Das últimas eleccións, que tiveron lugar o pasado dez de novembro deste ano 2019 pódense tirar moitas conclusións.

Por unha banda podemos extraer conclusións obxectivas, entre as que eu destacaría catro: en primeiro lugar o “Feijóoismo”, se se nos permite chamarlle así, atópase nunha fonda crise de identidade. O discurso que dunha banda sostén a dereita española, choca frontalmente co que pretende “vender” a franquicia da dereita española en Galiza. O PP leva dende 1981 utilizando en Galiza unha estratexia de dupla identidade, a través da cal un partido conservador e de inspiración marcadamente españolista no resto do estado, transmútase nun partido aparentemente “rexionalista” nas campañas dos comicios autonómicos. Feijóo atópase ante unha contradicción de cara os comicios de 2020, xa que a rixidez do discurso españolista do PP de Madrid, impedirá ao presidente da Xunta manter un discurso que aparencialmente soborda no rexionalismo.

Unha segunda conclusión obxectiva é que o PSOE de Galiza, é unha delegación sen vida propia, cando a matriz poupa, a filial medra paralelamente. Incapaz de plantarlle cara ao desleixo das políticas expoliadoras do Estado agora pilotado polos do puño e a rosa, Gonzalo Caballero non existe, figuradamente, para a crónica política. Un candidato de perfil baixo, non foi quen de marcar un perfil propio nunha campaña na que o PSOE en Galiza era Sánchez e o PP Feijóo, pero non Casado como realmente acontece.

A terceira conclusión obxectiva que podemos tirar dos resultados do 10N, e que Podemos existe en Galiza, e que a pronosticada crise que se lle viña en riba logo de rachar co espazo do neobeirismo, non é tal. Un espazo de pobre expresión política no espazo galego, veu para quedarse dende que o carismático Beiras, asinou os acordos de coalición con Yolanda Díaz e a súa murcha Esquerda Unida. Podemos é un actor no espazo político dos que son críticos co sistema político vixente, e o nacionalismo, vai ter que empregarse a conciencia para amosarlle a cidadanía que Podemos e os seus socios non son cousa distinta que unha expresión máis adubada da esquerda española, e que como tal apiran a facer política “madrileñamente”.

A última conclusión obxectiva, e para min a máis importante, é que o nacionalismo está de volta no panorama eleitoral, e que a forza do nacionalismo segue a ser insuficiente en Galiza. O BNG recibiu coma auga de maio, os votos que lle permitiron situar a Nestor Rego en Madrid, ao tempo que foron votos claves a hora de manter a raia á extrema dereita de VOX.

Ficar nas conclusións obxectiovas sería lícito se con este artigo tratase de informar do que temos e do que aconteceu, mais ao ser isto un artigo reflexivo, compre analizar as conclusións subxectivas e extraer ideas que nos poidan servir para exercer como cidadanía consciente.

Compre que Galiza se encardine como sociedade e como país, nos tempos políticos que nos tocan vivir. Hoxe asistimos a un periodo de morte inducida daquelas nacións que non foron quen de dotarse dun Estado propio durante os séculos XIX e XX, como é o noso caso. Para facilitar esa agonía as forzas sistémicas que sosteñen a arquitectura do neoliberalismo glovalista e aculturizador, están creando unha cultura de igualación entre os chovinismos populistas de Estado e os movementos emancipatorios e republicanos que algúns pobos do mundo están artellando.

Moitos nacionalistas, ou galeguistas como se facían chamar os nacionalistas galegos do século XX, de seguro que sentiron flustración ao ver os resultado das forzas emancipadoras e republicanas en Euskadi e Cataluña. E de seguro se preguntaron por que en Galiza o resultado foi distinto.

A resposta está, como sempre no pobo. Temos un pobo sabio, un pobo igualmente culto, un pobo afouto e trabalaldor, un pobo que nunca solicitou axuda para sair adiante e que como dixera Castelao, emigrou, nunca protestou. Sínto orgullo cada vez que penso no que os meus avós e visavós fixeron polos meus país e por min, e fago extensíbel esta reflexión a todo o noso pobo.

Pero ao noso pobo negouselle a conciencia política, ensinouselle que as ideas do pobo son para a casa pero non para os parlamentos, díxoselle que as institucións e as alcaldías eran para os que sabían de iso da política, pero non para a cidadanía do común. Púxose un muro de varias alturas entre a sabiduría cívica e a vida política.

Hoxe compre tombar ese muro, converter a cidadanía sabia en cidadanía exercente. Facer de Galiza unha verdadeira nación, de cidadáns libres e conscientes que exercen a soberanía popular dun xeito responsábel. Devolver a política aos fogares, ás rúas, as facultades e aos concellos.

É hoxe máis necesario que nunca por en coñecemento da cidadanía do común a situación de expolío silencioso a que se atopa condenada a nosa Terra. É preciso tombar os estereotipos da dependencia moral, política e material do noso país. E necesario facer república (res pública), que é tanto como dicir  facer de Galiza, cousa de todos.

E a única solución que temos para conquerir esa nova sociedade libre, consciente do que é, e na situación na que se atopa, é a auto-organización das mulleres e os homes que viven e traballan para que os seus fillos poidan ter futuro no seu país. Hoxe coma onte é preciso que sementemos fe no noso pobo, por que o froito será que o noso pobo crea en si mesmo.