Nun principio foron as letras e foi a cultura. 

Nun principio foron as letras e foi a cultura. Após a derrota da raíña dona Joana e a nobreza galega, o Reino mantivo unha cativa continuidade e, tras Sarmiento, só comezou a borboriñar na superficie con Faraldo, Murguía e Rosalía. Nun principio foron as letras e foi a cultura.

E tamén foi a cultura nos comezos dos anos sesenta, cando naceron asociacións culturais nas cidades e vilas. Aquela resistencia cultural foi o que permitiu a existencia da Galiza e que non ficase afogada como catro provincias aculturizadas e sometidas a Madrid.

España está a vivir unha crise de fin de época, a esquerda e a dereita española están a reformularse, o propio estado vaise reformular inevitabelmente. Neste momento de crise a Galiza aparece tan debilitada como cando afrontou o cambio de réxime tras a morte de Franco.  As consecuencias da situación de dependencia galega vémolas en todos os eidos e dun xeito dramático. No caso da cultura e da lingua galega, a base histórica da existencia nacional, as enquisas só confirman a evidencia de que periga a existencia mesma da Galiza como país. Non podemos ollar para outro lado.

O dominio dos medios de comunicación estatais no noso país é esmagador, e todos os debates neses medios danse nun marco que non é sequera español en castelán senón puramente madrileño

Agora e nos próximos meses o panorama político está a ser moi conflictivo e iso atinxe e determina todas as áreas da vida social. Dunha banda, o proceso de crise e reformulación da esquerda estatal e, doutra, a pasada ruptura do nacionalismo galego deron unha división e competitividade entre os elementos progresistas que din asumir a identidade nacional galega. Agora mesmo ninguén pode saber como vai ser a paisaxe após as batallas electorais, con todo temos o deber de preocuparnos. O dominio dos medios de comunicación estatais no noso país é esmagador, e todos os debates neses medios danse nun marco que non é sequera español en castelán senón puramente madrileño. Para afrontar ese poderío do madrileñismo político, económico e ideolóxico hai que asumir a nosa debilidade e sumar forzas.

A cultura en lingua galega foi a base e o centro da nación, agora que o proxecto nacional galego está tan custionado é preciso reunir forzas para que o siga sendo. A cultura ten de asumir que é o centro nacional, para que a Galiza exista. E a xente da cultura ten que agruparse e organizarse por ter forza e autoridade moral para esixir que se lle recoñeza o seu papel  e para que se lle asignen nos presupostos da Xunta os recursos que precisa. Os esforzos das últimas décadas deron unhas excelentes xeracións de profesionais e creadores de cultura, ese logro está nun verdadeiro perigo de fracasar se non xuntamos as forzas dos promotores e traballadores da cultura.

No inmediato calquera iniciativa social vai estar inevitabelmente condicionada polas loitas partidistas, porén debemos darlle forma á idea de que é preciso crear unha grande asemblea da cultura galega

No inmediato calquera iniciativa social vai estar inevitabelmente condicionada polas loitas partidistas, porén debemos darlle forma á idea de que é preciso crear unha grande asemblea da cultura galega. Unha extensa plataforma que diga a súa voz ao país.

E terá de ser sen sectarismos nin arrogancias, con humildade e desde abaixo. Desde a nosa historia recente que nace coas asociacións culturais que aínda seguen polo país adiante e desde as asociacións de creadores e traballadores dos oficios artísticos. E terá de ser acorde cos tempos que vivimos nos que a xente só acepta organizacións nas que se garanta a participación aberta.

Só así, cun instrumento semellante, a cultura poderá volver a cumprir o seu papel liberador e defender a súa existencia mesma.