La casa de mis padres ocupaba uno de esos mundos. Este mundo se llamaba simplemente padre y madre, amor y severidad, buenos modales y escuela (…) en él sólo cabían las costumbres sanas, el lenguaje amable y cálido, la ropa impecable y las manos limpias. (…) Para poder existir en este mundo, debía de mantenerme dentro de los patrones de la vida bella, ordenada y limpia.”

 

Hermann Hesse (tradución de Marco A. Garibay M.)

 

Je vous prie de bien vouloir m’ excuser”, di François Foucault a Seydou cando este pide perdón -“Excuse-moi, Monsieur”- pola súa conduta na visita ao Palacio de Versalles. Nesta corrección de Foucault reflíctese algo ben interesante que cómpre poñer enriba da mesa. Por unha banda vemos o desexo de Seydou, de ser amábel e respectuoso co seu mestre, e, polo outro, o intento do profesor de lle aprender a falar ben. Hai en ambos os dous personaxes un punto en común: a ansia de mellora. Esta arela de querer aprender, implícita neste breve diálogo, é o cerne da cuestión que o director da fita “O bo mestre”, Olivier Ayache-Vidal, intenta poñer enriba da mesa. Daquela, faise visíbel como o uso da linguaxe pode determinar non só como as persoas son percibidas, mais tamén como o propio feito de a saber usar con corrección permite o acceso a certo tipo de coñecemento. Pierre Bourdieu ten explicado isto nos seus traballos ao mencionar o “capital cultural”, que el sintetiza neste acceso ao idioma: “O que denomino capital cultural é o feito de dominar a lingua”. Cal sería entón esa lingua correcta, esa “bonne langue française” á que facía referencia Bourdieu? A que ten conta do funcionamento da súa sintaxe e mais do seu léxico, porque é a que se usa nos libros de texto, cuxa función é difundir un coñecemento concreto. Quen posúe o dominio da lingua? Quen aprende a falar e escribir con corrección. Isto, en principio, debería aprenderse nas aulas, mais non adoita acontecer así. Pensar que o alumnado aprende a usar o idioma correctamente nas clases é unha verdade a medias xa que hai outros factores que determinan o proceso de adquisición da mesma. Bourdieu explícao moi ben, cando fai explícita unha cuestión importante que cómpre non esquecer: a clase social. Dar aulas nun centro prestixioso como o Henri IV, no que traballaba François Foucault, o protagonista deste filme, debía ser bastante sinxelo pois o público co que contaba procedía da clase alta parisina, e, tendo conta disto, dominaba non só o idioma mais a súa prosodia e as fórmulas de cortesía coas que a comunicación mellora notabelmente. Comentar un poema de Ronsard, por exemplo, faise máis doado para calquera docente se o alumnado que ten diante posúe os mesmos valores culturais que quen explica. Probabelmente haberá certo silencio mentres se comenta o poema, xurdirá algunha que outra pregunta, e, consecuentemente, poderá ser analizado con detalle. Isto permitirá unha falsa sensación de satisfacción a quen imparta esa clase de literatura, porque sentirá que está a facer un bo traballo dado que consegue o seu obxectivo, isto é, que se valore a aprendizaxe e reflexión sobre ese texto literario en cuestión. No entanto, a cousa non é tan simple como pode parecer, pois o esforzo é, nestes casos, practicamente inexistente. Por que apenas hai esforzo? Porque este tipo de alumnado xa ten inculcado ese desexo de aprender, está motivado e sabe desenvolverse con éxito ante as novas dificultades que se lle presentan. Tanto é así que poderían continuar a devandita aprendizaxe en soidade, porque o único labor que pon en práctica ese profesor ou profesora, nese contexto privilexiado, é o de transmitir información, ser guía. O verdadeiro traballo, o que si implica un esforzo inmenso, é facer fronte a rapazas e rapaces que carecen deses valores burgueses -o gusto polo coñecemento, a curiosidade pola arte, a literatura, as ciencias e as formas exquisitas do idioma...- e que, polo tanto, apenas len, e, probabelmente, teñan un contacto bastante directo con certas formas de violencia. Cal é o asunto entón nesta fita de Ayache? Moi simple: colocar o profesor nunha tesitura diferente daquela á que estaba afeito para que aprenda el tamén algo importante sobre a súa profesión e comprenda que as diferenzas de clase importan, que o auténtico reto non radica en observar ao detalle un texto de Flaubert ou Proust, mais conseguir que esa observación e análise, medianamente atenta, sexa posta en consideración por adolescentes que apenas saben falar correctamente francés, que endexamais leron un libro e que nin sequera teñen claro como comportarse ou pedir pedir desculpas.

