Hai tempo lía en “Delirio y destino” da moi estimada María Zambrano, unha ollada atrás ao mundo e o tempo da España da II República e ,consonte gustaba da beleza do libro, constataba que na lembranza daquela súa España non existía a Galiza nin os galegos e galegas de modo ningún. Era a España castellana soñada por intelectuais españois como Unamuno. E pensaba, “onde está a Galiza do Rafael Dieste neste libro?” Tan amigo como disque era dela.

Rafael Dieste é algo e alguén aínda agora para nós, que partillamos a memoria cultural e cívica galega, porén non é apenas ninguén na memoria española. El, xunto con outros artistas e intelectuais galegos dos anos da II República, escolleu deixar atrás o galeguismo por vivir o ambiente madrileño, que como todo naquel tempo fervía. E de que lle valeu ao noso país ese abandono do coidado das nosas cousas? Unha cousa é o balance das aventuras vitais particulares e outra o balance do que lle serviu ao noso país.

Madrid sempre ofreceu as oportunidades que ofrece a capital dun estado mentres que a Galiza non ten poder e non ten estado que ofreza protección e beneficios

Madrid sempre ofreceu as oportunidades que ofrece a capital dun estado mentres que a Galiza non ten poder e non ten estado que ofreza protección e beneficios. E as relacións de poder consisten en que para desfrutar das oportunidades debe un renunciar na práctica, e moitas veces de modo explícito, a ser cidadán galego. É natural que perante esa realidade histórica nos vexamos nun duro dilema vital: resistir ou entregarse. Esa decisión particular non debemos xulgala os demais, é algo exclusivamente persoal. Outra cousa é que se queremos ser consideradas persoas adultas debamos asumir que as nosas decisións particulares teñen costes colectivos e partillados, se lle ofrecemos o noso traballo ao poder establecido renunciamos a entregarllo a Galiza. Aumentamos a acumulación de riqueza cultural, social ou económica noutro lugar, nalgunha metrópole, e negámosllo ao noso país.

O poder da oligaquía da corte con todos os seus medios políticos, policiais, xurídicos e, sobre todo, mediáticos nega a nosa existencia cada día. Pídenos arreo, informativo a informativo, tertulia a tertulia, que nos rindamos, que aceptemos que a nosa realidade é a que eles constrúen na corte. Unha realidade que nos exclúe como cidadáns e nos somete conquistados e enmudecidos.

E que temos para afrontar esta situación histórica? O mesmo que tiñan os nosos devanceiros, tan contemporáneos e modernos, que nestes días de Abril en 1846 ergueron a rebelión contra esa corte que nos sometía e nos trataba e trata como colonia. Temos o mesmo que tiñan os dirixentes da Revolución Galega contra o centralismo borbónico, a forza moral de sentir que expresamos a existencia do país, a capacidade de ver as causas dos nosos problemas e dificultades, a autoconfianza para organizármonos nós soberanamente e a confianza nas capacidades do noso país.

A historia da Galiza contemporánea, inaugurada por aquela xeración da Revolución Galega é unha historia de tecer e destecer, construción e destrución dunha forza política propia que constrúa a nación. A construción nacida da esperanza e a destrución nacida da desesperanza.

Un deses momentos decisivos para comprender o que aínda estamos a vivir hoxe foi o da ruptura entre o galeguismo do exilio e o galeguismo do interior tras a Guerra Civil. Repasaba estes días de novo ese episodio no libro xa imprescindíbel de Camilo Nogueira, “Unha nación no mundo” e, unhas semanas antes, coa lectura do libro de conversa de Perfecto Conde con Francisco Fernández del Riego. Entrevistei en dúas ocasión a Del Riego e pareceume un informante memoriador e claro como poucos, de modo que recoñecín esa franqueza cando no libro se refire en varios momentos aos pasos e accións de Ramón Piñeiro, tan envoltos nas brumas e nas lembranzas das persoas que o acompañaron.

Piñeiro renunciou á existencia política da Galiza, seguindo as directrices dos EE.UU para España

Piñeiro renunciou á existencia política da Galiza, seguindo as directrices dos EE.UU para España, en aras da tolerancia dun estado que, tras a morte de Franco, sería comprensivo con nós. Non vou facer aquí historia desde a metade do século pasado nin tampouco destes últimos corenta anos, non é preciso para constatar que Piñeiro equivocouse completamente no diagnóstico histórico e nos pasos consecuentes. O noso país segue practicamente inerme ante a oligarquía parásita da corte e o submetimento, o espolio e a colonización lingüística e cultural é hoxe tan ou máis forte que nunca. O piñeirismo, a renuncia á nación galega que se concreta na consecuente renuncia á autoorganización política, é o único camiño seguro ao desastre colectivo.

Pode procurar carreiras públicas particulares de éxito, aí está Mariano Rajoy, como aspira a repetilo Núñez Feijóo. Mesmo hai uns meses unha dirixente de Podemos explicaba que ela, veciña de Madrid e membro da organización madrileña do seu partido, podía defender os intereses galegos. A única explicación para ese sensentido está na escusa da súa orixe xenética e familiar galega, xa Franco. A ideoloxía do españolismo concibe ás persoas pola orixe de nacemento, étnica ou xenética, non integrou aínda a cultura cívica que fai que sexamos cidadáns, cidadás por elección. (Segundo un criterio xenético para definir a nacionalidade eu sería só medio galego, por ser meu pai foráneo. En cambio Franco defendería consecuentemente os intereses galegos desde Madrid.)

Os deputados e deputadas galegas das listas estatais poden din que defenderán os nosos intereses mais consecuentemente coa súa situación administrativa, son parte das estrutura deste estado e o que fan é perpetuar o sistema de poder que nos condena como país.

