Os suspensos doen, os das fillas/os máis que os propios.

Ata hoxe sempre comprendín a súa razón: non acadar os obxectivos, descoñecer os contidos da materia, necesidade de realizar máis traballo, amosar maior interese... Porén, hoxe preciso reflexionar sobre o suspenso da miña filla en Valores Éticos de 3º ESO.

Levo dez anos ininterrompidos compartindo co mesmo instituto a educación dos meus fillos e fillas. Contenta de que, ademais de aprenderlles contidos curriculares, se preocupen pola súa formación como persoas e o fagan incidindo na importancia de respectar as diferenzas, aceptar a diversidade, non tolerar actitudes homófobas... Sempre procurando que asuman os seus deberes e exerzan os seus dereitos.

 A actitude irrespectuosa de quen debería estar impartindo esa materia pero que, lonxe diso, iniciou a clase pedíndolles explicacións sobre o seu corte de pelo opinando que non era normal, que deixaba ver a súa orientación sexual tamén anormal e preguntándolle explicitamente á miña filla desde cando lle gustaban as rapazas...

 

Considero que ese labor de concienciación foi, en gran medida, o que fixo que a miña filla e outras tres compañeiras (o 80% da aula) acudiran ao profesorado e Dirección do instituto ao remate da súa primeira clase de “Valores éticos” tras soportar, durante o transcurso da mesma, a actitude irrespectuosa de quen debería estar impartindo esa materia pero que, lonxe diso, iniciou a clase pedíndolles explicacións sobre o seu corte de pelo opinando que non era normal, que deixaba ver a súa orientación sexual tamén anormal e preguntándolle explicitamente á miña filla desde cando lle gustaban as rapazas...

Algo tan inadmisible como isto ocorreu hai xa tres meses, foi o primeiro día de clase e segue sen resolverse a día de hoxe. Non foi posible darlle unha solución aquel día na aula. Coa intervención da Dirección tampouco se solventou o problema. Reunidas as familias coa Directora e o Inspector do centro, non fomos quen de chegar a un acordo que supuxese recuperar a normalidade. Hai máis de mes e medio que acudimos a Xefatura de Inspección solicitando a súa intervención para solucionar o conflito, pero a día de hoxe nin sequera recibimos resposta. A nosa demanda é que as nenas, durante esa hora semanal, sexan atendidas por outra persoa do centro evitando así que teñan que expoñerse de novo ao trato do que foron obxecto por parte desa profesora.

As dúas familias implicadas decidimos que, mentres non se resolvese o conflito, as nosas fillas non asistirían a clase de “Valores éticos”. Tomamos esa decisión coa fin de encamiñalas a construír un código ético de valores e normas no que prime o respecto, a tolerancia coa diversidade, o afianzamento dos dereitos humanos, a dignidade das persoas e demais obxectivos e principios recollidos no Decreto da ESO e, concretamente, no currículo da materia de “Valores éticos” que estas tres alumnas veñen de suspender coa cualificación máis baixa que é posible: un 1. 

Doe, vaia se doe!



x