 

As diferenzas de clase importan, o auténtico reto non radica en observar ao detalle un texto de Flaubert ou Proust

 

François Foucault, antes do seu traslado a ese novo centro, vivía na inopia absoluta. Convencido como estaba da súa mestría e capacidade de transmitir coñecementos, pensou, nun primeiro momento, que podería explicar no instituto do extrarradio da mesma maneira que no Henri IV. Xamais tivera contacto co alumnado da banlieu parisina, así é que ignoraba a problemática de seu e non contaba cos recursos necesarios para lograr algo tan complicado. Como falar de Victor Hugo ou Racine a rapazas e rapaces que non saben que é Versalles, malia vivir en París?; Ata que punto ten sentido facelo?; De que maneira conseguir que presten atención e lean libros se descoñecen a mecánica intrínseca do idioma e teñen outras preocupacións máis importantes como sobrevivir nese medio hostil e non se ver abocados/as á exclusión social?; Que facer se nas propias familias non se lles inculcou o interese pola lectura e a ambición por aprender?. François Foucault ten diante un reto ben difícil: conectar con ese alumnado displicente e desidioso que pasa de todo. Nun principio, opta polo autoritarismo. Utiliza por tanto a ameaza do castigo para someter o auditorio á súa vontade, mais isto non funciona. Con ese método ancestral só consegue ter enfrontamentos e condutas disruptivas, que el asocia cun desprezo absoluto polo coñecemento que, á súa vez, identifica con prepotencia. Tendo conta disto, o que fai é culpalos. Interpreta que é a ignorancia a que os move. Esta interpretación errada, por incompleta -o descoñecemento non é o único factor determinante, na medida en que exclúe as emocións que propician algunhas desas actitudes insolentes-, xera nel ira e incomodidade ata que, nun determinado intre, descobre o que sucede. Seydou, o alumno co que máis discute, maniféstalle abertamente que non se ve capaz de acceder a eses contidos que o profesor pretende que adquira porque se considera pouco intelixente. Ao escoitar a explicación dese pasotismo - “Parce que je suis idiot”, di Seydou-, o mestre comprende que o único prepotente nese contexto é el. O alumnado séntese abrumado con todo ese saber que Foucault posúe, e asúmese, polo tanto, incapaz de o acadar. Consecuentemente nin sequera o intenta. Ao chegar ao instituto, Foucault emprega practicamente un “langage soutenu” ao se dirixir aos seus pupilos e pupilas, que, alén de constituír un artefacto de poder, faise “exótico” para o conxunto de ouvintes. Por esa razón non conecta con eles, porque fala dende un lugar que consideran demasiado elevado, e, consecuentemente, de difícil acceso. Esta separación radical de clases por medio do uso dunha ou doutra linguaxe pode verse aumentado, exponencialmente ademais, na escena do Conseil Disciplinaire ao que é sometido Seydou e a súa tía, que, xa de paso, é implicitamente xulgada polo profesorado como “non apta” para se ocupar dese adolescente, reducido a un “chico insolente e maleducado”, que non asume cal é o seu papel no colexio. A verdade é que tanto a tía como o rapaz están absolutamente abrumados polas circunstancias. As explicacións que o profesorado expón sobre a actitude impertinente de Seydou son extensas e vense desbordados. Non saben ben desenvolverse ante eses xuíces morais que os cuestionan sen ter conta de todos os factores que determinan o comportamento de Seydou. Durante ese xuízo vese un retrato claro do que consideramos “sentido común”, diso que entendemos partillado pola maioría e que, como escribiu Saramago, faise bastante sospeitoso. Xulgar a Seydou dende a certeza que deriva do devandito “sentido común”, dentro das coordenadas do pensamento burgués, sen ter conta da súa pertenza á clase traballadora, claramente oprimida, constitúe un abuso de poder que coloca o adolescente e a súa tía nunha posición de febleza evidente, que asumen sen discusión porque xa están afeitos a ese menosprezo constante e nin consideran a posibilidade de se defender. De xeito inversamente proporcional a esta non autodefensa veremos que ningún membro do Conseil Disciplinaire, agás François Foucault, percibe que teña habido abuso e prepotencia. As profesoras e profesores presentes nese “xuizo”non parecen conscientes da distancia insalvábel que implica esa relación de poder e a consecuencia da decisión tomada polo Conseil, que é, basicamente, á condena á exclusión social de Seydou, algo que o protagonista intentará impedir. François Foucault, despois de varias semanas nese centro e dunha reflexión seria sobre os conflitos que se producían na aula, considera a urxencia de partir de cero e ter conta das necesidades emocionais dese grupo de adolescentes para conseguir non tanto o que el quería senón o que eles e elas necesitaban. Deixa pois de colocar por diante os seus desexos para se ocupar dos do seu novo alumnado.

 

Situarse nese lugar si que lle dará resultados interesantes, porque ese público desidioso comezará a sentirse comprendido e capaz. A idea é que non se trata tanto de explicar e analizar a Ronsard, mais de abrir o camiño para que se acheguen á literatura en xeral e desfrutar dela libremente. Talvez ese poeta non consiga seducilos, pero si poderá gustarlles saber que está aí e decidir non lelo, para, no seu lugar, escoller outras autoras e autores que lles susciten maior interese. Olivier Ayache-Vidal amosa neste filme o carácter elitista e exclusivista do sistema educativo francés, que equipara educar a informar e non contempla a necesaria revisión deses métodos caducos que tan operativos parecen a quen o defende, malia servir unicamente a unha determinada clase social: a burguesa. A idea non é orixinal, nin sequera poderiamos dicir que se trate dun filme excelente, nin innovador. Sobre todo se o comparamos coa fita de Laurent Cantet, “Entre les murs”, moito máis radical e potente. Malia todo, ese carácter amábel e o sentido do humor, alén da tenrura que se respira ao longo da película, fan dela unha proposta interesante, non só por poñer enriba da mesa un debate necesario sobre o sistema educativo, cuxo carácter caduco non é algo que só deba preocupar a Francia, mais por estar perfectamente trazada e captar a nosa atención dende o minuto un.

 

 



x