Debo confesar que só en moi poucas ocasións gozo das noites electorais con auténtica satisfacción. Niso lembro ao pensador italiano N. Bobbio que ao final da súa case centenaria vida declaraba que só puidera celebrar catro resultados das votacións que lle produciran pracer.

Debo confesar que só en moi poucas ocasións gozo das noites electorais con auténtica satisfacción. Niso lembro ao pensador italiano N. Bobbio que ao final da súa case centenaria vida declaraba que só puidera celebrar catro resultados das votacións que lle produciran pracer. É lóxico, as maquinarias dos grandes partidos, xunto coa lei electoral, dan pouca oportunidade a cambios fondos no mapa político. Aínda que as desigualdades se acrecenten, o paro e a pobreza medren, non resulta estraño que volvan repetir vitoria (axustada, magra, etc.) os de sempre. E, sen embargo, o 25-M da noite electoral europea houbo varias cousas das que sentirse ben. Primeiro, que diante da apatía a xente continuou votando máis ou menos como había cinco anos. Pode ser un mínimo síntoma de re-politización da sociedade fronte aos esforzos para que non nos movamos. E en Catalunya esa mobilización cidadá non deixa de medrar. Segundo, que as nacións sen estado (e sobre todo a nosa con A. Miranda) seguirán tendo unha voz importante nun parlamento europeo ben alonxado da cidadanía. Terceiro, que a esquerda sumando todas as súas opcións conseguiu unha vitoria sen precedentes no conxunto do Estado Español (só as Municipais de 1979 reflectiron un resultado similar). Unha vitoria emblemática de ERC en Catalunya, de Bildu en Euskalerria (por diante do PNV en total de votos), un avance significativo de Compromís en Valencia e tamén un pulo sorprendente das forzas que propugnan un cambio do sistema político e económico en Madrid, Andalucía, as castelas e no resto dos territorios máis autoidentificados con España. Un pulo que corresponde fundamentalmente á formación electoral PODEMOS, en parte unha escisión de IU, que capta un voto masivo de descontento de parados, precarios, estafados por hipotecas e preferentes, e que traduce os anceios de cambio radical do marco político e económico a nivel estatal.

"PODEMOS, en parte unha escisión de IU, que capta un voto masivo de descontento de parados, precarios, estafados por hipotecas e preferentes, e que traduce os anceios de cambio radical do marco político e económico a nivel estatal".

Pasado todo un verán desde esa consulta electoral, e segundo se vai difundindo en enquisas (sempre manipuladas) de opinión, reflíctese unha enorme marea de mudanza dunha sociedade castigada pola crise e polas prohibicións ao exercicio da democracia directa, unha democracia que no caso catalán, vasco e galego se expresa no dereito a decidir o futuro como nación. Así, a substitución de El-Rei non foi accidental. Tampouco o afundimento das forzas do sistema se frea (o bipartidismo PP-PSOE, que as veces semella herdar o da Restauración canovista), sen que as forzas ultraespañolas (UPD e Ciudadanos) acaden un espazo político relevante. O pulo da esquerda e das nacións sen estado avanza para crear un futuro diferente á saída da crise económica e financeira onde nos meteron desde 2008. Como me lembraba hai unhas semanas meu amigo J. Huguet, histórico dirixente de ERC, quizás teñamos que procurar o antecedente da historia, no contexto da proclamación da República de 1931, para construír unha gran coalición "republicana e nacional", me dicía el, que traia a ruptura do sistema político establecido. No 1931 e agora as reivindicacións de soberanía nacional de Catalunya, Euzkadi e Galicia constitúen argumentos centrais do cambio. Pero tamén a ruptura do marco constitucional vixente co paso da monarquía á república, coa consagración do dereito efectivo á vivenda, á protección fronte a determinadas prácticas da banca e do capital, a uns servizos sociais universais e de calidade, etc. A Constitución debatida no parlamento da IIª República foi un precedente, do mesmo xeito que algunhas cartas constitucionais aprobadas nos últimos tempos en países da América Latina. Por iso, hai que articular unha onda de cambio político onde os dereitos cidadáns e nacionais constitúan o prioritario. Unha mudanza que debe comezar por listas amplas e participativas nas municipais, cunha composición decidida desde a base, onde o nacionalismo organizado xogue un papel determinante na definición de programas, constitución de equipas e de códigos de actuación, xa que se trata da estrutura máis numerosa e mellor organizada dunha sociedade descontenta, que procura unha transformación radical da realidade. O PP síntese directamente ameazado por esta posibilidade de cambio e tentou trocar as regras electorais; por iso urxe intelixencia e integración para abrir un novo período de xestión das institucións públicas ao servizo das maiorías, hoxe moi atacadas por unha crise que xerou o capital.

