“No meu recanto ocórreseme ás veces pensar nos rusos.(...) Concretamente, repito que se me vén o pensar nos rusos cunha especie de curiosidade, de ternura. Cando se coñeceu a miseria, as súas alegrías misteriosas e incomunicábeis, os escritores rusos, por exemplo, fan chorar.” No medio de “Journal d'un curé de campagne” (Diario dun cura de aldea). Sorpréndome de que non haxa entrada wikipedia en galego para Georges Bernanos, búscolle unha explicación a esa falla de atención.

Probabelmente pola queda do prestixio da lingua francesa entre as novas xeracións, máis ou menos anglófonas (somos colonia norteamericana, cultural, política, económica e militar), tamén porque a xente da cultura en galego é de ideario progresista e Bernanos foi un varón conservador e católico. Mais canta lucidez na súa obra, canta valentía, canta bravura intelectual, que liberdade de pensamento... E non é todo unha mesma cousa? Da súa obra “Dialogues des Carmélites” (“Diálogo das carmelitas”) fixo Francisc Poulenc unha fermosa ópera. Da independencia de criterio persoal nace o único pensamento interesante, o que non é repetir ideoloxemas que circulan de boca en boca como moeda falsa. A carón de Bernanos está un libro do querido amigo Erich Hackl (cousa linda, houbo persoas atentas que xa lle fixeron páxina, breve, na nosa gl.wikipedia.org) “El lado vacío del corazón”, calquera libro de Hackl é un inquedante exercicio de rigor na procura dunha historia sucedida. Case sempre nesa sima que foi o nazismo austriaco, neste libro tamén.

Da independencia de criterio persoal nace o único pensamento interesante

 

E chego a Stalin. O Martin Amis escribiu sobre os intelectuais estalinistas, o seu pai, no tempo ao redor da II Guerra e posguerra, non dei lido o libro, supoño que había unha motivación persoal sincera, porén non aturei o ton tan sabido e de tanta superioridade. Así mo pareceu. Tería que explicar moitas cousas para situar a relación co estalinismo na Europa da posguerra, na Guerra Fría e no antifranquismo, non cabe aquí. O caso é que lin “Llamadme Stalin” de Simon Sebag Montefiore, novelesco e redundante mais moi documentado e semella veraz. A impresión confirma o que levo tempo sospeitando. A pretensión de salvar a Lenin condenando Stalin non é honrada intelectualmente, Stalin non era o monstro e Lenin o profeta traizoado, a revolución traizoada, etc. Encarnaron e realizaron, dentro dos límites que lle viñeron dados, a mesma utopía igualitarista e totalitaria, Stalin cargou co traballo suxo que o Lenin delegou nel.

O retrato que fai o libro desminte tamén a idea dun Stalin ignorante e indocumentado. Lenin tivo alta formación reglada e Trotski tamén, a do Stalin foi por outros camiños máis humildes mais chegou a ter unha formación de calidade semellante, pode que polo seu coñecemento da Xeorxia e Rusia real a súa formación fose de máis calidade. O libro confirma a falta de humanitarismo e o despiadado que era aquel soño de todos eles, e tamén que non houbo un máis delicado que outro, soamente que a Stalin correspondeulle a carga máis brután. Doutra banda tamén me confirma a imaxe dun Trotski señorito con ínfulas de aristócrata da revolución sobre o campesiño Stalin.

O retrato que fai o libro desminte tamén a idea dun Stalin ignorante e indocumentado

 

Hai a quen non lle costa despachar as figuras previamente condenadas pola historia porque está da parte contraria, dos estados que combateron o que foi a URSS, outras persoas necesitamos ter un coñecemento veraz e non de parte para establecer unha opinión. O autor do libro está de parte desde o principio, mais a información é detallada e non esconde cousas, de modo que finalmente un cre coñecer e comprender unha figura que tivo tanto peso. Un Stalin que pretendía un acordo con Roosevelt e Churchill, os vencedores dos reximes fascistas na Europa, para liquidar o réxime de Franco e restablecer unha república democrática, cousa que Churchill negou para soster a Franco e que posteriormente reafirmou Eisenhower establecendo un pacto de ferro con Franco. Grazas a eles tivemos que padecer o franquismo.

Non hai un bando dos bos e malos que sexa nídio, hai que analizar cada situación en concreto. E hoxe non me estendo máis que se non non acabo. Pensaba comentar, volvendo a Francia, o por que hai un cinturón democrático en torno da España de Felipe VI e M. Rajoy e os seus aliados do 155 que vai desde Portugal a Reino Unido, Finlandia, Dinamarca, Bélxica, Suíza, Alemaña. Un círculo que exclúe curiosamente a Francia, ese estado peculiar. Pensaba contar dalgunha conversa cun diplomático francés e da súa cultura de nacionalismo de estado tan torpe e cerrada. Mais un empeza a escribir disto e do outro e finalmente non cabe todo. Deica mañá.


 



x