O poder do estado é tal que domina as nosas mentes e nos impide ver as nosas propias capacidades, cada vez que aceptamos que algo ou alguén ten máis importancia ou valor por vir de Madrid que por ser de aquí estamos obedecendo o diktat colonial. Cada vez que aceptamos o que nos din os políticos, os medios de comunicación da corte estamos a facernos dano pola nosa man. E ese dominio ideolóxico exprésase unha vez e mais outra na política galega, provinciana e submetida á corte.

O piñeirismo, a renuncia e a entrega a quen nos domina, non dá morrido e temos que seguir a combatelo

O piñeirismo, a renuncia e a entrega a quen nos domina, non dá morrido e temos que seguir a combatelo. Vai ser certo que somos as mesmas persoas toda a vida, con vinte anos ou con oitenta. O exemplo presente dos políticos galegos que ficaron baixo o influxo de Piñeiro de modo pasivo ou reactivo indica que nunca deron saído do feitizo daquel meigo e prestidixitador ideolóxico. Ao cabo, tanto ten un fillo predilecto como un fillo pródigo, á fin acaban volvendo á orixe e xuntos na mesma posición: a renuncia á autoorganización soberana galega. As retóricas cambian, non é exactamente a mesma que argumentaba Piñeiro que a dos epígonos, mais o contido principal é a mesma terríbel mensaxe: “a Galiza non é posíbel, desistamos. Aceptemos o noso destino subalterno dentro das estratexias do estado.”

E non damos xuntado masa crítica abonda para construír esa necesaria forza progresista e nacional galega, cando se avanza rompe. Repítese o ciclo histórico e unha parte dunha nova xeración repetiu ensaiar novamente a submisión.

Os anos de Feijóo borraron case completamente o marco imaxinario de sermos un país propio en por si. Esforzouse en afundir o país económicamente, en vendelo e facelo inviábel, en diluír a conciencia colectiva e desfacer as esperanzas de vivir aquí dignamente. Penso que foi o político máis daniño na Xunta e o balance do seu paso unha verdadeira traizón ao cargo que ostenta e á terra onde naceu.

Mais estes anos de afogamento da sociedade galega coincidiron coa crise económica e as súas consecuencias e crise da política estatal: a reacción de descontento polas políticas económicas e o sistema bipartidista que sostiña o sistema desta restauración da monarquía na liña dinástica imposta por Franco. A reacción dos poderes económicos foi alentar unha renovación do xogo político a través do control dos medios de comunicación. “Ciudadanos”, desactivado o conflito vasco que tan útil foi para xustificar e conservar as estruturas políticas do franquismo dentro do estado, era útil para trasladar a tensión nacionalista desde Catalunya ao conxunto do estado. E “Podemos”, o experimento político dun grupo de profesores dunha universidade madrileña, canalizou a frustración de parte do electorado progresista e dun sector importante dunha xeración universitaria que se viu desamparada e sen futuro diante.

Nese momento foi cando vimos que a existencia da Galiza era cuestionada desde dentro por Feijóo e desde fóra, polo anovado epicentro madrileño. Lugares tan castizos como la Puerta del Sol, onde está o quilómetro cero de onde parte o sistema de vías de comunicación que suxeita a ese centro todos os territorios do estado, e a Plaza de toros de Las Ventas, pasaron a ser un referente mediático para unha parte desa xeración que tiña ou ten en “LaSexta” (do grupo Atresmedia, Planeta, IBEX) a súa guía intelectual. Foi aí cando vimos que un novo grupo xeracional de políticos estaba sendo engulido polo furado negro da corte, atraído polos cantos de progresismo xenérico. E foi cando intentamos con toda clareza a formación dunha candidatura nacional galega progresista e soberana. Non foi posíbel, foise vendo desde o principio que as conversas dunha das partes co Madrid de Podemos estaban avanzadas e case cerradas. E así foi. E así foi o resultado. Que un epígono de Piñeiro conducise ou avalase ese camiño simplemente é unha rúbrica e un triunfo postrero deste.

O proxecto nacional galego debe ser das cidades mais tamén de todo un país diverso e rico en iniciativas e diversidade que nace en lugares, aldeas, vilas e cidades de aquí e de acolá, da costa e do interior

O galeguismo, que é republicano desde o seu nacemento, debe ser un lugar no que encontren acomodo esa parte desa xeración que se entregou á ilusión dunha certa Galicia provinciana. Porque a existencia nacional só será posíbel se existe un proxecto colectivo interxeneracional, porque un proxecto político que só exprese a un sector social urbano será inevitábelmente elitista e clasista. O proxecto nacional galego debe ser das cidades mais tamén de todo un país diverso e rico en iniciativas e diversidade que nace en lugares, aldeas, vilas e cidades de aquí e de acolá, da costa e do interior.

Hai camiños particulares e persoais, comprensíbeis e lexítimos, mais ninguén diga que defende a Galiza como país, xa non digo como nación, cando forma parte das estruturas políticas deste estado centralizado e radial con delegacións provinciais.

Eis porque, unha vez que non foi posíbel conseguir unha candidatura unitaria soberana e, mágoa, non se ven trazas a curto prazo algúns demos o paso de apoiar sen reservas unha forza política propia que resistiu con firmeza e que nese tempo foi capaz a anovarse xeracionalmente. Como cada quen fala sempre desde unha perspectiva vital e xeracional debo dicir que teño esperanza de que persoas que deron o seu voto anteriormente a candidaturas estatais voten agora como galegos, dando o voto a unha candidatura soberana e cun proxecto histórico de fondo. Négome a aceptar que non haxa para o meu país esperanza.  



x