Calquera persoa que coñeza un pouco a historia de Irlanda ou mesmo estivese alí, pode saber que a sociedade irlandesa e a galega son moi similares. Dende os celtas á inmigración pasando pola ocupación doutro país ou as clases sociais. Pero que sabemos das súas linguas?

Ambos somos bilingües: Irlanda co Gaélico ou Irlandés (lingua nai) e o Inglés (lingua por ocupación inglesa) e Galiza co Galego (lingua nai) e o Castelán (lingua por ocupación do Reino de Castela). Pode non haber similitudes lingüísticas entre as dúas linguas nai, mais si nas súas historias, que é do que vamos falar.

A situación do galego na actualidade é ben coñecida por todos (aínda que algunhas persoas insistan noutra realidade), pero… que sabemos da situación do gaélico? A continuación vouna explicar para podermos sacar unha conclusión sobre o futuro da nosa lingua e vexamos as similitudes históricas.

Contextualización

O gaélico é unha lingua resultado do céltico, lingua maioritaria ata a ocupación inglesa que comeza parcialmente no 1169 sumando máis de 800 anos sendo ingleses. Cando ocupan esta illa, impoñen o inglés, como se nos impuxo a nós o castelán (e que dará como resultado os séculos escuros), o que provoca a pérdida sustancial do gaélico ata os nosos días (entre o 1,8% e o 2,5% de falantes actuales), que só se usa en contados puntos de Irlanda, e administrativamente sempre xunto co inglés, o que provoca o debate actual de se esta lingua está realmente morta (ou a piques) ou se pode dicir que segue viva.

A situación do galego na actualidade é ben coñecida por todos (aínda que algunhas persoas insistan noutra realidade), pero… que sabemos da situación do gaélico?

 

Coa ocupación, o inglés pasa a ser a lingua da xente de poder, altos mandos e intelectuais e o irlandés queda relegado a vida cotiá ou familiar. O éxodo rural de pobos a cidades, motivado polas fames e crises, facía que a poboación gaélico-falante vira no inglés unha oportunidade para ascender e unha imaxe de maior status. Co declive económico, prodúcense emigracións á illa Británica e cara América a partir do século XIX (o éxodo galego dirixirase máis cara ás Castelas, norte de España e Centro América e América do Sur), o que provoca na poboación unha necesidade inmediata de aprender o inglés como primeira lingua para poder emigrar e obter mellores postos de traballo nas cidades. Esta necesidade de aprender o idioma de ocupación para poder emigrar tamén pasará en Galiza, o que se converterá nun dos grandes problemas, xa que se lle acabará de poñer a etiqueta de idioma de pobres ao galego.

Á par da “Fame irlandesa das patacas” (finais do século XIX) e o nacemento dos nacionalismos europeos (como o Rexurdimento Galego ou a Renaixença Catalana), comeza a fortalecerse o sentimento de independentismo, o que provoca rebelións en todo o país. Os intelectuais empezan a defender unha Irlanda libre e bilingüe na que sobresae o gaélico como lingua da nación e base propia contra influencias estranxeiras, pero tamén se defenderá o estado bilingüe. Non se poderá entender Irlanda como país independente sen a lingua irlandesa da man da inglesa.

Os intelectuais e políticos nacionalistas comezan a tentaren introducir o gaélico nas escolas e á xente con estudos, nos movementos artísticos e na política, procurando que sexa a lingua única da cultura, pero tamén a lingua da vida cotiá. É a mellor forma de desmarque dos ingleses. Ao mesmo tempo procuran enxalzar a historia e identidade celta con grandes movementos artísticos, do que é pai William Butler Yeats facendo alegoría nos seus traballos ao mundo fantástico e mitolóxico celta. Este movemento tamén estará presente ao mesmo tempo en Galiza con autores como Eduardo Pondal, pai do noso himno e que utilizará tanto neste como nas súas obras o mundo celta como un dos temas principais.

En 1893 créase a Liga Gaélica (similar á RAG, que se creará en A Coruña no 1906), que funcionará como un organismo para manter o idioma propio e normalizalo entre a poboación. Coa constitución deste órgano lingüístico coñeceranse moitos dos que serán os futuros pais do Alzamento de Pascua en 1916.

