Pídenme dun xornal catalán que escriba para un suplemento dedicado á pervivencia aínda do franquismo. De onde había ser o xornal senón? Non vexo que nin sequera as webs máis progresistas de Madrid sexan capaces de recoñecer e dar nome a iso tan evidente que estamos a padecer. Só en Catalunya existen varios medios con audiencia e unha radio e unha televisión públicas que son explícitamente críticos coa pervivencia do franquismo na sociedade e, sobre todo, no estado.

Recomendo procurar na rede unha APP da TV3 para poder sintonizar uns informativos profesionais e que deixan atrás os NO-Dos, tanto as complicidades explícitas cos poderes económicos e do estado como as que o disimulan con chistes e banalidades. Un informativo de TV3 devólvenos a evidencia de que aínda se pode facer xornalismo nalgures.

E, logo dos últimos meses, resulta tan evidente que o franquismo está no estado de arriba abaixo. Hai uns días non sei se foi unha efeméride ou que, lembrei o golpe de estado de Pinochet e EE.UU. en Chile e lembrei perfectamente onde e como me informei, estaba a escoitar “Radio Moscú” cando deron a noticia, a continuación emitiron “Te recuerdo Amanda” do Victor Jara. (Cabe que a memoria me engane, que esta lembranza tan nídia sexa imaxinada, de tan nidia aínda a impresión que me causou a noticia e a emoción daquela canción ouvida naquel contexto. Un xa dubida da memoria.)

Un informativo de TV3 devólvenos a evidencia de que aínda se pode facer xornalismo nalgures

 

Escoitabamos a BBC, Radio Moscú, Radio París…, calquera cousa porque sabiamos que os medios de comunicación españois estaban todos ao servizo ou baixo control do Réxime e mentían. Exactamente como agora.

Pouco e pouco, aborrecidos de tanta mentira e insidia, deixamos de escoitar e ver os informativos das radios e televisións, xa non lemos os xornais impresos... a crise do estado con Catalunya mostrounos a súa parcialidade absoluta nese e noutros temas cruciais. Agora estamos como hai cincuebta anos, para saber o que ocorre verdadeiramente dentro temos que sintonizar os medios de comunicación “de fóra”. Tamén os dun país que teñen ocupado e que non dan destruido, Catalunya. Hoxe a BBC, Radio París, Radio Moscú…, están na rede e seguen a ser tan necesarios como daquela.

Si, Franco morreu no leito e todo ficou atado e ben atado. Nunca ninguén nestas décadas nos dixo “xa está desatado, á fin”. Nunca, ninguén, porque foi no único no que non nos enganaron. Porque o nó segue ben atado. 



x