Núñez Feijóo, patriota galego

Rodri Suárez - Xornalista


Como diría o clásico, “pasou o que pasou”. E Alberto Núñez Feijóo desbotou entrar na loita polo liderado do PP estatal, polo menos nas actuais condicións. Non lle toca salto a Madrid, ese soño seu. A nova -sorprendente, pero non tanto- xa foi analisada con gran tino por decenas de persoas. Polo tanto, pouco máis podo ter que engadir eu, feito que por suposto me obriga a indagar no tema: escasos praceres máis intensos existen que o de non facer o evidente. Así que van seis toques sobre a cuestión Feijóo, tres sobre o que pasou e outros tantos sobre o que pode pasar.

Sobre o ocorrido:

1).- A teoría máis crible -que foi suxerida por algúns xornalistas de medios galegos os días anteriores a A Decisión- refírese ás presións e/ou ameazas que desde os aparatos subterráneos de poder tería aturado o líder do PPdeG e que finalmente o decantaron por quedarse nas máis controladas augas da Xunta. O nome que sempre xorde detrás destas suposicións é o de Soraya Sáez de Santamaría, algo así como unha Mata-Hari dos sumidoiros madrileños grazas ao seu control do CNI, os servizos secretos do Estado Español, eses fenómenos aos que Catalunya deixou en ridículo a base de urnas. Pero que semellan ser mais funcionais no apartado 'cousas de políticos e narcos'. A gran cuestión agora é saber se o fogo amigo que seica derrubou a Feijóo constaba simplemente dunha insistencia a gran escala nas coñecidas e fotografadas relacións con Marcial Dorado ou existe información aínda peor que leva gardada nunha caixa anos, ao estilo das cremas de Cifuentes. Haberá que teimar en preguntarlle ao presidente da Xunta polo tema. E lembrarlle que debiu demitir cando se fixeron públicas aquelas imaxes e que se a súa relación con grandes delincuentes o invalidan para ir a Madrid máis aínda o fan para gobernar Galicia.

2).- Apenas se ten comentado unha posibilidade que dun xeito ou outro os acontecementos parecen confirmar. Talvez, que esta teoría necesariamente inclúa un chisco de humildade do propio Núñez Feijóo explica o porqué da súa escasa repercusión pública, pero é ben tela en conta. E se o líder da dereita en Galicia asumiu que non estaba preparado para liderar ao PP en Madrid? E se resulta que dixo non porque por un día entendeu as súas limitacións? Semella evocador imaxinarse ao sempre sobrado presidente da Xunta dicíndose a si mismo “eu alí sen a prensa que aquí teño tan controlada e cuns rivais políticos en mellor forma que os do Hórreo vouna cagar”. O feito bastante contrastado de que Feijóo con gardacostas si se atrevería, como o demostra que tería aceptado o traslado en caso de aclamación, refrenda que algo disto hai. O mesmo ocorre cun precedente do que cómpre acordarse máis nestes días: o fracaso absoluto de Feijóo na súa importante entrevista con Jordi Évole. O minutado televisivo que debía supoñer o impulso ao seu salto á Corte supuxo todo o contrario. E explicou moi ben porque nunca concede entrevistas aos medios críticos galegos. Non loce cando sae da zona de confort que tanto diñeiro público nos custa. E sábeo.

3).- Tamén pode ser que sexa certo que Feijóo fica porque quere cumprir coa súa palabra, que considera que Galicia é a maior honra política que pode existir. Isto significaría que foi completamente honesto no discurso no que anunciou a súa decisión, un tanto sabiniano polos problemas de voz e a tensión teatral. É posible que en Feijóo si que haxa algo de patriota e quizais el sexa o último autonomista? Eu descartaría esta opción ao 99%.

Sobre o que pode ocorrer:

1).- Un horizonte posible para Feijóo -posiblemente o que el desexe- é que as hostilidades desatadas entre Cospedal e Santamaría tras anos de guerra fría acaben en destrución mútua asegurada e que o PP salte polo aires, o que lle permitiría re-intentar o paso a Madrid en formulación de mesías indubidable, a que lle pide o ego.

2).- Non sabemos a fondo como se atopa anímicante Feijóo tras a renuncia a completar o desexo madrileño. É probable que o conte nalgún periodico amigo este domingo. Namentres, podemos imaxinalo afectado. As súas bágoas durante o anuncio compostelán do luns non eran de emoción galeguista senón de raiba. E se está argallando venganza? Se o PP teima na súa caída tipo UCD (ver punto anterior) non se pode descartar que o señor das tres maiorías absolutas tome a medio prazo o mesmo camiño que boa parte dos cargos e aspirantes da dereita española e acabe liderando Ciudadanos en Galicia. Se teño que seguir aquí -pensará- que sexa quitándolle calquera posibilidade de utilización dos meus resultados por parte dos meus verdugos. É moi pouco probable, pero como política-ficción funciona, tamén porque nos fai ver que entre Feijóo e o neo-falanxista Albert Rivera as diferenzas son ben escasas.

3).- Nese mesmo territorio especulativo incluso cabe outra posibilidade. E se o maltrato recibido desde o núcleo do poder español provocase unha epifanía en Feijóo? Así como a política non debe definirse desde o individualismo, si é certo que os acontecementos vitais sempre afectan á ideoloxía persoal (a maioría dos ricos arruínados tenden a cruzar de dereita a esquerda, ao contrario dos pobres que se enriquecen, por exemplo). Así, resulta emocionante pensar nun Feijóo que a partir dos feitos destas semanas comeza a mirar o centralismo doutro xeito. E empeza a ler a ensaístas históricos do país. E escrebe el mesmo unha declaración do 25 de Xullo que sorprende pola súa mirada nacional galega. E uns días despois comenta con Anxo Varela a posibilidade de volver aos consensos lingüísticos do Plan de Normalización. Pasados meses, sóltalle aos voceiros e a voceira da oposición que igual era ben avanzar nun novo Estatuto, aceptando desta volta o que vetou no 2007. E finalmente abandona o PP e recupera unha especie de Centristas de Galicia, indo máis alá do que Cuíña (pai ou fillo) foi nunca. Nunha entrevista, Feijóo reflexiona sobre o seu cambio: “Decateime de que se estes políticos de Madrid me trataron así a min, que era un dos seus discípulos pródigos, que non estarían facendo co resto da xente”. Ten lóxica, verdade? Pois xusto por iso Feijóo non o fará nunca.