Efectivamente, este 8 de Marzo foi impresionante, nesta parte do mundo que nos toca as mulleres fixeron ver a súa existencia autónoma. Existiron por elas mesmas, demostraron que non precisan de nosoutros. Até o punto de que teño dúbidas de se debo eu escribir nada que teña relación con elas, non precisan de min, de nosoutros. Non vou dicir pois nada do que elas mesmas xa dixeron polas súas bocas, polas súas letras.

 

Atrévome entón a lembrar simplemente a orixe do día, pois precisamente este triunfo das mulleres, un triunfo que tamén o é que queiran que non para esas mulleres do Partido Popular e Ciudadanos, mulleres de dereitas que escollen a súa identidade pola ideoloxía e non pola súa natureza, ese triunfo fai esquecer a todos e todas que o 8 de Marzo foi instituído polo Partido Socialista norteamericano (era socialista de verdade e non esa outra cousa). O 8 de Marzo é máis que un día, é a reivindicación non só dos dereitos das mulleres senón da existencia mesma das mulleres, unha modificación da realidade, e todo iso é o que lle ofreceron e lle ofrecen as operarias e as mulleres traballadoras todas ás demais mulleres, sexan da clase que sexan e teñan as ideas que teñan. Non é casualidade que fose en Vigo onde hai uns días mulleres galegas pisaron as rúas para preparar esta quinta feira, 8 de Marzo.

 

Teño dúbidas de se debo eu escribir nada que teña relación con elas, non precisan de min, de nosoutros

 

Aos homes nada nos deben, mais nosoutros si lles debemos todo a elas, que nos obrigaron a recoñecer a súa realidade e a modificar a nosa idea da realidade e da vida. Non lles temos por que lles dar as grazas tampouco pois non llelo pedimos e elas tampouco nos nolo ofrecen, simplemente estannos obrigando a cambiar e cambian o mundo. Que non o fan por nós, que o fan por elas. E se fan, fan ben.



x