Despois dos alzamentos séguelle a independencia no 1922, ata os nosos días. Mais este feito non para o éxodo que continúa sobre todo cara os Estados Unidos. A pesar dos esforzos pola recuperación lingüística, esta non se consegue, continúa tendo a imaxe de pobreza, ignorancia, estancamento social e impotencia política. O inglés segue sendo unha vantaxe para poder emigrar a pesar dos esforzos para unha Irlanda bilingüe.

En 1893 créase en Irlanda a Liga Gaélica (similar á RAG, que se creará en A Coruña no 1906)


Nas décadas comprendidas entre 1960 e o 1990, o interese polo gaélico ascendeu, pero non no bilingüísmo. A pesar de non ser máis falada como primeira lingua, si que se consegue apartar un pouco a idea de idioma “falado nas pradeiras”(“babbling of the green fields”).
 

No presente

Tras estar dous meses e medio en Irlanda traballando nun hotel, recorrín o país de norte a sur e de leste a oeste. Cheguei coa idea de que me resultaría moi difícil adaptarme ao país por non falar correctamente o inglés e non tiña nin idea do irlandés, pero decepcioneime cando ían pasando as semanas e non escoitaba a ninguén falar o que lera que era a lingua nai. Vía toda a información turística en ambos idiomas, os sinais de tráfico, topónimos, nomes de compañeiros de traballo, etc, mais non o escoitaba falar, polo que comecei a recadar información do meu profesor de inglés e de compañeiros de traballo (para a historia servinme de varios autores).

Pregunteille a persoas de idades comprendidas entre os 25 anos aos 60. Os menores de 40 anos contábanme que daban a asignatura durante toda primaria e secundaria e algúns incluso ao equivalente ao bacharelato, mais ningún deles sabía falalo, e a duras penas o comprendían. Todos coincidían en que era unha clase aburrida e moi complicada e que non lle vían saídas suficientes como para aprendela.


Preguntei se alguén das súas familia o falaba, ben seus pais, avós, bisavós etc e todos me responderon que non coñecían ninguén da familia que o falase;  só un deles me comentou que tiña un amigo que si  o falaba pero só no ámbito familiar. Algúns deles contábanme que fillos, irmás ou sobriños que o estudaban na escola ou instituto non podían solucionar as dúbidas da materia con eles polo descoñecemento que eles mesmos tiñan do idioma.

Todos coincidían en que a de gaélico era unha clase aburrida e moi complicada e que non lle vían saídas suficientes como para aprendela

 

Sen embargo, para optar a postos públicos como á policía, educación ou en servizos administrativos fai falta un nivel medianamente decente para manter unha conversa, mais aínda con todo, contánbanme que o máis común é que se esixes que se dirixan a ti en gaélico fante esperar mentres buscan por toda a oficina alguén que o fale correctamente.

A pesar disto moitos dos que xa remataran os seus estudos comentábanme  que se arrepentían de non terse formado un pouco máis no irlandés e que lles daba verdadeira pena que a lingua estivese deixando de usarse

Como podemos observar, o gaélico non é unha lingua morta como tal porque administrativamente segue viva, pero na xente si que está prácticamente morta (salvo en dous ou tres puntos da xeografía). A forma de manter viva unha lingua é falándoa de cotío , que se escriba e sexa lida e transmitida de xeración a xeración.

A historia do gaélico e de Irlanda é aterradoramente parecida á nosa, incluso a situación sociolingüística, mais podemos presumir de que a pesar de 40 anos dunha ditadura que intentou por todos os medios a eliminación do galego, a situación no presente é notablemente mellor, aínda que a imaxe social xeral que se ten da lingua é peor.

A pesar de que gocemos dunha mellor situación lingüística, non debemos esquecer que a morte idiomática está aí, axexando, cada vez máis cerca, e que os que intentan asasinar a lingua con argumentos sen sentido son moitos e cada vez máis fortes. Cada día que pasa medran e obteñen máis forza.

O arrepentimento de moitos irlandeses por non saber falar o gaélico e deixalo morrer, débenos dar unha pista do que pode que vaia ocorrer nun futuro se non arranxamos a situación a tempo.

Temos as ferramentas necesarias, temos a historia dunha sociedade estreitamente parecida á nosa para poder correxir os erros que eles cometeron e que podemos aplicar na nosa loita. Podemos facernos máis conscientes da realidade presente e das que serán as futuras. Temos unha historia demasiado similar, e persoalmente, non quero que a mesma sorte do Gaélico lle aconteza ó Galego no futuro.



x