Humildes consellos ao BNG

Rodri Suárez - Xornalista


Un relato agridoce rodea ao Bloque

Un relato agridoce rodea ao Bloque, situado entre a evidencia dunha perda de apoios constante e un proceso de rupturas ben coñecido, mais tamén vivo, e con recuperados camiños esperanzadores que durante a campaña foron visíbeis. Segue tendo moitos retos por diante a organización nacionalista. Está en crise, pero pode afrontala de pé após os 80.000 votos e malia ser superada polo espectacular resultado de Podemos.

Esta última circunstancia ten a súa relevancia. O perfil do votante da candidatura de Pablo Iglesias amosa a perda de peso de Galiza como suxeito político, que tamén se reflicte na forza que colleu Esquerda Unida nos dous últimos anos. Xa hai milleiros de análises sobre a cuestión. Agora pode engadir a base do BNG algún máis. Un pode ser a necesidade de, sen perder a raíz galega, recuperar presenza tamén na esfera madrileña -en ton crítico, como, por exemplo, fixo Carod Rovira ou fai Sabino Cuadra- xa que esa masa que só recibe información vía Madrid poderá así reencontrarse -pouco a pouco- con Galiza como realidade política. Trátase de combinar ambos perfís -xunto ao europeo- non de, digamos, españolizarse. Ao contrario. É usar Madrid para denunciar o que ese centro de poder significa (falamos das súas elites, claro). Hai un caladoiro de votos indo contra Feijóo. Pero tamén outro que pide ir contra, por exemplo, o Borbón ou Esperanza Aguirre. Atender a ambos permite sumar; limitarse ao primeiro, resta. E ao tempo, ben faría o nacionalismo en xeral en ir creando referencias propias que supoñan unha alternativa aos líderes de opinión -tipo Wyoming, por dicir o máis talentoso- que tanto triunfan neses sectores, pero que engadan a Galiza como epicentro. Aplicar os modelos que funcionan sen perder peso ideolóxico nin vocación nacionalista de esquerdas, en definitiva. A eterna batalla da hexemonía cultural, fundamental para o BNG se quere recuperar apoio urbano e novo, sobre todo.

O BNG tamén terá que plantexarse nas municipais a posibilidade doutro tipo de pactos, especialmente na liña que abriu a CUP en Cataluña; fórmula a, como mínimo, explorar

Será así mesmo importante para o Bloque profundar na relación cos movementos sociais, xa avanzada. E tamén buscar outra escenificación -que non alimente caricaturas sectarias- no asunto dos pactos, onde a maiores dos obxectivos de reunificar o nacionalismo sobre a fórmula que sexa tamén terá que plantexarse nas municipais a posibilidade doutro tipo de pactos, especialmente na liña que abriu a CUP en Cataluña; fórmula a, como mínimo, explorar. Ser didáctico e mesmo amábel cunha cuestión nacional en mínimos pode ser outra vía para o Bloque, así como ser cada vez máis combativo na súa faceta social. Sen estudalo a fondo, pero semella claro que non hai unha soa proposta de Podemos -ou de AGE- que estea á esquerda do programa do BNG. Pero iso non sempre se visualiza. Ou visualizaba. Porque se algunha boa nova deixaron estes comicios para a formación nacionalista, esa foi certas actitudes de campaña, que apostaron sen dúbida pola creatividade e, sen medo, pola radicalidade. Fálase de que retrocedeu a vellos tempos en resultados, certo, pero tamén en actitudes positivas. Ver ao Bloque pendurar ao asalto unha pancarta do Obradoiro -ou repartir condóns contra a troika, ou rirse da Tuna nas redes- recuperou un espírito rebelde e desacomplexado que tamén era o do máis exitoso BNG. Aí hai outro camiño, que non pode caer no aggiornamento cando chega á dirixencia. Pero foi esa actitude nos días previos ás eleccións, cun recoñecemento excepcional para o esforzo militante, o que conseguiu que o resultado fose mellor do esperado. Sen esa fuxida do tostón en campaña -pero sen entregarse á frivolidade- agora o BNG estaría falando de cousas moito peores. Pero, malia todos os problemas coñecidos dentro e fóra, resistiu. Non é pouca cousa.



x