O papel de Toni Cantó en Fariña

Rodri Suárez - Xornalista


Non lin o artigo de Toni Cantó en La Voz de Galicia. Xa me coñezo os argumenos galegofóbicos desde hai demasiado tempo e non quería foderme a mañá dun venres, hai cousas nas que nunca dou controlado a crispación, o que me produce unha dura loita entre a ideoloxía que me asegura que a carraxe é unha obriga versus a saúde que me di que me relaxe, que estás ben pero así acabas contigo mesmo, neno.

Pero un non pode evitar o que é. Así que non abrín o enlace con sinatura do deputado valenciano mais a miña cabeza comezou matinar nun feixe de argumentos contra Ciudadanos, a dereita, a españolidade reaccionaria (cada vez máis complicado atopar outra) e a galegofobia, externa e interna. As lembranzas leváronme hai dez anos, cando encabezada pola agora mentireira internacional Gloria Lago esta corrente empezaba facer das súas, co apoio do PP de Feijóo. Manifestación en Compostela coa presenza da actual terceira autoridade do Estado incluída.

Tampouco fun quen de evitar que o instinto de xornalista de patacón fixérame pensar nun artigo dedicado ao mediocre actor, ao que imaxinaría facendo un papeliño en Fariña —a exitosa serie sobre os narcos das Rías Baixas— onde desenvolvería un rol de repunante, queixándose de cada expresión en galego, o que lle provocaría un final tráxico pero comprensible. Iso na ficción, eh, na ficción. Na realidade o artigo tamén faríalle ver ao antigo membro de UPyD que as citas en idioma propio da serie foron moi ben recibidas neste país non só polo acerto en términos audiovisuais senón por reflexarnos como somos. Chámanlle veracidade. Pero menos da que celebrabamos. Porque o certo indica que o galego era moito máis naqueles tempos que o que se ve na magnífica serie. Contentámonos con pouco. Sabemos que desde os anos 80 até agora o idioma propio está perdendo a batalla dos e das falantes. E non porque sexa o dominante, senón por todo o contrario. Xa sei que a Toni Cantó gústalle máis o de arriba que o de abaixo, o de Las Rozas que o de Ponteareas, pero escribindo isto colaboraría a que quedase como un farsante. Poñendo Fariña no titular relacionado con Ciudadanos seica tamén habería potencial de clicks, pero iso non vai comigo. Vella escola. Creo. Ehem.

Poñendo Fariña no titular relacionado con Ciudadanos seica tamén habería potencial de clicks, pero iso non vai comigo. Vella escola. Creo. Ehem

 

Así que non cheguei a desenvolver os 6.000 caracteres que ía ter o artigo. Mellor deixalo estar, ademais xa o está a facer xente ben sabia. E así seguir rearmándonos de argumentos para cando a cousa galegofóbica se poña seria. Porque vén outra parecida a de hai dez anos, dirixida aos concellos e non á Xunta, electoralismo manda. A provocación está en marcha. Non só pola parte lingüística e máis cavernaria. Miren a Feijóo manipulando a Castelao. Ou no político —nun chanzo moito máis light— líderes dos novos partidos —xa vellos a todos os efectos— botando miradas elitistas contra a parte do país que non forma parte das cidades AP-9 ou asegurando que se pode dirixir unha organización galega desde a capital do Reino, levando xa ao cargo individual o que antes forzas estatais só exercían na praxe. Todo apunta a unha renovada ofensiva, con matices respecto á vaga de 2008/2010 pero idéntica no albo: facer do concepto de Galicia un simple decorado comercial, sen peso político. E así convertelo nun referente a superar, como os de clase traballadora, dereitos sociais, etc...

Porque detrás do discurso de Toni Cantó e todos o que pensan coma el máis aínda que unha obra como 'Fariña' o que realmente está é American Psycho.