Non comparto a maioría das valoracións que lin e escoitei a respecto da investidura fallida de Pedro Sánchez. Fálase moito dun problema de egos, de cegueira demoscópica ou da conxénita e irresponsábel incapacidade da esquerda para se entender. Porén, con independencia de que resulte innegábel que moitos deses elementos estiveron presentes, coido que non son os que imposibilitaron a configuración dun goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos. Un acordo deste tipo non se frusta por un exceso de testosterona ou a non cesión das políticas activas de emprego…

Non é posíbel facelo tan mal se non é querendo. Pedro Sánchez quería. Só así é entendíbel que alguén que en minoría aspira a ser Presidente e liderar un goberno, criminalice o modelo de coalición, vete o candidato e máximo dirixente do partido co que pretende gobernar, boicotee unha negociación mediante filtracións interesadas e propostas humillantes ou impida desatascar unha situación de bloqueo por non ceder en aspectos absolutamente accesorios.

Só así é entendíbel unha estratexia na que se traslada á opinión pública que o PSOE non pode gobernar co PP porque é a vella dereita. Non pode gobernar con Cs porque é a nova dereita. Non pode pactar con VOX porque é fascismo. Non pode pactar con JxC porque son independentistas. Non pode pactar con Bildu porque son terroristas. Non pode gobernar con Podemos porque son comunistas, non fiábeis e néofitos en cousas de maiores.

Os motivos de fondo son outros. A cultura democrática do estado español é moi limitada e pouco asentada. Que nunca houbera até o de agora un goberno de coalición no estado español non é casualidade. As reticencias non disimuladas dos poderes fácticos do estado a crear, por vez primeira, un coalición de goberno entre as “familias da esquerda española” é evidente. Naturalizaría a presenza da suposta extrema esquerda no goberno, xeraría un mal precedente para o futuro e podería pór en risco algúns elementos de política económica (reforma laboral, pensións e política fiscal) fundamentais para manter os seus privilexios e posición económica. Explicouno claramente a patronal: non hai que criminalizar unha repetición das eleccións porque é mellor volver votar que ter un “mal goberno”. Para manter un modelo económico neoliberal afianzado nos intereses do capitalismo castizo, é condición necesaria a unidade de España. Nese sentido, a fortaleza do goberno español (non dependente de forzas soberanistas) perante o seu principal problema político, non é para o capital, a mediática e as xerarquías políticas e funcionariais do estado (incluida a Casa Real e o exército), algo secundario.

Parte deses mesmos poderes viron, nun determinado momento con bos ollos, a posibilidade de ter cabalos de refresco para a recambio dos partidos sistémicos en casos de esgotamento (corrupción, desgaste polos recortes, etc.). Hoxe pensan que se pasaron de freada. O bipartidismo foi moi funcional e non hai por que renunciar a el e, no que coinciden todos os estudos demoscópicos, é que o bipartidismo sairía reforzado dunhas novas eleccións.

Con todo, por moi fortes que sexan algúns movementos de fondo contrarios a un goberno de coalición, é indiscutíbel que o PSOE e, sobre todo, Podemos teñen importantes incentivos para non ir a novas eleccións:

En primeiro lugar, ninguén ten a certeza absoluta do que acontecería o 10 de novembro. Menos en contextos tan volúbeis e de cambios tan rápidos. É verosímil certa desmobilización do voto de esquerdas (e/ou voto de castigo) pola frustración deste acordo fallido e por non ser tan críbel a ameaza dun goberno trifachito como hai uns meses. 

En segundo lugar, a posibilidade real (por improbábel que hoxe pouidera parecer) de que a dereita española puidera sumar para conformar goberno ou a moi probábel perda da maioría absoluta do PSOE no Senado que lle outorgaría unha capacidade de bloqueo que PP/Cs/VOX hoxe non teñen. 

En terceiro lugar, as eleccións despois da sentenza do Procés imposibilitaría calquera acordo coas forzas soberanistas, o que podería dificultar, novamente, a investidura.

En cuarto lugar, Podemos, que xa debería ter asumido que non vai formar parte de ningún goberno, vai ter que se debater entre dar un apoio gratis a Sánchez ou enfrentarse ás urnas. Ese segundo escenario plantexa tres problemas para Pablo Iglesias, non menores. Por unha banda, a máis que probábel perda de votos (agravada por un Errejón inflado desde PRISA) e o empeoramento da correlación de forzas respecto ao PSOE que o lexitimarían aínda máis á hora de vetar unha coalición. Por outra banda, o aumento das tensións pre e post electorais: cunhas bases que non entenden que, en calquera caso, non se facilite un goberno de “esquerdas”; por parte dun PCE que comeza a ensinar a patita (ameaza de ruptura da disciplina de voto e esixencia de investidura sen goberno) e tamén por parte de sectores internos nos afíns a Pablo Iglesias contrarios a como se levou todo este proceso.

Polo tanto, os incentivos positivos para que non haxa novas eleccións parecen moi evidentes. A grande pregunta é se serán suficientes.

O PSOE non volverá a un mercadeo público de cromos como fixo (forzado) nesta ocasión. Non permitirá novos golpes de efecto a Pablo Iglesias. Non dará opción a un goberno de coalición. Nese contexto, desde o meu punto de vista, a única posibilidade real de non ter que voltar votar en novembro é a de que Podemos dea o seu voto favorábel á investidura de Sánchez a cambio de nada. Non vexo factíbel ningún outro escenario que evite novas eleccións. Comprobarémolo en breve. O único que xa puidemos comprobar, máis unha vez, é que sen a presenza do nacionalismo galego, Galiza non existe na política española. De vérmonos nas urnas en novembro, cando menos, teriamos unha nova oportunidade para o remediar.