"As ondas de cambio poden definir novas maiorías en Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, etc.; unhas maiorías que recoloquen o feito nacional, o dereito a decidir, no centro do debate"

No plano político diversas alternativas, iniciativas cidadáns e declaracións de dirixentes políticos semellan recoller este interese. Agora gustaríame introducir os conceptos e as análises procedentes da Xeopolitica para deseñar, nas distintas escalas territoriais interrelacionadas, como se pode traducir a marea do cambio. Debemos pensar, que a Xeopolítica é a versión aplicada, con resultados concretos da Xeografía Política, que se centra en analizar o papel dos gobernantes, sociedades, cidadáns en lugares e territorios diferentes con relación ao exercicio do poder público.

Na Europa do parlamento recen elixido sen dúbida coexisten moitos elementos novos con outros vellos e preocupantes. Por suposto, vello é o novo presidente da Comisión J.C. Junker apoiado, como sempre, por unha coaligazón de conservadores e unha ampla maioría de socialdemócratas. Tamén nos lembra un pasado escuro a extrema dereita en auxe, na súa versión puramente fascista ou defensora histérica do Estado-nazón clásico, que progresou como voto de protesta á crise. Sen embargo, a esquerda e as forzas nacionais continúan ben presentes. Unha esquerda maioritaria, e posiblemente gobernante pronto, en Grecia, no que sería o primeiro experimento de xestión dun estado á marxe do sistema conservador-liberal-socialdemócrata instalado en Europa desde os anos 1980. Por suposto, a esquerda renovadora alemá, nórdica ou do Estado Español, xunto a unha boa presenza de deputados verdes. Pero, para nós o mantemento de voces propias de Catalunya, Escocia, Gales, Euzkadi, Galicia, Flandes, de Irlanda co Sinn Fein, agora e tamén Valencia..., demostra que o deseño do continente aínda pode mudar nunha dirección máis democrática, social e orientada cara o recoñecemento pleno dos dereitos nacionais. O mapa europeo reflicte sen dubida unha reafirmación do nacionalismo fascista ou para-fascista nas grandes e antigas potencias coloniais (Francia, Inglaterra), un pluralismo chamativo no Norte e en Alemaña (apesar da manipulación pro-Merkel dos medios), e a posibilidade de cambio real no Reino Unido, en Bélxica ou no Estado Español. Cumpre pular nesta dirección, avanzando moito na coordinación das forzas e partidos políticos que defenden este cambio en profundidade (político e tamén económico, como nos lembran os do Scottish National Party) das estruturas da UE. 

"Para iso cumpre ser xenerosos desde o nacionalismo organizado, primeiro recompoñendo recentes feridas pouco útiles, logo atraendo cara aos seus postulados as novas formas de expresión crítica, bastante espontáneas, que os últimos tempos fixeron medrar diante de nós"

E volvendo cara ao máis próximo, a crise institucional en Catalunya está servida. Teremos que observar o empoderamento de ERC e das CUP, e o papel determinante que xogarán neste proceso. Euzkadi está máis próximo a espertar, apesar das posicións moi conciliadoras de parte do nacionalismo. Aquí, gustaríame reparar nun escenario chave, Navarra. Por primeira vez en moito tempo, as forzas nacionais e de esquerda, lideradas por Bildu poden conquistar o poder autonómico. O valor deste acontecemento, de materializarse, será notable; a Euskalerria máis española, clerical, onde o PSOE disolveu na práctica a súa organización histórica para frear un goberno de progreso, pasaría a mans da esquerda vasca. Isto pode ser unha das grandes novidades do vindeiro ano, que debemos observar. Outra, para non alongarme, podería ser a previsible entrada do nacionalismo valenciano no goberno autónomo e no de moitas cidades. Aínda que o seu peso é limitado, significará o fin das políticas e da retórica anticatalá (pro-española, como lembraba Aznar nas súas memorias) e un factor de impulso dunha política tendente a construír un eixo mediterráneo que comunique as grandes cidades irmás de Barcelona e Valencia, fronte á concepción radial do territorio do executivo español e de Madrid   

Para rematar, en Galicia o curso que comeza tamén resulta decisivo. Da articulación de grandes movementos cidadáns para as municipais, uns movementos que deben xogar en clave nacional, de país, dependerá un cambio de goberno radical na dirección política das cidades e os principais núcleos urbanos. As ondas de cambio poden definir novas maiorías en Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, etc.; unhas maiorías que recoloquen o feito nacional, o dereito a decidir, no centro do debate. Para iso cumpre ser xenerosos desde o nacionalismo organizado, primeiro recompoñendo recentes feridas pouco útiles, logo atraendo cara aos seus postulados as novas formas de expresión crítica, bastante espontáneas, que os últimos tempos fixeron medrar diante de nós. A unidade para mudar os mapas, os xeitos de goberno e, sobre todo, para recolocar o feito nacional de Galicia no centro do debate político, constitúe a razón básica de actuación. Unha actuación que, agora si, pode favorecer a superación das vellas estruturas de poder, de armazón do Estado, que os poderes fácticos definiron coa denominada transición de finais dos 1970. Sexamos intelixentes, e collamos o tren da historia despois de tantos anos de sufrimento que nos impuxo a crise económica e financeira do derradeiro período.