A nosa historia non figura nos libros de texto, aínda hoxe segue a ser a Historia escrita desde a corte, apenas existe na memoria dunha minoría. Foi esa minoría quen conmemorou os feitos ocorridos en 1972, a carnificina de obreiros en Ferrol. E coa mesma a incríbel folga obreira de Vigo, miles de despedimentos, centos de torturados pola policía política, policías que seguiron torturando e que ascenderon nos seus cargos na restauración borbónica despois de Franco. As revoltas estudiantís en Santiago, un morto.

 

Ese ano, o 72, non tivo o carisma alegre e vivificador que foi o 68 estudiantil, foi duro e amargo, mais tamén foi fecundo e deu lugar ao que hoxe haxa de verdadeira esquerda, de verdadeira reivindicación social e nacional. O 68 foi un renacer democrático, porén o 72 foi a forxa do que hoxe haxa de combativo e resistente fronte aos poderes que dominan e abafan. Evidentemente, non abonda esa resistencia, é preciso un novo renacer. E cada renacer é sempre distinto, a histórica crise social e nacional da Galiza que non debe asumirse nestas catro provincias sometidas esixe un novo proxecto colectivo. Mais iso é outro conto.

 

Ese ano, o 72, non tivo o carisma alegre e vivificador que foi o 68 estudiantil, foi duro e amargo, mais tamén foi fecundo e deu lugar ao que hoxe haxa de verdadeira esquerda

 

Os cataláns, coa súa madureza cívica, a súa capacidade creadora, a súa resistencia histórica aínda tropezan co muro dos poderes parasitarios agrupados ao redor dun estado que retrocede democraticamente día a día. Un estado que utiliza os recursos máis baixos pois levántase sobre a inmoralidade pactada na Transición, e así afloran conversas dun cargo de ERC. Comentarios estúpidos e misóxinos que quen os pronuncia percebe xa nese momento o amargo da malicia e sabe perfectamente que o degradan. Ese home debe asumir a consecuencia política do seu acto.

 

Un estado que mantén unha policía política secreta non é un estado democrático, simplemente

 

Mais, e quen está libre nalgún momento de dicir por teléfono unha barbaridade? Nunha ocasión, conversando cun amigo vasco, dixen dunha persoa, “desde logo é para matalo”. Un comentario que moitos fixemos ou podemos facer en ocasións, unha expresión que nos vén feita, creada pola mesma lingua. O meu amigo correxiume enerxicamente, “non digas iso”. E tiña razón, el viña dun país onde había persoas que mataban persoas.

 

Os cataláns tamén tropezan cunha realidade, a policía política deste estado que espía e grava conversas sen autorización xudicial, nin autorización dun xuíz policial precisan. Un estado que mantén unha policía política secreta non é un estado democrático, simplemente.


 



x