Escribo isto antes de se cerrar as votacións e penso que sexa cal sexa o resultado non muda o sentido do artigo.

O resultado, sexa cal for, é a consecuencia dos nosos esforzos e dos nosos méritos e tamén o resultado dos nosos erros. Este país segue a precisar unha gran forza política nacional e progresista que lle dea expresión cara fóra nos lugares onde se precisa e, primeiramente, que faga destas catro provincias unha nación dona de si. Só iso é un bo resultado electoral e político.

Comparando cos resultados nas outras nacionalidades históricas e rexións españolas a nosa debilidade política é evidente. A chegada de Podemos desde Madrid, a través dos medios de comunicación do estado, ocupando boa parte do espazo político do nacionalismo galego de esquerdas é unha evidencia e non vai desaparecer e o respaldo ao PSOE, un piar fundamental da estrutura deste estado, non vai retroceder de modo máxico. Pasan os anos e non pasan de balde, os espazos gañados polas forzas de dirección madrileña quérense estabilizar dunha forma natural. Só unha proposta forte desde o galeguismo de esquerdas, o nacionalismo galego, pode ser atendida pola sociedade galega como é debido.

Dialogar é preciso sempre, na vida persoal e na vida social. Na política é obrigado e neste momento os resultados electorais aconsellan respirar fondo e logo afrontar a situación en serio. Tras a ruptura do BNG hai uns anos levamos anos de recomposición da esquerda e do nacionalismo galego, estas eleccións constitúen un final e só cabe recomezar unha nova época. Quen quixo ir con Podemos ou con calquera forza estatalista xa foi, ficamos os demais. E, polo ben da existencia do país, é obrigado que falemos.

Tras estas eleccións veñen europeas e municipais. Unidas-Podemos (IU + Podemos) presentan candidaturas municipais, os alcaldes de A Coruña e Santiago é evidente que non van ficar como candidaturas independentes e son a marca desa candidatura nas dúas cidades. O momento dese ocultamento tan pouco ético xa pasou e non se pode seguir agochando astutamente esa realidade.

BNG e Marea presentan tamén candidaturas municipais, nalgúns concellos en que coinciden as dúas candidaturas é inevitábel que compitan, mais haberá municipios onde se presente só unha candidatura... Nese caso non sería un xesto de diálogo e razoábel políticamente que esas dúas organizacións, que se presentan con programas moi semellantes ou idénticos e que afirman ser organizacións soberanas galegas, pedisen mutuamente o voto para a candidatura que se presente?

Se realmente desexamos unir forza para termos ese instrumento político que a Galiza precisa haberá que empezar por falar e facer algún xesto.

Son consciente das feridas abertas, que xa duran de máis en curar, pero non temos tempo a perder, a vida e a política non esperan por nós.