Falaba Teresa Meana xa no ano 2002, da necesidade de nomear as mulleres e do importante que é dar existencia e entidade ás nenas facéndoas visibles na lingua; do fundamental que resulta empoderar as mulleres, tamén, na fala e da necesidade de que Manuel e Manuela se eduquen dende o comezo nunha lingua que non lle dea a el a facilidade de estar sempre incluído e a ela o “instinto” de analizar todo o que se di para saber cando é, e cando queda excluída dun enunciado en masculino.

 

O masculino xenérico non é natural nas linguas e, polo tanto, non é unha característica idiosincrática das mesmas. De feito podemos concretar a súa orixe no século XVII cando eruditos franceses comezaron a elaborar as primeiras gramáticas das linguas románicas e decidiron, fronte a desaparición do neutro latino, tomar o masculino como xénero universal (Callamard 1998). Deste xeito podemos asumir que as linguas si teñen sexo e ideoloxía: o sexo de quen as constrúe e de quen toma decisións sobre elas, e a ideoloxía das persoas que dende unha posición de poder crean significado e conciencia sobre as palabras. Tortillera e bollera son socialmente termos despectivos, igual que maricón e bujarrón, porque unha persoa, probablemente heterosexual en posición de poder, decidiu darlles está connotación. Cómpre pois compensar a falta de poder tomando a linguaxe; dándolle a volta ás imposicións das persoas que están socialmente por enriba e, sobre todo, visibilizando a todos os colectivos, máis ou menos homoxéneos, que polo de agora non tiveron voz: recalcando a súa existencia.

 

O masculino xenérico non é natural nas linguas e, polo tanto, non é unha característica idiosincrática das mesmas

 

A palabra galegos nunca pretendeu incluír as mulleres nin falar da súa historia, nunca. Os que escribiron, os que ordenaron a lingua e fixeron gramáticas non estaban interesados en falar do que acontecera durante séculos coa metade da poboación do país. Nomear as mulleres, facelas parte e darlles voz é necesario, igual que é necesario unha revisión da historia, da literatura, da ciencia e das artes. E podemos escusarnos no feito de estarmos fuxindo do politicamente correcto que nomea a ambos sexos e despois malla na muller ó chegar a casa ou ignora as opinións das súas compañeiras nas reunións, mais non ía deixar de ser unha escusa, porque nomear os galegos e as galegas é nada máis que a punta do iceberg de todo o que a linguaxe inclusiva ou non sexista pretende. Reduplicar o sexo é a última das estratexias, primeiramente podemos falar de persoas, de xente, de alumnado e profesorado, de clientela e de seres humanos. Todas estas palabras levan asociado un xénero gramatical que serve para concordar a nivel sintáctico mais que nada ten que ver co sexo ó que fan referencia, igual que acontece coas escumadeiras ou cos coitelos: sabemos que a escumadeira é vermella e os coitelos amarelos porque concordan en xénero gramatical co respectivo adxectivo de cor mais nin unha ten xenitais femininos, nin o outro masculinos. É certo que ás veces non podemos botar man destes colectivos que non designan sexo e é aí cando reduplicamos o xénero. Esta é a diferenza entre o politicamente correcto e o emprego consciente da linguaxe non sexista: no primeiro contentamos os oíntes con sonoras fórmulas aprendidas e automatizadas; no segundo revisamos todas e cada unha das nosas intervencións querendo facer visible o invisible.

 

Non todo o que se presenta como feminista axuda ás mulleres (Teresa Barro 2018). E neste aspecto si estamos dacordo. O que non leva a revisar o pasado, non é feminista. O que resta entidade as mulleres e as invisibiliza, non é feminista. O que se escribe sen coñecemento lingüístico mais dende a sabedoría universal, non é feminista. O que menospreza un soporte de pensamento que condiciona a nosa forma de percibir e ver o mundo, non é feminista. Dicir que na loita feminista hai aspectos importantes e secundarios mentres se fala de patriarcado, todo un sistema que ten raíces en todos os aspectos da sociedade, efectivamente non é feminista.



x