Diante nosa hai unha cousa de tal tamaño que nin temos perspectiva para velo, é preciso tomar distancia: o nacionalismo galego actual carece de entidade política. Reduciuse a unha lista de reivindicacións sectoriais sen estratexia que lle permita liderar a sociedade.

O BNG celebrou un congreso tras as elecións e concluiu para si e para a sociedade: a UPG é a UPG e o BNG é o BNG. E, tamén, que Galiza precisa que exista o BNG. Está ben. A outra derivada, Anova, non se sabe onde anda políticamente, non sendo entreleada e subsumida na marea de Podemos por unha razón semellante: os resultados electorais son os resultados electorais e a vaquiña polo que vale. Vaca rubia ou vaca pinta o que importa é que dea leite, que podería dicir o Felipe González citando a Teng Siao Ping. Ambas organizacións e outras siglas xustifican a súa utilidade social meramente en que aí as están. Daquela, xa que están, por algo será.

Antes era a política a que xustificaba a existencia das organizacións agora son as organizacións as que se xustifican por elas mesmas. Iso fai que unha sociedade manteña organizacións e que teña falta de políticas. No caso galego falta unha política nacional galega, cousa que lóxicamente lle corresponde crear ás organizacións galegas, non ás alleas.

Leo que Podemos defende no País Vasco o chamado “dereito a decidir” e que iso permitiulle e vaille permitir disputar terreo electoral e social ao nacionalismo vasco. Non sei da situación da sociedade vasca e non podo opinar ao respecto, sei da situación do meu país e digo que se Podemos lle ofrece a cidadanía galega cousa así vaime parecer que é un comportamento xentil e democrático, porén non me vai interesar.

Falta unha política nacional galega, cousa que lóxicamente lle corresponde crear ás organizacións galegas, non ás alleas

Pode ser que haxa que diferenciar o tal “dereito a decidir” do que se ten chamado “dereito de autodeterminación”. O “dereito a decidir” apareceu unido ao proceso político que vive a sociedade catalá e que, nun momento dese proceso, reclamou un referéndum. O referéndum é un instrumento democrático común e útil en moitas ocasións, mais o dereito de autodeterminación é a ostentación da soberanía nacional. Se me preguntan se estou a prol da celebración dun referéndum sobre se a Galiza debe ter estado propio ou non, eu contestarei “para que? Para que queremos ese referéndum?” Mesmo eu diría, “e logo, quen o pediu?”. Porque pode ser un falso debate que distorsione a visión da realidade e desvíe a atención do que é necesario. Non estou en contra de celebrar ese referéndum ou calquera outro, polo contrario iso vai incluido no paquete que si reclamo, a autodeterminación, a soberanía nacional.

E non hai soberanía nacional sen autoorganización nacional, sen organizacións propias. As organizacións nacionais son instrumentos que prefiguran, dun xeito parcial, a nación que se pretende construir. As organizacións soberanas galegas prefiguran unha nación galega posíbel e as organizacións de ámbito estatal son parte da estrutura do estado nación español. E aí vou ben cara atrás ao momento fundacional en que homes como Antolín Faraldo e mulleres como Rosalía enunciaban sen medo a constatación de que os problemas da Galiza veñen de ser un país submetido á Corte, de que a Galiza precisa ser soberana.

Podemos é unha importante invención política, non temos aínda tempo para valorala doadamente, creou unha revoltura que era necesaria, espiu maneiras de facer política e obrigou as organizacións da esquerda existente a buscar outras maneiras de relacionarse coa sociedade. Deixo quedar as insuficiencias e defectos que xa están a vista, e que paradoxalmente son os mesmos que criticaron, e que só poden negar os seguidores máis sectarizados.

Pode ser que haxa que diferenciar o tal “dereito a decidir” do que se ten chamado “dereito de autodeterminación”

O seu ofrecemento de recoñecer o dereito de nacións sen estado a votar o seu destino é cousa arriscada e de valorar, tamén é un instrumento para penetrar neses territorios quitándolle o chan debaixo dos pés aos nacionalistas galegos, vascos e cataláns. Haillo que lle recoñecer, agora que o problema da Galiza é o de sempre: a dependencia.

A dependencia é o que permite o expolio. Somos un país expoliado, iso é o que explica, o que xustifica e o que fai que demandemos soberanía. Non porque sexamos partidarios da democracia en abstracto senón porque precisamos rematar co noso expolio. Somos un país expoliado do seu dereito a autogobernarse, dos seus recursos, da súa demografía... A Galiza, malia ter unha posición privilexiada no mundo, abonda ver o mapa, malia ter recursos naturais propios valiosísimos, malia ter sido un reino capaz a crear unha lingua e unha cultura europea significativa..., perdeu nun século case a metade da súa populación, mentres Madrid multiplicou a súa populación e alí se acumula un PIB que nace precisamente da extración da nosa riqueza, así como doutras terras do estado.

Hai unha relación directa e unha orixe entre os nosos problemas económicos e sociais e a dependencia de Madrid. Eis porque non podemos acreditar que dirixentes políticos madrileños vaian solucionar os nosos problemas, precisamente nunca o farán porque os nosos intereses e os seus son contrarios. Os seus intereses son dirixirnos desde alí submetidos a unha orde económica e política que nos marxina, como viu e analizou na súa libreta de contable o Valentín Paz Andrade en “La marginación de Galicia”. Precisamos crear os nosos propios dirixentes e as nosas propias estratexias.

Celebrar un referéndum é un dereito democrático se hai unha parte significativa da sociedade que o solicita, está ben, mais neste momento na Galiza ninguén pide un referéndum. Se o hai eu votarei, fareino no mesmo sentido no que o tería feito desde que era mociño, mais non teño necesidade ningunha diso pois non lle serve ao meu país para cousa ningunha. O que si preciso é unha organización nacional galega, que ten de ser de esquerdas dun modo inevitábel e natural, que defenda o lote completo da soberanía: desde a independencia política do noso pensamento e estratexias a reclamación da soberanía económica, fiscal, xurídica...

Non podemos acreditar que dirixentes políticos madrileños vaian solucionar os nosos problemas, precisamente nunca o farán porque os nosos intereses e os seus son contrarios

Do mesmo modo que quero que o meu país conserve tratos coa nación catalá, unha verdadeira mestra democrática, tamén quixera ter tratos cívicamente cos pobos da España e alegraría ver gobernantes españois que practicasen a democracia sinceramente, mais desde a soberanía. Non hai federalismo verdadeiro cando nace concedido e como un mecanismo para perpetuar o estado de cousas. A democracia faise pactando soberanías, os galeguistas sabemos que precisamos construir a nación galega para poder pactar co mundo os límites da nosa existencia. Así nolo aprendeu Faraldo que xa no 1843 defendeu a independencia da Galiza polo mesmo motivo que animaría tres anos despois a Revolución Galega, esa que lle ocultan aos nosos estudantes os libros de texto españois: “Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa convertida en una colonia de la Corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento.”

Eis o resume das nosas ansias, a liberdade das persoas que crea unha nación libre para ser solidaria. O noso non é que nos concedan ou recoñezan o dereito a unha votación, o noso é romper as relacións de poder existentes no estado. Temos visto no último ano todo tipo de cativezas, mesmo covardías, e o que non se pode ver é onde está ese impulso cívico e quen o vai animar, quen vai construir unión para facer nación.