Probabelmente vostede non le o BOE con regularidade. Probabelmente vostede non reparou en que hai tres días ese Boletín publicaba catro, 4, concursos para redacción de proxectos básicos e de construción do AVE de Palencia a Alar del Rey por un importe de nove millóns catrocentos mil, 9’4 millóns, de euros. Probabelmente vostede pode ser que saiba situar Palencia nun mapa da Península e non saiba situar Alar del Rey, mais iso non importa. Vaise gastar ese diñeiro nos proxectos e máis adiante unha suma moito maior na propia construción do trazado, alén de manter a liña en funcionamento, que tamén nos costará.

 

O AVE é unha metáfora de aceiro da España radial con centro na Puerta del Sol. Esa arañeira que pagamos [email protected] que nos enreda nunha trampa estúpida. Ou non estúpida para conservar e aumentar a estrutura do poder. “Estamos cosiendo España con tirantes de acero”, dixo a ministra Magdalena Álvarez, o que dixo era que a corte suxeitaba ás súas provincias con tirantes de aceiro. A ministra Ana Pastor, “ a los españoles el AVE nos hace iguales” e hai que entender que ser iguais é poder ir [email protected] a Madrid nun mesmo tipo de tren. Ir a Madrid é unha necesidade de todos os españois? Esa infraestrutura coa que moitos se están a forrar e que non permite o transporte de mercancás xustifícase económica e socialmente? Non. Ten unha finalidade e utilidade política puramente, ao servizo do centralismo.

 

O AVE é unha metáfora de aceiro da España radial con centro na Puerta del Sol

 

Exactamente igual que o aeroporto T4 que centraliza as viaxes internacionais, impide que as poidamos facer desde aquí.

 

O AVE é a sepultura dun esquema de comunicacións sensato e útil, un dispendio disparatado que esta España delirante se permitiu. E o custe máis inmediato xa é o abandono das comunicacións que verdadeiramente si vertebran o territorio. Pregúntenlle se non a esas dúas deputadas o que custa ir de Lugo a Santiago e cantas horas leva.

 

(E despois non esquezan buscar no mapa Alar del Rey).



x