A xente da antropoloxía dicía que o Antroido, Entroido, era o tempo da transgresión (hai quen gosta máis de “trasgresión”, eu non). Pois xa non.

 

Agora vexo esas imaxes (vexo as imaxes porque nunca vou ver os “desfiles de carrozas”, chámanlle así aínda que a máis da xente é nova) de persoas vestidas de roupas brillantes e maqueadas de purpurina en ringleiras ordenadas e danzando todas con un aquel de coreografía e aí non hai transgresión ningunha. Polo contrario, hai domesticación. Non me parece tampouco mal, ten que haber de todo e se a esas persoas lles presta o reunirse para ensaiar danzas e cancións e facerse modelos e pintarse pois é unha actividade societaria e alegre, agora que Entroido non é. Haberá que lle chamar outra cousa: “Desfile de inverno”, “Parada coreográfica”, “Arcoiris malia todo”, “Nós desfilamos e ao carallo”, “Para contentos, nós”, “Olla que [email protected] campamos!”... ?

 

De todas maneiras igual que xa non chove como chovía antes, tampouco os “antroidos antropolóxicos” son o que foron. Todo cambia e nada hai novo baixo o sol (aquí vaime caber un latín, que hai tempo que non meto unha cita: “Nihil novum sub sole”). Agora aínda hai xente que se viste para repetir un rito anual propio do seu lugar, reafirman a continuidade da súa comunidade, “cigarróns”, “peliqueiros”, “pantallas”, “felos”...mais no noso tempo todo é hostelería turística e espectáculo mediático, así que un día e outro a xente acaba por actuar para os turistas que veñen ver un espectáculo típico, fan as fotos e marchan. De seguro que xa haberá antropólogos a estudar a transformación do folklore en espectáculo para turistas, ou non?

 

De seguro que xa haberá antropólogos a estudar a transformación do folklore en espectáculo para turistas, ou non?

 

Un pensaría que vendo o que vemos polas televisións, os espectáculos degradantes de xente na hora da sesta a contar miserias de alcoba, o difícil que resulta dar un filme no que @s protagonistas non boten un ferrete (pirola, non; cu e tetas, si), os programas e filmes americanos e españois nos que non paran de dicir, “joder”, “puta”, “hostia”..., o que mellor caracteriza o noso tempo é a desaparición do prohibido e o reino da transgresión. Mais non, que para iso están os políticos máis miserabeis. Os mesmos que reinan sobre tanto lixo, sobre a miseria, o empobrecemento da populación, o roubo do que hai de público, educación, sanidade, servizos, para darllo a empresas privadas... utilizan a vella moral católico franquista para crear escándalo: aí está o caso dun rapaz de Jaén que vai condenado por calcarlle a súa cara á imaxe de Cristo. E así con todo, un home que traballa de paiaso é acusado de delito de odio por situarse a carón dun garda civil que vixía o rexistro dunha oficina...

 

Os máis descarados e sen vergoña acusan aos demais de ser o que son eles. O goberno do PP e os seus socios do 155 ameazan, a través de Cospedal, de intervir a TV3 porque, din, adoctrinan... Ou o señor Feijóo dicindo que quen acaba con esa sanidade publica que el está a regalar a empresas madrileñas amigas súas somos os pacientes. 

 

A política española é un antroido moderno no que todos desfilamos ordenadamente e bailamos ao son que nos marcan, cremos estar facendo algo libremente, realmente estannos dando un finiquito en diferido a nós e a calquera resto de democracia baixo este estado.

 



x