. Non deslocen un lugar tan potente, pero -e desculpas se soa elitista- entorpecen, representan ese rabaño global no que sempre acabamos convertidos, impersoais, dirixidos, apampados. [email protected] temos caixóns cheos de postais coa nosa efixie diante. Pero en moitos casos cun pouso de remordemento. Pero eles (nós?) nada, nel, acentúan, miran, invaden e (o peor) nunca, nunca protestan. Pasaban en cataratas polo Casco Vello da capital guipuscoana e aos desprazados se nos viñan á cabeza os pesadelos en forma de cruceiro asaltante que destitúen as nosas respectivas cidades con cartos municipais. En San Sebastián non caben, pero na Coruña -ou en Vigo- si. E arrasan. E sacan fotos imbéciles. Vale. Ocorre. O problema é cando quen fai o monas é un tipo ao que se lle supón importancia. Porque a ten toda nas mans. 

Fixo o presidente autonómico unha foto con txalaparta que no país natural do instrumento non se atrevería sacar

É máis que probable que Alberto Núñez Feijóo non estivera nunca en Pasaia. Tamén que sexa deses que pensan que o concepto Euskal Herria “é un invento” malia que está documentando desde hai séculos. Posiblemente, nunca verteu kalimotxo por unha espantosa camiseta branca dos 90 (como moito lle caería neve xunto a Marcial Dorado riba dun iate). E ten quen lle limpe os zapatos. De seguro que descubriu unha percusión brutal que denominan txalaparta (nome tamén dunha editorial que nunca leu) o outro día, cando para facer aínda peor o meu regreso tiven que almorzar coa súa imaxe de visita autonómica nun festival no que tivo o ridículo detalle de situarse diante da prensa gráfica con cara de monguer, simulando que tocaba a txalaparta nun posto vasco. Igual que fixera anos hai desde a oposición con aquela mangueira con menos chorro que unha lefada mediada pero coa que quería representar o seu compromiso cun ecosistema forestal incendiado sobre o que, en realidade, agora mexa. 

Feijóo podería ir a eses eventos plurais a comprender, a escoitar, a dignificar o seu cargo. Pero non. Vai sacar unha foto parva de turista. Colleu a txalaparta -ignorante el- como faría o mesmo co primeiro que lle dixeran: Facer que empurra a Torre de Pisa diante da cámara; pendurar un fecho nalgunha ponte; beber do neno do pis dos Países Baixos (ese momento chuvia dourada ata tería o seu punto); escribir cun rotulador verbas pacifistas en Berlín; simular chepa en Notre Dame; poñer os brazos en cruz en Río de Janeiro... Así é el. Un tipo que está de paso, sen ningunha inquedanza. Ao que isto, onde goberna, pouco lle importa, alén da foto. Que goza do Todo Incluído namentres quen limpa os camarotes sufre ataques de ansiedade. Un que chegou no Ocean of the Seas ou como se chamen eses monstros. E que cando marche só levara de recordo unha foto absurda. A que nunca se atrevería a sacar en Pasaia.



x