Para alén do debate –un tanto estéril– de se nos atopamos ás portas dunha nova crise ou é que anterior non chegou a marchar, o certo é que o cambio de ciclo económico a nivel mundial semella irreversíbel cando, en moitos ámbitos, aínda perduran os efectos da crise de 2008.

A ralentización da economía a nivel planetario (cun notábel descenso dos fluxos comerciais e menor crecemento do PIB mundial) e, particularmente, a desaceleración das principais economías do planeta son o síntoma máis evidente. Mais non o único. O contexto é diferente ao da caída de Lehman Brothers porén, será novamente unha crise global (con consecuencias particularizadas no ámbito local) que pagarán os mesmos.

Existen elementos que poden acelerala e/ou agudizala (a guerra comercial entre a China e os USA, a situación política en Italia ou Arxentina, un Brexit sen acordo, a situación en Hong Kong, calquera nova arroutada de Trump...) mais a existencia de múltiples focos de inestabilidade en termos xeopolíticos non é a raíz do problema. Non se trata de conxuntura. Tampouco dunha praga bíblica. É algo consubstancial ao capitalismo globalizado. E toca.

O Estado español non será unha excepción a esta situación. Ao igual que en crises anteriores, existirán efectos agravados en diferentes ámbitos da economía polas singularidades do “capitalismo castizo”. Na Galiza, como periferia, é previsíbel unha chegada máis tardía, mais tamén son igualmente previsíbeis uns efectos máis profundos e duradeiros nun país no que se están a cronificar problemas como a emigración xuvenil, o envellecemento poboacional, a desertización do territorio ou a destrución de sectores produtivos estratéxicos e que non conta con ningún mecanismo real de “autodefensa”.

A propaganda oficial do PP e do PSOE nos intervalos que ocuparon responsabilidades de goberno a nivel estatal na última década foi a mesma: primeiro negar o problema, despois executar receitas neoliberais para o combatelo e, finalmente, e tras millóns de persoas damnificadas, facer unha exaltación dos logros económicos conseguidos. Parámetros macroeconómicos (crecemento PIB, redución do paro, control da inflación, etc.) ou indicadores illados como o turismo, a venda de vivendas ou vehículos serven para evidenciar “o ben que se fixo”. Un relato que imita a épica franquista do “milagro español” dos anos sesenta e que nos fala dun“osasis español” nunha zona euro ao borde da recesión e que nos olla con envexa...

Porén, non é o oasis. É espellismo. Comezan xa a ser visíbeis indicios de esgotamento para alén de que a recuperación nominal non se corresponde cunha recuperación real. Os datos macro non poden agochar as miserias micro e que o saldo final foi unha concentración maior da riqueza, un aumento das desigualdades, un empobrecemento de amplas capas da poboación e un recorte de dereitos laborais e civís. Todo grazas a unhas políticas austericidas e unha lexislación represiva que se venderan como temporais e excepcionais mais que, ao final, viñan para se quedar e ser a norma e que teñen moito que ver coa negativa do PSOE e determinados poderes fácticos, á conformación dun goberno de coalición que non asegure o seu mantemento. A crise foi, e seguirá a ser, a coartada perfecta para unha dura política de recorte de dereitos básicos cunha mínima contestación social e custe político.

Todo segue igual

A pesar de que a anterior crise, espiu a estrutura económica do Estado español e puxo ante o espello os problemas estruturais do mesmo, non se corrixiu nada, ou case nada, desde aquela. A economía española segue a ter:

  • Un sistema centralista que atrofia as potencialidades dunha economía autocentrada nas nacións que o compoñen, ao tempo que infla un Madrid que funciona como burato negro que absorbe recursos da periferia cara o centro.
  • Excesiva dependencia do ladrillo, turismo e servizos que xeran menor valor e que están máis precarizados, ao tempo que as políticas de I+D+i son raquíticas, perpetúanse as deficiencias estruturais do sistema educativo e ése incapaz de reter o talento.
  • Un panorama laboral desolador cunha taxa de paro estrutural insoportábel, uns niveis de precariedade e eventualidade laborais absolutamente escandalosos e unha baixa produtividade.
  • Un empeoramento da cantidade e calidade dos servizos públicos con privatizacións e copagamentos que funcionan como empobrecedores das clases populares.
  • Baixa natalidade e envellecemento poboacional.
  • Un elevado endebedamento, cun dos déficits estruturais máis elevados da zona euro, que deixa moi pouca marxe de manobra para políticas de estímulo económico.

No caso da Galiza, a situación vese agravada. O noso país afrontará esta crise, como as anteriores: como un barco sen rumbo que vai á deriva, levado polas ondas, directo cara as rochas. As consecuencias dunha crise deste tipo para unha nación sen Estado como a nosa son sempre dobremente negativas. A falta das estruturas de Estado mínimas que  permitan poder decidir sobre os aspectos básicos da nosa economía, a comezar por poder recadar nós os nosos impostos e poder decidir en que os gastar, sitúanos non só desarmados perante a crise, senón coas mans atadas ás costas.

A soberanía é un pre-resquisito para poder mellorar as condicións materiais de vida dun pobo. Porque se non decidimos nós sobre o noso outros deciden por nós e nunca ao noso favor. Hoxe, máis que nunca, a cuestión nacional e a cuestión social son dúas caras da mesma moeda. Nunha nación sen Estado como a nosa, autodeterminación e xustiza social van da man porque a segunda non é posíbel sen a primeira.