O lobo de Carrapuchiña mola. É un sinvergonza elegante. Tómase un tempiño no aquel da seducción. E fai dubidar á meniña. Ela ten opción a decidir. Pero sinte curiosidade, motor potentísimo que fai dar pasos adiante, mesmo trabucados. Igual acontece co lobishome: atrae o cantil que se abre na súa ollada. E a posibilidade de redención. Calquera persoa inqueda e optimista daríalle unha oportunidade.

A manda sen embargo transmite medo. Xa de lonxe. Sabes con arrepiante certeza que non haberá un intre de respiro, que non se abrirá ese oco minúsculo onde podes decidir. Serás presa, miña prenda. Na manda, os lobos perden a elegancia, a seducción vira en mexericada impropia do equipo. O de menos é o trofeo, importa sobre todo non fallar ao grupo. (E gravar as imaxes, sobre isto fico atónita e múa!)

E ben, en todo este conto do século XXI, acabamos de saber que cada oito horas unha muller é violada. A min paralízame ese dato. Nin o sospeitaba. Os habitantes do meu planeta cotián somos ben pouco agresivos: pertencemos a ese colectivo humano que lemos as noticias pero sempre nos resultan alleas. Moi de cando en vez teñen nome propio e achegado. Se, por exemplo, se tratase do cancro, xa teño asumido que somos unha de catro persoas, xa sei que o teño no portal e pode escollerme ao saír do ascensor, xa nomeo amigas queridas. Pero o de oito horas é difícil de aceptar. Igual que na enfermidade, a muller violada tanto ten que sexa atractiva, estudiada, lercha ou zurda. A frecuencia horaria fala precisamente dun criterio moi pouco selectivo. Tal vez sexa máis determinante o dato de onde estaba e a que hora. E aí é onde quero ir.

En todo este conto do século XXI, acabamos de saber que cada oito horas unha muller é violada. A min paralízame ese dato. Nin o sospeitaba

Resulta que as mulleres vivimos megacensuradas. Atención, isto vai de feminismo, aviso por se non se quere seguir lendo. A partir da medianoite, a muller si ou si é dobremente responsable do que lle suceda. Ou sexa, se percibes un bultiño na mama entre tres e catro da madrugada, deberás concluír que, ante todo, non eran horas para estar a facer iso. Nós mesmas temos interiorizado que é así. A noite é o bosque de Carrapuchiña, ben o sabemos. E por que habiamos de quedar ás portas? Pero ti métete e verás o que che pasa. Sempre a condena colectiva.

Se algo me renxeu dos famosos whatsapp da “Manada”, é que os lobatos en ningún momento se preguntaban pola víctima. Nos que trascenderon, non había máis suxeitos que os compis e a preocupación por eles. Basta poñer no enunciado “puta” para que ese elemento do conto deixe de existir. Úsase e xa. (Outro día debería escribir sobre o deber social que ten quen acude á prostitución de respetar e facer respetar ás putas) Pero, e se non era puta? Ah, entón comeza a funcionar a censura colectiva: que facía esa moza soa a esas horas da noite? Que levanten a man quen alomenos nun segundo pensaron iso. Teriamos un mundo de sombra sobre as nosas cabezas. Así que, a muller agredida sempre ten parte de responsabilidade sobre os acontecementos e todo o mundo comparte esa verdade vil, confesable ou non. Ponme furiosa e triste.

Entón comeza a funcionar a censura colectiva: que facía esa moza soa a esas horas da noite? Que levanten a man quen alomenos nun segundo pensaron iso

O movemento feminista -si, feminista, fagamos da palabra algo doce, saudable, necesario- mantén que sería lindo que as persoas vivisemos en igualdade de oportunidades, en igualdade por exemplo ante a capacidade de decidir. E o movemento feminista no mundo desenvolvido céntrase na desigualdade salarial (flipante), no feminicidio (anguriante) e na conquista da noite (frívolo?). A que neste encadeado de demandas a derradeira resulta totalmente secundaria? Pois igual non, igual está no cerne das outras. A muller, sexa zurda, lercha ou atractiva, parece que é algo que hai que domesticar, si ou si. 

Santo Conismo de Ugia Pedreira! Dicía ela – volve, por todas as deusas!- moi rexoubeira nun concerto memorable en Pontevedra: practiquemos o conismo, ou sexa, facer o que nos saia da cona

Santo Conismo de Ugia Pedreira! Dicía ela – volve, por todas as deusas!- moi rexoubeira nun concerto memorable en Pontevedra: practiquemos o conismo, ou sexa, facer o que nos saia da cona. Eu quedei pampa ante o subversivo do enunciado. E fiquei máis pampa ante a miña vivencia do enunciado. Autocensurada, tamén estou autocensurada. Forma parte do meu xen cultural valorar que o Conismo é moi perigoso. E ademais molesto. Sae da zona de confort -ohjj!- de toda a sociedade. De verdade que queda moito por lograr no camiño desa utopía amable do feminismo. Por exemplo, camiñar soa e tranquilamente colocada, por unha rúa da cidade ás tres de madrugada. Que mágoa! Por que eles si e nós non? Conquistemos a noite, paseémos polo cantil e máis polo bosque, tamén pola praia, sen ter que sentir arreguizos ante a chamada dun home, acompañádenos na festa, por favor, sede amigos! Lobos elegantes e amigos. Poñédevos xa da nosa parte. Que é a vosa.

A tristura da realidade vai moito máis rápida que este escrito. Xa pasaron oito horas? Outra muller con medo. Que horror!" 

Nota de Sermos: O dado ao que se fai mención no artigo -unha violación cada 8 horas- refírese ao conxunto do Estado. Na Galiza, segundo as últimas estimacións oficiais publicadas, rexístase unha violación á semana.