Nos últimos anos desapareceron os medios de comunicación “xerais”, é dicir televisión, radios e xornais que se esforzaban en presentarse como profesionais e independentes. Hoxe é evidente para unha parte importante da populación, precisamente a máis informada, que abandonaron calquera intento de profesionalidade e de ética da profesión e actúan directamente ao servizo dos seus propietarios, empresas financieiras. É un proceso internacional mais ocorreu de forma aguda e brután no Reino de España, vímolo nos xornais e radios madrileñas e os das súas provincias e nas canles de televisión: Tele5, Antena3 e LaSexta (Grupo Planeta). O que resta xa é directamente ao servizo do Partido Popular: TVE, TVG..

 

Ese proceso ten moitas consecuencias, unha delas é o aumento da influenza das redes sociais, refuxio de quen xa non acredita naqueles medios tradicionais. Porén, esas persoas que procuran e achan opinións e informacións que os medios do poder ocultan afrontan problemas para establecer unha idea do que é a realidade social. E non me refiro aos chamados “bulos”, pois iso é un mal menor e moito maiores son os bulos que contan os medios do poder, penso máis ben en confundir os desexos coas realidades.

 

Se fago caso da miña conta de Twitter ou dos xornais en liña, como este, que atendo entón pensarei que vivo nunha sociedade que se rebela contra un poder abafante e explotador e que estamos mesmo na beira dunha revolución democrática

 

Se fago caso da miña conta de Twitter ou dos xornais en liña, como este, que atendo entón pensarei que vivo nunha sociedade que se rebela contra un poder abafante e explotador e que estamos mesmo na beira dunha revolución democrática. Que se pensionistas, que se mulleres feministas...E non tal, esas reivindicacións son expresións democráticas que, sen dúbida, influirán pouco ou moito no resto da sociedade, mais son completamente minoritarias. Hai millóns de pensionistas e quen se manifesta son quen ten mellores pensións porque, precisamente, son as persoas con máis información. E que han votar eses outros millóns de pensionistas que non se manifestan e contemplan na televisión aos manifestantes?

 

Probabelmente o que indican as últimas enquisas, PP, Ciudadanos, PSOE..., os partidos do 155, os que gobernan ou apoian implícitamente que este goberno estea levando a cabo o programa de destrozos sociais que lle pide o capital internacional a través do FMI e o Banco Central Europeu. Un goberno que suma eses ataques aos máis débiles co aumento dunha débeda do estado que xa é impagábel, un estado que xa está en quebra hai tempo e ninguén o di. Non o di ningún deses tres partidos unidos nunha cumplicidade en distintos graos. Tampouco o di moi alto un Podemos que mira de estar caladiño porque a realidade é que non ten outro proxecto que entrar nalgún goberno futuro, con quen xa se verá.

 

Podemos mira de estar caladiño porque a realidade é que non ten outro proxecto que entrar nalgún goberno futuro

 

Esas manifestacións democráticas, imprescindíbeis, que non nos oculten a falta de proxecto político alternativo ao que goberna e cogoberna. Non o hai nin na España nin na Galiza. Sinto ben constatalo e dicilo.

 



x