A todos nos ensinan de cativos na escola que pertencemos a un Estado español e que este é democrático, sendo algunhas características deste a liberdade de expresión, de pensamento político, dereito a reunión... etc.

O día 24 de xullo en Santiago de Compostela todas as características citadas foron derrubadas.

Liberdade de expresión e pensamento político.

Achegábame á Praza do Obradoiro sobre as seis e media a coller sitio para disfrutar do espectáculo dixital de todos os anos cando, pola alarma terrorista, tivemos que pasar un control de seguridade onde a xente podía acceder con mochilas lixeiras, bolsos, bolsas de comida…etc.

Cando iamos pasalo, tendín a miña bolsa de tela xa aberta. Inocente de min, tiña unha bandeira estrelada gardada para o Festigal e o Policía Nacional viuna cando meteu a man para ver se supostamente non tiña unha arma. Preguntoume insistente de que bandeira se trataba, ao que lle dixen que era a bandeira galega, pero non se fiou e volveu preguntar obtendo a mesma resposta. Non se fiaba de min e decidiu abrila, cando viu a estrela púxose nervioso e apartoume da fila para dentro para irlle preguntar a un compañeiro e así este seguidamente a un superior. Obrigoulle aos amigos que estaban comigo a marchar para o interior da praza, quedando soa co policía.

 Preguntoume insistente de que bandeira se trataba, ao que lle dixen que era a bandeira galega (...). Non se fiaba de min (...), cando viu a estrela púxose nervioso e apartoume da fila para dentro para irlle preguntar  a un superior".

Cando volveu confirmoume bastante serio que coa bandeira non podía entrar "¿Ya, que tus planes iban a ser desplegarla ante todos durante el espectáculo, no?" Despois de intentar inutilmente explicarlles que non era o meu plan despregala, senón que era para máis tarde, puxéronme a escusa de "no, no, y además, no se permiten mochilas, sólo bolsos de mujer".

Mentres dicía isto, deceas de persoas pasaban con bolsas como a miña e bolsos "de mujer" de tamaños considerables. Tristemente ao mesmo tempo pasaban centos de estranxeiros con bolsas repletas de alcol e cervexas que non eran nin miradas por fóra. Ante as súas respostas só puiden marchar e volver sen a mochila.

O medo que mostran ante un simple anaco de tea ensínanos que a prioridade para as autoridades é dar a imaxe de un gran país bebedor e festeiro pero ben "unido".

Liberdade de reunión

No camiño de volta ao Obradoiro despois de deixar a bandeira e a mochila, ante unha protesta pacífica na Praza Galiza, fomos testemuña de como de tres furgóns da Policía Nacional saían demasiados antidisturbios moito máis equipados do que era necesario para supostamente gardar unha orde que xa existía na protesta antes de eles aparecer.

Sobre esa hora, a uns 500 metros, era apuñalada unha muller pola súa parella nun párking público ao descuberto preto da alameda, onde grazas á actuación da xente que alí estaba, conseguiuse coller o agresor. Se a policía nese intre non estivese requisando un anaco de tea ou intentando pseudorestablecer a orde e estivesen facendo unha ronda ou preocupándose realmente da seguridade, probablemente a agresión non tería pasado. Paradoxalmente, varios xornais, describindo o suceso na edición online, dábanlle o mérito da captura á seguridade que estaba habendo nese intre na capital galega.

Sobre esa hora, a uns 500 metros, era apuñalada unha muller pola súa parella nun párking público

Nestes sucesos están descritos algúns dos actos que fan que sexa excesivamente sinxelo desmentir ese sistema democrático do que tanto presumen cargos políticos tanto do País como do Estado, mentres que se aferran a esa idea para prohibir e tachar actos e símbolos identitarios que de verdade son democráticos.

A alarma de terrorismo foi a perfecta escusa para despregarse e exercer o control ao que estabamos sometidos en vez de velar de verdade pola seguridade, soamente para dar esa imaxe ao estranxeiro de unidade e unha gran nación que oculta o que de verdade e constitucionalmente é, un estado plurinacional.